Panorama Literario de Galicia en el Siglo XIX: De los Precursores al Rexurdimento
A literatura no primeiro terzo do século XIX
Os primeiros textos teñen un carácter menos literario e máis propagandístico. Distinguimos dous grupos: políticos e literarios.
Textos políticos
- Uns teñen como obxectivo a busca dun apoio popular na guerra contra os franceses. Son mostras da literatura de combate en lingua galega.
- Citamos o romance anónimo "Un labrador que foi sarxento" e a prosa de Xosé Fernández de Neira "Pobrezas de Galicia".
Textos literarios
- Cómpre citar os villancicos da escola catedralicia de Mondoñedo (de Antonio María de Castro Neira) e os da escola compostelán de Vicente Turnes e Alberto Cammino.
- No xénero poético encadranse os sonetos satíricos de Antonio Arias Teixeiro, así como a Alborada e a Égloga de Belmiro e Benigno de Nicomedes Pastor Díaz.
- Como peza teatral, Antonio Bieito Fandiño creou A Casamenteira.
Os precursores
Este movemento derivou nunha vertente cultural ou estudo da nosa historia, folclore e lingua. Unha mostra desta toma de conciencia da cultura propia é a celebración dos Xogos Florais (os primeiros na Coruña en 1861).
Estes xogos deron lugar á publicación en 1862 do Álbum da Caridad. Nesta antoloxía, organizada por Antonio de la Iglesia, foron incluídos os poemas premiados e outros moitos publicados na prensa da época.
Aparecen algúns poetas aos que citamos como precursores (Pintos, Añón...) e outros máis novos que protagonizarán o Rexurdimento pleno (Rosalía de Castro, Pondal...). É posíbel caracterizar a poesía destes precursores cos seguintes trazos:
- No tocante á forma: Hai unha mestura de pezas de corte popular (cantigas, coplas...) e outras de estilo máis culto (sonetos, églogas).
- En canto ao contido: Dous son os temas principais: a descrición da vida popular e as ofensas que recibe Galicia.
Francisco Añón
Autor de "Poemiñas soltos", Añón publicou ao longo da súa vida un bo feixe de poesías en diversos periódicos, quedando inéditas moitas das súas composicións. Algunhas delas son de temática costumista, recreando tradicións do país: A leiteira, O magosto, etc.
O seu poema máis coñecido é o Himno a Galicia, que foi premiado nos Xogos Florais da Coruña de 1861.
O Rexurdimento
O labor dos precursores tería a súa culminación coa obra dos autores do Rexurdimento. Este movemento impulsou a recuperación da nosa cultura no sentido máis amplo.
Acostúmase citar a publicación en 1863 de Cantares Galegos de Rosalía de Castro como inicio deste período. Esta obra supuxo a demostración de que o galego era unha lingua apta para chegar aos máis altos graos de expresión artística.
O Rexurdimento prodúcese pola combinación dunha serie de factores e causas:
- A influencia das ideas da Ilustración, que en Galicia tiveran concreción nos escritos de defensa da nosa cultura por parte de ilustrados como o pai Sarmiento e o pai Feijoo.
- A repercusión da Guerra da Independencia, que motivou a aparición dunha firme conciencia como pobo que precisaba de autogoberno.
- A ideoloxía romántica, que triunfaba en toda Europa e primaba a exaltación da liberdade e das culturas autóctonas.
- A difusión dos postulados políticos liberais (contrapostos aos absolutistas), que propugnaban a necesidade de descentralización e a defensa das peculiaridades de Galicia.
Características xerais
Destacan os seguintes aspectos:
- Carencia dunha tradición literaria culta.
- A reivindicación do carácter diferenciado de Galicia.
- Predominio da lírica.
O teatro do Rexurdimento
O teatro deste período divídese en dúas vertentes principais:
Teatro costumista
- Personaxes populares.
- Asuntos triviais ou temas de actualidade.
- Clara intención de denuncia social.
Teatro histórico
- Reconstrución de episodios do pasado de Galicia.
- Instrumentos de propaganda patriótica.