Poesía galega de posguerra: xeracións, autores e temas clave
A poesía na posguerra
Nos anos 50 vai recuperándose pouco a pouco o cultivo literario en lingua galega, pero a data clave é 1950, ano no que se crea a editorial Galaxia, que inicia o camiño da recuperación cultural galega desde Galicia. A editorial estrénase cunha obra de Cabanillas (Antífona da cantiga).
Na poesía de posguerra atopamos tres xeracións poéticas sucesivas que comezan a publicar as súas obras ao mesmo tempo, posto que non había case ningunha produción editorial. A partir de 1950, cando as obras dos poetas comezan a saír á luz, as xeracións son:
- Xeración do 36
- Promoción de Enlace
- Xeración das Festas Minervais
A Xeración do 36
Está formada polos escritores que naceron entre 1910 e 1920. Moitos deles xa publicaran numerosas obras antes da guerra, pero é agora cando publican os seus textos máis significativos.
Promoción de Enlace
É unha xeración formada por autores que nacen nos anos 20. Estes escritores son un enlace entre a Xeración do 36 e a Xeración das Festas Minervais. Os poetas destacados son: Antón Tovar, Luz Pozo Garza, Manuel Cuña Novas, María do Carme Kruckenberg...
A Xeración das Festas Minervais
É unha xeración formada por escritores nados entre 1930 e 1940 que levaron a cabo unha profunda renovación da poesía galega. Comparten estas características xeracionais:
- A maioría teñen formación universitaria e participaron nas Festas Minervais (certames poéticos da Universidade de Santiago) e escribiron no xornal compostelán La Noche.
- Son escritores monolingües en galego.
- Vincularon se ao proxecto cultural Galaxia.
- Mantiveron un activo compromiso político.
Brais Pinto
Foi un grupo creado por un conjunto de mozos galegos, traballadores e estudantes, que tamén realizaron unha creación literaria co nome de Brais Pinto. O nome do grupo fai referencia a un imaxinario afiador de Nogueira de Ramuín que percorreu o mundo coa súa roda e morreu atropelado en Madrid. O anagrama do grupo era unha roda de afiar. Algúns dos integrantes eran Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Raimundo Patiño e Fernández Ferreiro.
Celso Emilio Ferreiro
É o poeta máis destacado da súa xeración (Xeración do 36). Celso naceu en Vilanova, nunha familia vinculada ao galeguismo. Durante a guerra foi recrutado polo bando franquista e levado á fronte de Asturias. A guerra e as súas dramáticas consecuencias convertéronse en motivo reiterado nos seus versos. Celso estivo encarcerado no mosteiro de Celanova por culpa dunha denuncia; esta experiencia cóntaa no poemario Longa noite de pedra.
Tras a guerra reside en Pontevedra e Vigo, onde publica as súas primeiras obras. Anos despois emigra a Venezuela, onde a súa visión idealizada cambia por completo ao enfrontarse cos dirixentes das sociedades galegas, que só se preocupaban polos cartos. Morre en Vigo en 1979.
Temas da súa poesía
- Poesía social: denuncia as inxustizas sociais, expresa solidariedade cos oprimidos e o seu compromiso antibelicista e antifascista.
- Poesía intimista: expresa o seu desacougo existencial, lembra un tempo pasado e feliz, sente nostalxia da súa terra e reflexiona sobre a fugacidade da vida, o amor, a morte...
- Poesía satírica: denuncia a mesquindade humana e canta as traxedias do home. Estas características aparecen nas Cantigas de escarnio e maldicir e nos Antipoemas.
Estilo e recursos
Celso escribía os seus versos nunha liña coloquial e popular, na procura dun discurso directo e claro. A súa poesía caracterízase por metáforas e imaxes simbólicas organizadas en:
- Elementos positivos: termos referidos á claridade (luz, amencer) e á altura (pomba, vento, bandeira), que connotan as ideas de esperanza, liberdade e xustiza.
- Elementos negativos: termos referidos á escuridade (noite, sombra, corvo, negro, cinza), a espazos pechados e profundos (pozo, túnel...) e a pedra.
Celso tamén escribiu prosa, como A fronteira infinita e A taberna do galo.