Poesía Galega Posguerra: Xeracións Literarias e Autores Esenciais
Na inmediata posguerra apenas existiu actividade cultural e literaria. Nos anos 50 iniciouse unha lenta recuperación da literatura, sobre todo na poesía. Nesta época de censura, os autores cultivaron o paisaxismo e o intimismo; sen embargo, no exilio escribían poesía de ton social e reivindicativo. Os poetas da posguerra agrúpanse en tres xeracións:
A Xeración do 36
Constituída por poetas que naceron entre 1910 e 1920. Formáronse na República e viviron a Guerra Civil, motivo que está sempre presente na súa poesía. A través deles transmitiuse o legado da Xeración Nós. Cultivaron tendencias poéticas da preguerra como o imaxinismo (Amado Carballo), o neotrobadorismo (Bouza Brey) e o paisaxismo (Noriega Varela), pero incorporaron outras novas como o socialrealismo (Celso Emilio Ferreiro) e o intimismo radical (María Mariño). Pertencen a esta xeración Aquilino Iglesia Alvariño e Celso Emilio Ferreiro.
Aquilino Iglesia Alvariño
Naceu en Abadín (Lugo) en 1909 e morreu en Santiago en 1961. Antes da guerra, publicou “Señardá” (1930) e “Corazón ó vento” (1933). Ambos os dous libros presentan tendencias poéticas da preguerra: o imaxinismo, o saudosismo e o paisaxismo. En 1947, publicou “Cómaros verdes”, o primeiro libro en galego despois da guerra.
Celso Emilio Ferreiro
A súa primeira obra importante foi “O soño sulagado” (1954), que trata o mundo da infancia e a perda da inocencia, a guerra, etc. En 1962, publicou “Longa noite de pedra”, poesía social realista que denuncia as causas e os causantes da infeliz situación social. Os temas recorrentes son a denuncia da inxustiza e da opresión, a liberdade e a esperanza, a solidariedade cos que sofren, a falta de liberdade e o antibelicismo. Xa en Venezuela, publicou “Viaxe ao país dos ananos”, un libro que critica os emigrantes que só se interesan en acaparar bens materiais e aproveitan a riqueza moral para vivir en liberdade. Na mesma liña satírica e mordaz, publicou “Cantigas de escarnio e maldicir”. En 1975, publicou “Onde o mundo se chama Celanova”, onde abandona a poesía social e regresa á poesía lírica para falar de si mesmo.
A Promoción do Enlace
Formada por poetas nacidos entre 1920 e 1930. Sofren as consecuencias da guerra: penuria económica, pobreza cultural, etc. Empezan a escribir en castelán porque as primeiras influencias que reciben son destes poetas. Máis tarde, por influxo da Xeración Nós, escriben en galego. A súa poesía é un reflexo do home que sobrevive nun ambiente sen esperanza. Pertencen a este grupo Luz Pozo Garza, Antón Tovar e Manuel Cuña Novas.
A Xeración das Festas Minervais
Poetas nacidos na década dos 30. Danse a coñecer nas Festas Minervais para a promoción de novos valores entre 1953 e 1964. Son case todos universitarios, viaxan por Europa e reciben diversas influencias. Evolucionan dende o existencialismo até o socialrealismo, influídos por “Longa noite de pedra”. Moitos deles asumen posturas radicais ante a problemática galega. Dentro desta xeración hai varios grupos poéticos:
- O colectivo Brais Pinto (Méndez Ferrín, Bernardino Graña)
- A Escola de Tebra (Manuel María, Manuel Cuña Novás)
- Poetas individuais (Uxío Novoneyra, Salvador García-Bodaño)
Manuel María (1930-2004)
Naceu en Outeiro de Rei (Lugo) en 1930. Evoluciona desde o existencialismo da “Escola de Tebra” cara a unha poesía de compromiso colectivo para facer consciente ao lector da súa identidade galega. Na súa primeira etapa, publicou “Muiñeiro de Brétemas” (1950), “Advento” e “Morrendo a cada intre” (1952). Da súa etapa do socialrealismo é “Terra Chá”.
Uxío Novoneyra (1930-1999)
Naceu no Courel en 1930. A súa poesía é de temática paisaxística. Percibe a paisaxe como algo místico, aínda que tamén reflicte o seu compromiso coa realidade de Galicia. Publicou “Os eidos” (1955), “Elexías do Courel” (1966) e “Os eidos 2” (1974).
Xosé Luís Méndez Ferrín
Naceu en Ourense en 1938. En 1964, fundou a Unión do Pobo Galego (UPG), que é o inicio do nacionalismo galego. En 1957, publicou “Voce na néboa”, de influencia existencialista. En 1972, baixo o heterónimo de Heriberto Bens, publicou “Antoloxía popular” e en 1980 “Poesía enteira de Heriberto Bens”, de ton reivindicativo de acordo coa súa militancia independentista. En 1976, saíu “Con pólvora e magnolias”, onde volve a unha poesía con rigor formal, musicalidade e forza expresiva na linguaxe.