Poetas Galegos Destacados: Novoneyra, Ferrín, Manuel María e Graña
Enviado por Comunidad Wikiteka y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 3,8 KB
Autores Galegos Destacados na Poesía Contemporánea
Os autores máis destacados son os seguintes:
Uxío Novoneyra
Principal representante da corrente do paisaxismo renovador, que se insire na tradición de temática paisaxista de Noriega, aínda que amosa unha visión innovadora da paisaxe. É unha poesía de ton místico e panteísta, que nos presenta o ser humano en soidade, unido a unha natureza inmensa e reflexionando sobre a súa existencia. Na súa obra máis salientábel, Os Eidos, recolle a paisaxe do seu Courel natal. A partir de 1960 acentúase na súa poesía a vertente social, comprometida con Galiza e coa loita antiimperialista e antibelicista (por ex., contra a guerra de Vietnam).
Formalmente, salienta o verso breve e as frecuentes enumeracións. Son esenciais os elementos visuais (disposición dos versos cun valor expresivo) e os elementos fónicos: as onomatopeas e o fonosimbolismo (evocación de sensacións non auditivas por medio da expresividade dos sons).
Xosé Luís Méndez Ferrín
Ademais de ser un dos principais narradores da actualidade, representa unha referencia esencial na poesía deste período. As súas primeiras obras (Voce na néboa) insírense na poesía angustiada da “Escola da Tebra”, aínda que xa amosan características constantes do autor: invención de nomes, a presenza de Galicia e intertextualidade. Na década dos 70 decantarase pola poesía comprometida, publicada cun pseudónimo e que recollerá nos 80 na obra Poesía enteira de Heriberto Bens.
A súa obra Con pólvora e magnolias (1976) supón un auténtico revulsivo na poesía galega da década dos 70, pois renova a temática de reivindicación social, dándolle un enfoque menos tópico e “panfletario”, cunha expresión moi coidada e refinada (riqueza léxica, abundancia de recursos literarios, imaxes audaces), con presenza de elementos estéticos novidosos (versilibrismo, disposición tipográfica orixinal) e abundantes referencias culturais clásicas e modernas. O libro combina dúas vetas: a da proclama política que aínda persiste (a pólvora) e a da introspección persoal e intimista de gran preocupación estética (as magnolias). Os temas da nostalxia, o paso do tempo ou a presenza inexorable da morte son agora tratados cun coidado exquisito da forma.
Manuel María
Inaugura a “Escola da Tebra” coa súa primeira obra, Muiñeiro de brétemas (1950), na que predominan os temas intimistas e existencialistas. Posteriormente decántase cara ao paisaxismo, poetizando elementos da natureza da bisbarra (Terra Chá) definitorios da cerna do rural galego, por exemplo na obra Terra Chá (1954), na que se inclúe o poema “O carro”. Nas décadas de 1960 e 1970 o socialrealismo predomina na súa obra: defensa das clases populares, reivindicación nacional de Galiza e crítica da tiranía e do imperialismo. A sinxeleza da expresión e a temática popular contribúen á súa grande aceptación social, mesmo entre o público infantil, con obras como Os soños na gaiola.
Bernardino Graña
Presenta unha traxectoria común á maioría dos membros da súa xeración: inicio na órbita da “Escola da Tebra” coa obra Poema do home que quixo vivir e posterior achegamento á poesía social e a outras temáticas máis intimistas. A súa poesía, de marcado ton vitalista, trata de maneira singular o tema do mar. Nas últimas obras adquire maior peso a vivencia amorosa e o sentimento de alienación do ser humano nunha sociedade mercantilizada en exceso (Non vexo Vigo nin Cangas).