Mitos Clásicos Gregos: As Fazañas de Perseo, os Amores de Apolo e a Metamorfose de Aracne
O Mito de Perseo: Dánae, Medusa e Andrómeda
1. Dánae e Perseo
Un oráculo reveláralle ao rei de Argos, Acrisio, que o seu neto o mataría. Asustado por esta predición, Acrisio mandou pechar a súa filla nunha torre de bronce e negouse a entregala en matrimonio aos príncipes que a solicitaban. Porén, Zeus quíxoa posuír e logrouno transformándose en chuvia de ouro. Da unión da moza co deus naceu Perseo.
Acrisio abandonou a Dánae e a Perseo nunha pequena barca á mercé das ondas durante unha tempestade. Con todo, estes contaban co apoio divino: os deuses fixeron soprar os ventos ata que nai e fillo alcanzaron a illa de Sérifos, onde foron acollidos por un pescador. Este levouros ante o rei Polidectes, que encomendou a educación do neno aos sacerdotes do templo de Minerva.
2. Perseo mata a Medusa
Pasados vinte anos, Perseo alcanzou gran fama, moito máis ca o rei Polidectes. Este, para desfacerse do mozo, propúxolle unha durísima misión: ir ao encontro de Medusa, unha das Gorgonas, e cortarlle a cabeza. Medusa tiña serpes en vez de cabeleira e, co seu repulsivo aspecto, convertía en pedra todo aquel que a contemplaba. Perseo aceptou o reto e recibiu axuda dos deuses: Atenea prestoulle o seu escudo; Mercurio, as súas ás talares e mais unha espada de diamante; e Plutón, un casco que o facía invisible.
Perseo matou a Medusa cortándolle a cabeza de raíz. O resto das Gorgonas espertaron ao oír o ruído e intentaron perseguir a Perseo, mais este escapou grazas ao casco e aos dons divinos que lle permitían voar.
3. Perseo en Mauritania e Etiopía
Pola noite, Perseo descendeu á terra a descansar. Encontrábase en Mauritania, gobernada por Atlas. Este titán, ao ver a Perseo, amedrentouse, xa que un oráculo predixera que o fillo de Xúpiter o destronaría. Por ese motivo negoulle a hospitalidade a Perseo, quen lle amosou a cabeza de Medusa (que mantiña a capacidade de petrificar a quen entrase en contacto visual con ela) e o transformou en montaña.
Ao día seguinte, Perseo chegou a Etiopía e encontrouse con Andrómeda. Esta filla do rei Cefeo fora encadeada á beira do mar e un monstro mariño dispoñíase a devorala. Perseo alzou o voo, lanzouse sobre o monstro, feriuno e arrancoulle o corazón. Ese mesmo día iniciábanse os preparativos para a voda dos mozos. Durante as nupcias, Perseo petrificou a Fineo, tío de Andrómeda e pretendente da moza, que perturbaba o desenvolvemento da cerimonia.
4. Últimas fazañas de Perseo
Finalmente, Perseo regresou á illa de Sérifos, onde Dánae continuaba cativa do rei Polidectes. O heroe loitou contra o tirano e matouno.
Acrisio, que coñecía as xestas do seu neto, encamiñouse a Larisa para felicitalo. Na honra dos éxitos de Perseo celebráronse uns xogos nos que este, querendo demostrar a súa habilidade no lanzamento de disco, errou o tiro e matou o seu avó sen querer. Deste xeito cumpríronse de forma inexorable as predicións do oráculo.
Apolo e os seus desgraciados amores
Apolo era o deus da beleza masculina; porén, foi desafortunado nos seus amores. Estaba namoradísimo da ninfa Dafne (que en grego significa «loureiro»). A ninfa quería permanecer virxe e sen contacto con ningún home. Suplicoulles aos deuses e estes convertérona nunha árbore de loureiro. Apolo fixo entón unha coroa coas súas follas, que levaría posta para sempre.
Apolo tamén foi amante do fermoso mozo Xacinto, de quen Céfiro (o vento do oeste) tamén estaba namorado. Mais Xacinto prefería a compaña de Apolo, pois con el disputaba múltiples competicións atléticas. Estando a competir no lanzamento de disco, o vento, celoso, desviou co seu sopro o disco que Apolo lanzara. O proxectil foi bater con violencia na cabeza de Xacinto e o xove morreu no intre.
O Mito de Minerva e Aracne
(Minerva = Atenea)
Aracne é unha moza de orixe humilde que vive na rexión de Lidia. A pesar de non proceder dunha familia nobre, todos a admiran polo seu talento prodixioso á hora de manexar o tear. Ten unha destreza admirable: move as mans cunha precisión incrible e do seu aparello saen formas, cores, debuxos e sanefas nada máis que nacidos da súa fértil imaxinación. Ao contemplalos, a xente quedaba fascinada: «Que cousa máis fermosa!», exclamaban.
Mais a doncela é tan talentosa como soberbia e quere que a súa habilidade sexa recoñecida por todo o mundo sen discusión. Por este motivo, nun momento de vanidade desmedida, desafía a Atenea, deusa das artes e dos oficios, a elaborar a peza máis perfecta que se tivese realizado xamais. Atenea tenta disuadila: aparéceselle baixo a forma dunha anciá bondadosa e aconséllalle modestia e humildade. Aracne non escoita a advertencia e mantén o desafío.
Ambas as dúas contendoras séntanse ante os seus respectivos teares: Atenea tece escenas maxestosas protagonizadas pola gloria dos deuses olímpicos; mentres tanto, Aracne, provocadora, ilustra os episodios máis escuros das divindades, aqueles momentos nos que se mostraron inmorais, crueis ou libidinosos.
No intre de comparar as teas, faise evidente, mesmo para a propia Atenea, que a destreza técnica de Aracne é insuperable. A deusa, chea de carraxe e despeito, destrúe o tapiz e golpea a moza na fronte. Aracne espántase e, temendo a vinganza da deusa, busca unha corda para aforcase dunha trabe do obradoiro. Atenea impídeo no último instante colléndoa no aire, pero lánzalle unha terrible condena: vivirá para sempre pendurada dun fío e tecerá arreo durante toda a súa existencia, tanto ela coma a súa liñaxe. Nese momento, os brazos e as pernas de Aracne comezan a encoller, os dedos alónganse, o corpo ínchase e cúbrese dunha peluxe escura: Aracne queda para sempre transformada en araña.