Historia e Evolución Sociolingüística de Galicia no Século XX

Otras lenguas extranjeras7,85 KB

Contexto histórico e situación sociolingüística

Nas primeiras décadas do século XX, a sociedade galega inicióu unha serie de transformacións que lle conferiron unha fasquia ben diferente da Galicia do século anterior. Os labradores protagonizaron mobilizacións masivas (movemento agrarista) e unha parte importante deles accedeu á propiedade coa redención dos foros. Empezouse a introducir maquinaria e fertilizantes minerais, mellorouse o sistema de cultivos e produciuse un rápido crecemento da cría do gando polo incremento da demanda alimentaria das cidades españolas.

Tamén creceu o sector industrial e, sobre todo, o de servizos, unidos a un importante crecemento urbano (a poboación urbana pasa do 9,1% en 1900 a 13,2% en 1930). Outros sectores que progresaron foron a pesca e as conservas, a metalurxia e a madeira. Aínda así, estes sectores non deron abastos para absorber os excedentes de poboación procedentes do medio rural e continuaron a emigración masiva cara a algúns países de Hispanoamérica.

Desde o punto de vista político, foron anos axitados. Tras a crise do réxime coñecido como Restauración, pásase á ditadura de Primo de Rivera e, en 1931, á II República española. A crecente forza dos movementos políticos esquerdista e revolucionarios fixo que a loita política se fose decantando en dous grandes bloques: dereita e esquerda.

Co triunfo da Fronte Popular nas eleccións de 1936, as clases dominantes españolas sentiron amenazada a súa posición, propiedades e modo de vida, polo que provocaron un golpe de Estado que só triunfou en parte do territorio español e que deu lugar á Guerra Civil.

A consolidación do nacionalismo galego

Foi nestas primeiras décadas do século cando se consolidou o nacionalismo. Os movementos e organizacións a través dos cales se deu esta consolidación foron:

  • As Irmandades da Fala: En 1916 créase na Coruña a primeira das Irmandades da Fala, asociacións que procuran a defensa, a difusión e o emprego do galego. Con elas aparece o nacionalismo galego e a tendencia á utilización sistemática do noso idioma de forma exclusiva para todo tipo de escritos. Axiña irán xurdindo outras irmandades nas principais cidades e vilas galegas (Santiago, Betanzos, Lugo...).
  • A Xeración Nós: En 1920 Vicente Risco, Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas e outros intelectuais, coa colaboración destacada de Castelao, comezan a publicar integramente en galego a revista Nós, que dá nome ao grupo que a creou, a unha xeración literaria que cultivará todo tipo de xéneros e mesmo a toda unha época da historia da cultura galega.
  • O Seminario de Estudos Galegos: En 1923 constitúese en Santiago o Seminario de Estudos Galegos, que funcionará ata 1936. Manifésta as preocupacións dun sector do mundo universitario por Galicia, que será obxecto de investigación como fenómeno natural, histórico, social...
  • O Partido Galeguista: En 1931 fúndase o Partido Galeguista, ao redor do cal se sintetizan os esforzos do nacionalismo galego nos anos 30. Foi este partido o principal valedor do Estatuto de Autonomía de Galicia en 1936. Entre os membros do partido estaban Castelao e Alexandre Bóveda.

O proceso de normalización e creación da prosa moderna

Os intelectuais comprometidos coas Irmandades, a revista Nós e o Seminario de Estudos Galegos esforzáronse en dotar a lingua dun rexistro formal e científico e convertela así en idioma de cultura. Levan a cabo un verdadeiro papel normalizador, a través da mellor vía posible: empregar o galego en contextos dos que estivera marxinado durante séculos. Utilízano na elaboración de textos literarios de todo tipo, ademais de ensaísticos e científicos, asumíndoo ademais como vehículo de comunicación oral cotiá.

Conseguiron o seu propósito, pois esta época sinálase como a da creación da prosa moderna en lingua galega, tanto literaria como científica. Porén, o maior problema destes avances radica na súa escasa repercusión social, de xeito que non tivo eco nas clases campesiñas, mariñeiras e proletarias. Os galeguistas, comprometidos co idioma, asumiron conscientemente e desde o principio o papel de minoría intelectual.

A xeito de conclusión, nesta época asistimos a dous avances cualitativos moi importantes:

  • A nivel cultural: O galego amplía notablemente os seus ámbitos de uso (actos públicos, ensaio, ciencia...), acadando o rango de lingua de cultura e aumentando o seu prestixio.
  • A nivel político: A aprobación do Estatuto en 1936 supuxo o triunfo do nacionalismo.

Estes avances non se traduciron nunha ruptura do proceso de substitución lingüística do galego polo castelán, senon que a perda de monolingües en galego continúa. Por outra parte, a Guerra Civil e a posterior ditadura veñen interromper todo este movemento cultural e político que se vivía durante o primeiro terzo do século XX, provocando un novo retroceso da lingua galega.

Características lingüísticas fundamentais

En 1906 inaugurouse na Coruña a Real Academia Galega, con Manuel Murguía como primeiro presidente. Esta institución naceu coa misión principal de redactar unha gramática e un dicionario, que servirían como referencia de autoridade, pero non chegou a cumprir o prometido.

A aplicación do galego a novos ámbitos de cultivo e usos, tanto escritos como orais, facía necesario dotalo dun nivel de elaboración do que carece ata o momento, tanto canto á unificación ortográfica como ao enriquecemento do seu vocabulario. Por outra parte, a ideoloxía nacionalista imperante nesta época provocou que os escritores intentasen achegarse a un idioma galego máis puro, afastándoo das interferencias do castelán. Isto resalta o aspecto máis enxebre do galego, como unha vía de afirmar a súa singularidade con respecto á lingua dominante.

Así, á hora de cubrir lagoas léxicas, normais nun idioma que está inaugurando ámbitos de uso, acudían preferiblemente ao portugués ou ao galego antigo. Este afán purista levounos a rexeitar en moitos casos formas galegas lexítimas para substituílas por arcaismos, lusismos, estranxeirismos, hipergaleguismos ou vulgarismos innecesarios.

A pesar de todo, os castelanismos non desapareceron, sobre todo os adaptados á fonética galega (lexos, parexa), aínda que son menos frecuentes que en épocas anteriores (carretera, rodillas).

Os intentos de unificación normativa

Canto á elaboración dunha norma unificada, non será a Academia quen asuma este labor, senon as irmandades e o seminario (Algunhas normas pra a unificacion do idioma galego, 1933, e Engádega ás normas pra a unificacion do idioma galego, 1936). A Nosa Terra, daquela órgano de expresión do Partido Galeguista, adopta as normas do seminario inmediatamente, o cal ten especial relevancia debido ao peso desta revista no ámbito nacionalista do momento.

Previamente á publicación das normas do Seminario, saen á luz outras. As primeiras aparecen en 1919, promovidas polas Irmandades, nunha obra titulada Compendio de gramatica galega de Leandro Carré Alvarellos, pero non contaron con moita aceptación. A este mesmo autor debémoslle o Diccionario gallego-castellano (2 vols., 1928-1931). Destaca ademais a Gramática do idioma galego (1922) de Manuel Lugrís Freire, e o estudo de Couceiro Freijomil El idioma gallego: historia, gramática, literatura (1926). Este último autor publicaría en 1929 o segundo intento de unificación ortográfica, Ortografia galega. Bases para a súa unificacion, máis sistemático ca o anterior e que constitúe, de feito, a base das normas do Seminario.

Descargar

PDF Word HTML