O Humanismo e a Monarquía dos Reis Católicos: Transformacións na Idade Moderna

Otras lenguas extranjeras3,07 KB

O Humanismo: Unha nova visión do mundo

O Humanismo foi un movemento de renovación intelectual xurdido nas rexións máis dinámicas e prósperas do continente europeo (norte de Italia e Flandres). Representou un cambio radical respecto da mentalidade da Idade Media. Caracterizouse pola:

  • Revalorización do ser humano: O individuo pasou a considerarse o centro do Universo e a máxima expresión da natureza, e así recuperou a capacidade para actuar e crear. Esta concepción, que se chama antropocentrismo, superaba o teocentrismo medieval segundo o cal Deus era o eixe en torno ao que xiraban o mundo e a vida do ser humano. Deste xeito, cambiaron o sentido da vida e a visión de Deus, que se empezou a ver como un pai misericordioso e non como un xuíz severo.
  • Recuperación da Antigüidade clásica: Nesta época leváronse a cabo escavacións para recuperar obras da Antigüidade e duplicáronse os estudos sobre os autores grecolatinos. Esta visión do clásico levou a valorar a arte e a cultura como un pracer e non só como un elemento didáctico da relixión, como fora ata entón.
  • Diferenciación entre a fe relixiosa e o saber: O coñecemento baseouse nun método científico (estudo, investigación, análise) e non en crenzas dogmáticas, como ocorría na Idade Media.

Os Reis Católicos e a orixe da monarquía hispánica

Desde a Idade Media concertábanse matrimonios entre príncipes ou reis para unir territorios ou consolidar reinos. No século XV, a voda dos príncipes Isabel de Castela e Fernando de Aragón, ambos da dinastía Trastámara, foi o inicio da monarquía hispánica.

A unión dinástica

Isabel, herdeira do reino de Castela, e Fernando, herdeiro da Coroa de Aragón, casaron en 1469. No momento en que foron proclamados reis, Isabel I de Castela en 1474 e Fernando II de Aragón en 1479, consumouse a unión de ambos os reinos. Este matrimonio foi unha unión dinástica, é dicir, non supuxo a fusión de ambas as Coroas, aínda que sentou as bases da súa futura integración política.

Cada reino conservou as súas fronteiras, as súas leis e institucións e, mesmo, as conquistas comúns incorporáronse a unha ou outra Coroa. Por exemplo, Canarias pasou a ser do reino de Castela e Nápoles, do de Aragón. Pero, a pesar de ser monarcas de reinos distintos, ambos participaban nas decisións do outro e moitas veces actuaron conxuntamente. En política exterior colaboraban fronte a inimigos comúns ou compartían os impostos que recadaban, a condición de que no reino que os cedía houbese excedente.

Descargar

PDF Word HTML