Lingua e Sociedade: Variedades Diastráticas e Niveis de Fala

Otras lenguas extranjeras3,31 KB

Lingua e Sociedade: Variedades Socioculturais ou Diastráticas

A sociedade organízase en grupos e capas sociais que moitas veces se diferencian pola maneira de empregar a lingua. A idade, o hábitat, a profesión, a formación, etc., determinan a linguaxe na que os falantes se expresan.

Non todas as persoas teñen o mesmo nivel de coñecemento da lingua e, en consecuencia, unhas expresaranse con maior ou menor corrección lingüística e outras non. Unha persoa culta non fala igual ca outra con escasa instrución. Estas diferentes maneiras de falar constitúen os niveis de lingua:

  • Nivel culto: corresponde ás persoas que teñen un alto nivel cultural e se expresan nunha lingua moi rica caracterizada pola pronunciación coidada, a corrección sintáctica, a riqueza e propiedade léxica, a abundancia de adxectivos, etc.
  • Nivel medio: corresponde á lingua estándar, usada normalmente pola maioría da poboación e polos medios de comunicación. Caracterízase polo respecto ás normas lingüísticas.
  • Nivel vulgar: é propio de falantes con escasa formación e que descoñecen as normas lingüísticas. Caracterízase polo emprego dun léxico reducido e de vulgarismos, así como por incorreccións fonéticas, léxicas e gramaticais (confusións na pronunciación dos fonemas, concordancias incorrectas, utilización de palabras con sentido impropio, etc.).

As Variedades Específicas

Tamén se relacionan coas variedades socioculturais as linguaxes específicas, que son maneiras de falar peculiares de determinadas profesións ou grupos. Son as linguaxes técnicas e as xergas.

  • As linguaxes técnicas ou tecnolectos caracterízanse polo seu vocabulario técnico e especializado. Por exemplo, a linguaxe dos médicos, dos informáticos, dos deportistas, dos xuristas, dos mariñeiros, etc.
  • As xergas son as linguas particulares de grupos sociais concretos. Teñen carácter esotérico ou críptico, é dicir, coa intención de ser coñecidas só polos membros do grupo, para diferenciarse, para afirmarse como grupo e para evitar ser entendidos polos demais: tribos urbanas, delincuentes, mocidade, certos profesionais (as xergas dos canteiros, dos afiadores), etc. Tamén podemos incluír o argot, ou xerga de grupos marxinais (delincuencia, droga, ambiente carcerario, etc.).

A Xerga Xuvenil

A xente nova emprega unha linguaxe máis renovadora ca os adultos, está máis aberta aos cambios, ao emprego de sufixos, aos neoloxismos e ás metáforas. Algunhas características da xerga xuvenil son:

  • A incorporación de palabras novas de invención espontánea: ¡Mola!
  • A deformación de palabras: matracas por matemáticas, etc.
  • A variación do significado de palabras xa existentes na lingua: A cafetería está petada de xente.
  • As abreviacións ou apócopes: finDE, bóli, mates.

Descargar

PDF Word HTML