Réxime feudal e sociedade estamental: Reis Católicos e Imperio español no século XVI
Réxime feudal e sociedade estamental
O réxime feudal
O réxime feudal era un sistema socioeconómico e político vixente na Idade Media baseado nas relacións de vasalaxe. O rei era o señor supremo dun territorio, a quen todos lle debían obediencia e fidelidade, pero a cambio tiña que outorgar aos seus vasalos un beneficio ou feudo (terras e/ou dereitos xurisdicionais).
A súa vez, os grandes nobres empregaban este tipo de relacións con outros de inferior categoría, formándose así unha pirámide de dependencia (pirámide feudal). De acordo con estas obrigacións feudais, cada nobre importante dispuña dun exército particular de vasalos ao seu servizo, e o exército do rei estaba formado pola unión desas mesnadas particulares dos nobres e eclesiásticos.
O monarca era o dono do reino (monarquía patrimonial) e exercía a soberanía (de orixe divina) e a autoridade suprema, pero compartía cos señores o exercicio do poder e da xustiza que estes administraban nas súas terras e señoríos (monarquía feudal) e debía gobernar respectando os privilexios forais dos reinos e cidades.
Na Coroa de Castela dominou a concepción autoritaria do poder (agás nos señoríos vascos), mentres que na de Aragón predominou a concepción pactista: é dicir, o rei e o reino mantiñan un pacto polo que o rei gobernaba de acordo ccos privilexios dos diferentes reinos que formaban a Coroa de Aragón.
A sociedade estamental
A sociedade cristiá medieval foi unha sociedade estamental na que os individuos estaban ordenados en grupos, estados ou estamentos, de acordo coa función que desenvolvían: loitar, rezar, traballar. Nesta sociedade predominaban os lazos de dependencia persoal fronte aos vínculos de carácter público, e os seus membros eran legalmente desiguais: uns grupos posuían privilexios e vantaxes xurídicas, e outros non.
Os grupos privilexiados
Estaban formados polos nobres e os eclesiásticos; posuían honores e títulos, non pagaban tributos, tiñan leis e tribunais especiais e exercían o poder e a xustiza sobre os demais. Eran os señores e fundamentaban a súa posición de dominio e privilexio na dedicación ao exercicio das armas ou á oración (consideradas actividades superiores). Entre eles existían grandes diferenzas, tanto honoríficas como económicas: entre a alta nobreza (duques, condes) e a baixa (fidalgos), e entre o alto clero (abades, bispos) e o baixo (curas e monxes).
Os grupos non privilexiados
Estaba composto polo resto da poboación: campesiños, artesáns, comerciantes, burgueses... Formaban o estamento dos pecheiros, porque pagaban os pechos ou impostos. A súa situación variou co paso do tempo:
- Antes do século X, estivo composto fundamentalmente polos labradores, diferenciándose entre os campesiños libres, propietarios de pequenas parcelas, e os colonos ou servos, que estaban adscritos á terra que traballaban (non a podían abandonar sen permiso) e debían realizar diversas prestacións e servizos aos seus señores.
- Despois do século X, co renacemento urbano e das actividades comerciais, xurdiron novos grupos nas cidades e vilas: menestrais, artesáns e comerciantes. Todos eles formaron o grupo dos burgueses (habitantes dos burgos).
A nova monarquía dos Reis Católicos
Unión dinástica
O matrimonio formado por Sabela, raíña da Coroa de Castela, e Fernando, rei da Coroa de Aragón, é coñecido como o dos Reis Católicos, debido ao título honorífico concedido polo Papa en 1496. No entanto, esta unión matrimonial non significou a unión das dúas Coroas, senón que foi unicamente unha unión dinástica baseada nun vínculo persoal. Non se fusionaron os territorios, e cada unha das Coroas conservou a súa personalidade, con leis e institucións propias e diferenciadas, mantendo tamén as fronteiras e as aduanas entre elas.
Para gobernar os seus reinos acordaron repartirse competencias e administrar conxuntamente os territorios (correxentes, co lema tanto monta o rei como a raíña), así como establecer un único escudo (as frechas de Sabela e o xugo de Fernando). Na súa titulación, os Reis Católicos decidiron manter os seus títulos tradicionais coa enumeración de todas as súas posesións, aínda que na Corte real e no exterior foise impoñendo paulatinamente o título de reis de España.
Reorganización político-administrativa
Para reforzar a súa autoridade e conseguir un mellor goberno dos seus reinos, os Reis Católicos introduciron modificacións políticas e administrativas, entre as que destacan:
- Reforzamento dos Consellos: o Consello Real converteuse no principal órgano asesor e de goberno dos reis. Estaba formado por nobres e letrados organizados en comités específicos (política exterior, xustiza, facenda...). Ademais, crearon o Consello da Inquisición (1483), o Consello das Ordes Militares (1489) e o Consello de Aragón (1494).
- Extensión dos vicerreis naqueles territorios que, como a Coroa de Aragón e Navarra, tiñan organismos e leis específicas. Para Galicia crearon o cargo de Gobernador, con poderes similares aos do vicerrei.
- Reforma da xustiza: creación de novas Chancelarías (Valladolid e Granada) e Audiencias (Galicia e Sevilla), tribunais permanentes que exercían a súa xurisdición sobre un territorio delimitado.
- Imposición dos corrixidores nas cidades de realengo de Castela. Actuaban como representantes dos reis e estaban encargados da orde pública, de impartir xustiza e de supervisar a vida municipal.
- Incremento da burocracia e formación dun exército permanente baseado nos terzos*, que se crearon e empregaron no dominio de Italia (terzos vellos).
- As Cortes (diferenciadas para Castela, Aragón, Cataluña, Valencia e Navarra) mantiveron as súas funcións básicas: aprobación de leis a proposta dos reis e recadación de impostos.
Configuración do Imperio español no século XVI
A herdanza de Carlos I
Entre 1515 e 1519, Carlos de Habsburgo recibiu como herdanzas dos seus pais (Xoana a Tola e Filipe o Fermoso) e avós (Reis Católicos e reis da Casa de Austria e de Borgoña) numerosos territorios espallados por Europa (Coroa de Castela, Coroa de Aragón, condados e ducados de Austria e Flandres...) e por América.
Os cambios en tempos de Filipe II
Entre 1555 e 1556, Carlos I abdicou, deixando ao seu fillo Filipe II a maior parte dos seus reinos, agás os territorios austríacos.
Rebelión en Flandres
Flandres era unha das dezasete provincias que conformaban os Países Baixos. No século XVI a doutrina protestante espallouse por todos eles. A intolerancia católica do rei Filipe II provocou revoltas e motíns contra a súa autoridade. A pesar da acción represiva exercida polo duque de Alba, a rebelión non cedeu. En 1579 as provincias do norte, encabezadas por Holanda, non renunciaron ao protestantismo e lograron sacudirse o dominio español formando as Provincias Unidas baixo o liderado de Guillerme de Orange (Unión de Utrecht), consolidando a súa posición grazas ao apoio inglés. Pola contra, nas provincias do sur, o protestantismo foi erradicado, manténdose na obediencia católica e baixo a soberanía de Filipe II (Unión de Arras).
Incorporación de Portugal
En 1580 morreu sen descendentes directos o rei de Portugal. Filipe II reclamou o trono por ser fillo dunha princesa portuguesa. Empregando a diplomacia e o exército, conseguiu que en 1581 as Cortes portuguesas o recoñecesen como rei, xurando este manter as súas liberdades e institucións propias. A integración de Portugal significou, ademais da unidade peninsular, a incorporación do seu enorme imperio con posesións en África, Asia e América; naqueles momentos podíase dicir que nos dominios de Filipe II non se poñía o sol.
Guerra contra Inglaterra
Motivos relixiosos (cisma anglicano), políticos (apoio aos rebeldes protestantes dos Países Baixos, execución da raíña de Escocia, a católica María Estuardo) e económicos (ataques dos ingleses ás colonias e frotas americanas) decidiron a Filipe II a organizar a invasión e conquista de Inglaterra. Para logralo formou en 1588 a Gran Armada*, que debía ir ata os Países Baixos para embarcar alí os terzos españois e asaltar Inglaterra, pero a operación foi un fracaso. Como represalia, os ingleses enviaron unha flota capitaneada por Drake en 1589, que atacou A Coruña, Lisboa e as Azores. O enfrontamento manteríase constante ata a morte de Filipe II.