A Sociedade Baixomedieval Galega: Nobreza, Burguesía e Campesiñado (Séculos XIV-XV)
A sociedade baixomedieval
1. Unha nova nobreza
A aristocracia galega mantivo, no esencial, as mesmas estruturas internas desde a Alta Idade Media ata o século XIV. Con todo, non pode falarse de liñaxes, pois mantéñense as estruturas de parentesco bilinear así como o sistema hereditario igualitario. Portela e Pallares estudaron aos Traba, quen, malia ao seu peso específico e protagonismo continuo durante dous séculos, nunca chegaron a conformar unha liñaxe en sentido estrito.
O cambio nas estruturas de parentesco deuse en Galicia máis tardiamente que na maior parte de Europa e con algo de retraso fronte a outros territorios da Península Ibérica; só son perceptibles desde comezos do século XIV. Por fin, a condición nobiliaria pasa a ser transmitida hereditariamente.
Haberá cambios na organización interna da familia. O cabeza de familia pasa a ter poder decisivo na transmisión hereditaria dos bens. Refórzase a liña masculina e cobra peso e protagonismo o primoxénito varón. O reparto hereditario é entón desigual ao seu favor. Ademais, a esposa supedítase a el, así como as fillas e os fillos menores: as mulleres pasan a ser moito máis dependentes que na época anterior.
Homes segundóns: incerteza e futuro non garantido
Isto vese no Testamento de Gonzalo Ozores de Ulloa, de 1402. O patrimonio queda dividido en tres partes:
- O morgado, que inclúe terras "solariegas" e a parte principal das propiedades, para o primoxénito varón, Lopo.
- Terras e casas en menor cantidade e de importancia secundaria para o grupo familiar, para o segundón, Gonzalo.
- Unha terceira parte reservada para a filla Isabel. Trátase de diñeiro, mais non de libre disposición, pois estaba reservado para o seu matrimonio (controlado por Gonzalo).
Con respecto ás responsabilidades do primoxénito, este debe garantir a continuidade e integridade das propiedades "solariegas"; protexer ao grupo familiar asegurando o sustento mínimo do resto dos irmáns, quen, pola súa parte, lle deben obediencia; e tamén ten deberes coa familia "artificial", é dicir, a clientela integrada na casa como vasalos e "mozos" doutras liñaxes.
A cabalería e os torneos actuaron como forma de promoción social. O esplendor máximo do ideal cabaleiresco deuse con Afonso XI. Para os mozos nobres (sinaladamente os segundóns) era unha forma de adestrarse para a guerra, ademais de ser un medio de promoción económica e un escaparate social.
A nova nobreza
Por outra banda, a nobreza desta época caracterízase pola presenza de novas caras. Desaparecen boa parte das vellas familias aristocráticas debido á extinción biolóxica, ás guerras contra os musulmáns e outras, e ás purgas de Pedro I, entre outros motivos. A nova nobreza que ocupou ese espazo tiña unha tripla orixe:
- Cabaleiros que apostaron polos Trastámara. Henrique II vainos enriquecer e promocionar (Andrade, Osorio, Soutomaior, Moscoso…).
- Familiares do rei, como o conde de Trastámara, Pedro Enríquez, e o seu fillo Fadrique (unidos aos Osorio).
- Familias de orixe foránea que apoiaran a Henrique II ou que secundaran as pretensións castelás en Portugal. Destacan os Pimentel, portugueses asentados a fins do século XIV, e familias de orixe castelá como os Sarmiento ou os Zúñiga.
Familias e áreas nobiliarias
- Sarmiento: presenza na costa cantábrica, Ourense e Ribadavia.
- Andrade: área Coruña-Betanzos-Ferrol. Posteriormente, Vilalba e Pontedeume.
- Moscoso: familia moi presente na Terra de Santiago, pois algúns foron arcebispos. Tiñan as fortalezas de Altamira e Vimianzo.
- Ulloa: terras ao suroeste da cidade de Lugo, no Deza e, a finais do século XV, en Monterrei.
- Soutomaior: principal familia da diocese de Tui. Áreas de Redondela e Vigo.
- Lemos: consolidación tardía (século XV) con Pedro Álvarez Osorio, casado cunha descendente de Henrique II. Presenza nas cidades de Lugo e Ourense, e máis en Monforte, Sarria…
A política dos Trastámara
A política dos Trastámara (dinastía fundada por Henrique II e Xoán I) foi de gran xenerosidade coa nobreza que os apoiara. Cidades e vilas que fora do reguengo foron transferidas en señorío a diversas familias: Fernán Pérez de Andrade recibe, en 1371, de Henrique II, Pontedeume, Ferrol e Vilalba. Allariz, que fora cabeceira do reguengo, pasa por distintas familias desde o século XIV: Benavente, Pimentel. Ribadavia será dos Sarmiento.
Nobreza e violencia
En relación coa nobreza e a violencia, esta é a época na que se multiplican os castelos. Ditas fortalezas contaban con novas funcións, como a de someter ao campesiñado asentado ao seu redor. Os castelos da nova nobreza serán centros de operacións dos seus cabaleiros subordinados, sendo o lugar de partida para cometer as malfeitorías sobre o campesiñado e os bens eclesiásticos. A violencia sistemática de tipo extorsionador vén dada pola conxuntura crítica e pola caída das rendas tradicionais.
A era da encomenda
A encomenda será unha peza chave neste proceso. Nacida na época anterior, foi impulsada desde finais do século XIV. Foi común a todo Occidente e a Castela, mais en Galicia podería estar o "exemplo máis monstruoso e extremo".
A encomenda era, en principio, a defensa e protección dun mosteiro por parte dun nobre, a cambio de determinados pagos e servizos (ofrecía protección). Porén, converteuse nunha forma de control absoluto sobre as rendas e o patrimonio dos mosteiros, exercido de maneira violenta e arbitraria.
Por este cambio na encomenda, Xoán I recibe unha carta da minoría dos mosteiros galegos queixándose dos abusos dos encomendeiros. O rei decide posicionarse a favor dos mosteiros e prohibe toda unha serie de encomendas ilexítimas.
2. A burguesía
Os habitantes das cidades e vilas posuían distinta condición social, malia as prohibicións dalgúns foros (caso da Coruña). A nobreza radicaba nas cidades, pois varios liñaxes se asentaran nesas zonas: Soutomaior en Pontevedra, Sarmiento en Ribadavia, Moscoso en Santiago.
A nobreza que residía nas cidades pretendía participar activamente no goberno das mesmas, en ocasións (cidades de señorío episcopal) actuando como intermediaria entre os bispos e o concello. O sector que participaba da actividade comercial era, no caso de Pontevedra, o dos Montenegro. Isto levou a que os enterros xa non se desen só nos mosteiros rurais, pois moitos pasaron ás cidades, como os Andrade en Betanzos e os Soutomaior en Pontevedra.
Nas cidades máis dinámicas, o comercio era a actividade máis lucrativa. De aí xorden as elites propiamente urbanas.
Os artesáns conformaban a maioría da poboación urbana. Eran a base dos pecheros, xunto a mareantes, campesiños e pequenos comerciantes: ferreiros, xastres, zapateiros, carniceiros…
As cofradías gremiais
As cofradías gremiais xorden primeiro en Compostela a finais do século XIII, mais desenvólvense no XIV. Destacan zapateiros, mercadores de viños, xastres, carpinteiros, carniceiros, acibecheiros e cambiadores.
Pobreza e marxinación
- Os pobres fiscais estaban conformados por viúvas e outros grupos así catalogados polo concello.
- Os pobres de Deus, ou de solemnidade, vivían da caridade e da "sopa boba".
- Os leprosos vivían nos lazaretos.
- As prostitutas foron confinadas en casas ou enclaves concretos: en Compostela (metade do século XIV), na Rúa do Sequelo; en Pontevedra, nos baños preto de Santa Clara. No século XV, o concello construíu catro casas para o exercicio da prostitución fóra da muralla.
3. Os avatares do campesiñado
Os efectos inmediatos da crise foron moi lesivos para o campesiñado. Varias institucións eclesiásticas (Santa Clara de Pontevedra, por exemplo) realizaron compras masivas ao longo da súa historia, o que levou á venda de campesiños empobrecidos. Tamén se constatan compras rurais por parte da burguesía mercantil. Porén, a sima demográfica e o cénit crítico van realzar o valor da man de obra campesiña. Deste xeito, desde finais do século XIV, boa parte dos foros aumentan a súa duración e pasan a ser moito menos severos no relativo á renda e aos servizos.
Con todo, a forza do campesiñado queda mitigada pola violencia exercida contra el polos cabaleiros. O punto culminante dáse ao longo do século XV, en especial baixo o reinado de Henrique IV (1454-1474). Esta situación foi esencial no xurdimento dos Irmandiños.
O conflito irmandiño
1. O panorama social e político da Galicia do século XV
Debemos ter en conta dúas realidades contrapostas definitorias desta época:
- Un campesiñado consciente do valor do seu traballo, que consegue minorar rendas e condicións forais.
- Unha nobreza e os seus cabaleiros, que recorren sistematicamente á violencia para garantir novas fontes de renda.
Haberá loitas entre os poderosos e conflitos internos entre a nobreza (loitas polo poder e a riqueza), así como unha tensión permanente entre parte da nobreza, normalmente asociada aos concellos, e os bispos e arcebispos.
No ano 1418, o nobre Rui Sánchez de Moscoso establece unha Irmandade co concello compostelán, co obxectivo de gobernar a cidade ante a ausencia na corte do arcebispo Lope de Mendoza. No ano 1458, a nobreza da Terra de Santiago alíase cos concellos de Santiago, Muros e Noia contra Rodrigo de Luna. É unha época na que varios bispos teñen que fuxir de Galicia e varios prelados son asasinados, como Don Lope de Lugo (1403) e Don Alonso de Ourense (1419).
A nobreza atópase en tensión interna permanente e sen liderado. En 1429 morre don Fadrique, conde de Trastámara, último dos grandes favorecidos polo triunfo de Henrique II e último nobre preponderante en Galicia. A nobreza queda sen liderado interno e xa non quedan equivalentes a Fernando de Castro. Pérez Rodríguez defíneo así: "Cada unha das familias aristocráticas loita na comarca ou comarcas en que están asentadas para incrementar o seu poder".
A escasa presenza real
Para facer o panorama aínda máis complexo, cómpre destacar a escasa presenza real. Hai unha debilidade crecente da presenza real en Galicia, tanto física como administrativa. Desde Henrique II, a única visita real é a dos Reis Católicos. Obsérvase unha perda de funcionalidade dos Adelantados Mayores e unha desconfianza dos reis na súa operatividade. En ocasións, a resolución de determinados conflitos delégase nos correxidores (comisario rexio itinerante) e noutros cargos, como cando, no ano 1434, chega a Ourense para resolver un conflito entre burgueses e o bispo.
As Irmandades
As Irmandades non son unha realidade que naza en Galicia, senón que son comúns na Coroa de Castela. No caso galego, en 1418 créase en Santiago unha entre Rui de Moscoso e a burguesía compostelá, mais non é a primeira destas asociacións. O precedente atópase en Compostela nos anos 1116-1117.
Nacidas a finais do século XIII desde os concellos, en momentos de debilidade monárquica, tiñan como obxectivo manter a orde e limitar o abuso de malfeitores. Contaban co respaldo dos reis ou das cortes. En 1282, as Irmandades de Castela, León e Galicia aparecen no conflito entre Afonso X e Sancho IV.
2. Os precedentes: a revolta de Roi Xordo (1431) e outros conflitos
A orixe ten que ver con Nuno Freire de Andrade, alcumado O Mao, señor de Ferrol, Pontedeume, Vilalba… Este era moi esixente e duro cos seus vasalos. O cronista de Xoán II, Fernán Pérez de Guzmán, di que os campesiños o consideraban "señor muy fuerte e duro e que nolo podían comportar".
No ano 1431 impón aos seus vasalos unha tributación especial para sufragar os gastos da visita do Infante Henrique de Aragón a Santiago. Foi o motivo último da explosión social. Ten un posible inicio en Ferrol baixo o liderado dun fidalgo, vinculado aos Mariñas, coñecido como Roi Xordo. Estes destrúen algúns bens do señor de Andrade e alíanse coas xentes dos bispados de Lugo e Mondoñedo. Toman Pontedeume e cercan no pazo-castelo a parte da familia de Nuno Freire.
Este primeiro estoupido dos vasalos contra o seu señor converteuse nunha das primeiras Irmandades do século XV en Galicia. Os seus ataques limitáronse aos bens da nobreza e dos cabaleiros, deixando á marxe os bens da Igrexa e da monarquía, un comportamento idéntico ao do Gran Levantamento Irmandiño.
Nuno Freire fuxe das súas terras e solicita o amparo real a Xoán II, o cal envía como delegado ao arcebispo compostelán Lope de Mendoza. Este non conseguiu chegar a un acordo cos Irmandiños. Desde ese momento, estes tentarán entrar na cidade de Santiago, o que sería o principio do seu fin.
O fracasado ataque sobre Santiago marca un punto de inflexión. A partir dese momento, Andrade recibirá apoio real para acabar coa revolta (envío dun Correxidor Real). Andrade e o Correxidor atacan Pontedeume, cerran o asedio e derrotan aos Irmandiños, que se disolven. Comeza entón un momento de represión nobiliaria, con aforcamentos e encadeamentos.
Esencialmente, salvando o alcance xeográfico e a destrución das fortalezas, pode considerarse un ensaio e un anticipo da gran revolta de 1467. Algúns testemuños denominan esta Irmandade "Fusquenlla", de significado incerto. E parafraseando a Fernán Pérez de Guzmán, cabería falar dunha "Irmandade Louca".
Outros movementos antiseñoriais anteriores a 1467
O de 1431 non é o único xurdimento antiseñorial anterior a 1467. Hai outros movementos de resistencia e contestación que evidencian un malestar social:
- Preito dos arrianos ou labradores da diocese de Tui. Comeza en 1434 ante a negativa dos campesiños a pagar a loitosa ao bispo. Os labradores terán o respaldo dos veciños de A Guarda e de Baiona.
- Allariz, ata ese momento cidade reguenga, entregada en señorío aos Pimentel, condes de Benavente, o que xerará resistencias por parte dos habitantes da vila (1446).
- Revoltas violentas: en 1451, nas Rías de Arousa e Pontevedra, onde aparecen as primeiras fortalezas derrubadas, coñecida como "Segunda" Irmandade; en 1455, en Ourense, o concello fronte ao señorío episcopal, o que deriva nun enfrontamento armado. Homes do bispo atacan aos cidadáns desde o Castelo Ramiro, mentres que burgueses asaltan os "paços et curral" do bispo.
Todos estes conflitos levan a pensar que era evidente para a xente do común que o principal mal do país era a inestabilidade social que provocaban os cabaleiros. Tiñan moi claro que o que querían era garantir a restauración da orde social, para asegurar un estilo de vida normal. Sinálanse como orixe de todos os males os castelos e as fortalezas. Ante a debilidade real, volverán a aparecer as Irmandades: a finais de 1464 xorde a organización da Hermandad General de Castela, León, Galicia e outros reinos.
3. O conflito irmandiño (1467-1469)
A iniciativa parte dos concellos, que buscan o amparo da Coroa. Estes esixen orde pública e contar co amparo do rei. Exemplo é a petición do Concello de Ourense a Henrique IV en 1465, que sinala:
- A importancia das guerras habidas e o poder dos cabaleiros.
- O poder relacionado coas fortalezas, que "nos parece que para o remediar e castigar e derrocar as ditas fortalezas…".
- A petición ao rei para que envíe expertos en dereito que, de acordo coa xente, restitúan a xustiza.
- Como colofón, a organización de "Irmandades en todo o dito voso reino, e usen e se gobernen polas leis delas…".
Debemos ter en conta que no mesmo ano 1465 acontece a "Farsa de Ávila". A nobreza estará dividida entre a lealdade a Henrique e o apoio ao infante Afonso, o que derivará nunha guerra civil. Neste momento, en Galicia apoian ao infante, entre outros, os condes de Benavente, Lemos, Fernán Pérez de Andrade e o arcebispo Alonso de Fonseca. As terras e os castelos destes serán os máis atacados polos Irmandiños.
As Irmandades organízanse con rapidez. Abrazan parte de Galicia, aínda que hai zonas sen presenza documentada. Están deseñadas como defensa da legalidade encarnada polo Rei, mais sobre un monarca máis ideal e abstracto que pola propia figura de Henrique IV. A organización farase por parroquias urbanas e por terras, é dicir, respectando a estrutura territorial do país. O éxito da mobilización foi masivo: un testemuño do Preito fala de entre 10.000 e 12.000 homes.
A Santa Irmandade do Reino de Galicia
En febreiro de 1467 constitúese en Melide a Santa Irmandade do Reino de Galicia, unión de todas as existentes. Decídese que o tema das fortalezas será da súa competencia exclusiva. Marzo e abril están dedicados á organización interna:
- Elección de alcaldes coas súas "varas de xustiza", dirixentes locais.
- Deputados para asistir ás asembleas.
- Cuadrilleiros para organizar as milicias.
- Asembleas sempre respaldadas pola Coroa.
O 25 de abril derrúbase a primeira fortaleza, o Castelo Ramiro en Ourense.
A destrución das fortalezas
Entre abril de 1467 e abril de 1468, a tarefa esencial dos Irmandiños consiste na destrución de fortalezas, sendo estes derrubos autorizados por Henrique IV. López Carreira estima que foron derrubadas un mínimo de 155. Os castelos entregáronse sen oposición e mediante un pacto (na maioría dos casos), a partir do cal os Irmandiños os destruían. Porén, outros resistiron e houbo o coñecido como Asedio Irmandiño: por exemplo, Allariz aguantou oito meses e non foi derribada. A idea de que Pambre foi a única fortaleza non derrubada polos Irmandiños é un mito: "o mito de Pambre".
Os ataques aos castelos xorden das cidades coa colaboración do campesiñado que vive ao seu redor. É o caso do Castelo Ramiro, ou do de Santiago, onde comezan polas torres do pazo arcebispal, seguindo por Rocha Forte. Despois, coa colaboración das irmandades de Padrón e Terra de Cordeiro, desmantelan as Torres do Oeste.
Os bandos nobiliarios
- Fuxida fóra de Galicia: Sancho de Ulloa, Diego de Andrade ou o arcebispo Fonseca.
- Resistencia e fuxida: Pedro Álvarez de Osorio, conde de Lemos, foi quen máis resistiu. Derrotado polos Irmandiños, que lle destruíron varias fortalezas, estes perseguírono ata o Bierzo.
- Non confrontación: Lopo Sánchez de Moscoso ou Gómez Pérez das Mariñas, que non tiveron excesivos conflitos cos Irmandiños e, de feito, semellan ser membros da Irmandade.
Organización militar e perfil social
O exército irmandiño controlaba o territorio, gañaba batallas e asedios, o que evidencia unha notable capacidade militar. A mobilización xeral entre a xente do común, no campo e na cidade, deu lugar a un exército con moitos efectivos. A experiencia de boa parte da sociedade en exércitos señoriais e o feito de que todo o mundo andaba armado desbotan a idea dun exército armado só con fouces ou gadañas. A maioría era infantería, con escasa cabalería.
O perfil social dos Irmandiños é importante. O movemento foi socialmente transversal, salvo a alta nobreza e unha maioría de cabaleiros. Por lóxica, a maioría eran campesiños, pescadores e artesáns, reflexo da realidade social. Barros identificou 150 cargos, con maioría de xente do común e traballadores. Os cabaleiros irmandiños (Barros documenta 14) cumpriron funcións de alto mando militar nas súas respectivas áreas e na dirección das batallas. Destacan Alonso de Lanzós (Mariñas), Pedro Osorio (Terra de Santiago) e Diego de Lemos (eixo Lugo-Monforte).
Joan Branco, capitán xeral da Irmandade, era notorio de Betanzos. Sen embargo, outros capitáns eran campesiños, cambiadores ou integrantes de ordes militares. De todos os xeitos, semella que o papel protagonista na dirección lle corresponde á burguesía urbana.
Igrexa e bispos
Con respecto á Igrexa, a Irmandade fai unha labor restitutoria dos bens usurpados pola nobreza laica. Nin igrexas nin mosteiros foron asaltados, e o clero puido seguir desenvolvendo as súas funcións, que a Irmandade cualifica de "santa".
No relativo aos bispos hai unha dobre realidade: destrución de castelos e cambios nos liberados de encomendas e na tutela nobiliaria, ademais do apoio dos cabidos catedralicios, incluso economicamente. A única institución eclesiástica claramente afectada polos Irmandiños foi o arcebispo de Santiago, cun comportamento semellante ao da nobreza laica: plena implicación no conflito civil e, finalmente, fuga a Portugal.
Balance do poder irmandiño
Entre 1467 e 1469, Galicia quedou baixo o mando irmandiño. O proxecto foi pacificador e restaurador da situación previa ao estalido da bandidaxe nobiliaria. Non hai un cuestionamento do modelo social, aínda que podería pensarse que hai unha redución dos poderes xurisdicionais da nobreza, e tampouco hai un programa de reformas.
A reacción feudal
O principio do fin data de setembro de 1468, cando o Pacto de Toros de Guisando pon fin á guerra civil castelá, co que remata a Hermandad General, sobrevivindo só a de Galicia.
O fin da guerra supón o fin do apoio de Henrique IV á Irmandade de Galicia. A nobreza aparca entón as súas diferenzas internas e comeza a organizarse. Hai sectores da nobreza que se separan da Irmandade, como o conde de Lemos, e van armando exércitos desde Portugal e Castela para preparar o retorno. A primeira iniciativa veu da man de Pedro Madruga desde Portugal, dando inicio así á reacción feudal.
Pedro Madruga cruza o Miño e derrota un primeiro contingente irmandiño. Chega a Pontevedra, que lle impide a entrada, e avanza así ata Santiago, onde se xunta con Alonso de Fonseca e Xoán Pimentel cos seus exércitos.
A derrota irmandiña non foi inmediata nin contundente. As batallas a campo aberto foron vencidas polos exércitos nobiliarios, mais estes foron incapaces de vencer os cercos das cidades amuralladas. De feito, atópanse pactos entre Fonseca e Santiago ou Pontevedra, ou entre o conde de Lemos e Ourense ou Allariz. Ata 1474, os Irmandiños conservan algún poder local.
O castigo aos vencidos
Os nobres vencedores non seguiron o exemplo de Nuno Freire de Andrade en 1431, aínda que algúns o auspiciaban. É o caso de Pardo de Cela, quen recomendaba colgalos dos carballos. O conde de Lemos, máis cívico, prefería mantelos con vida, e esa foi a tónica a seguir. Houbo, con todo, algún caso de presión e morte. Alonso de Lanzós e Pedro Osorio foron encarcerados.
4. Balance final
López Carreira foi matizando os seus puntos de vista desde a súa primeira aproximación ao tema. En 1991 consideraba o conflito un momento esencial na historia de Galicia na evolución cara á autonomía con respecto a Castela. Máis recentemente (2006) destaca que, coa derrota irmandiña, se pon fin á fase expansiva que, económica e politicamente, tivera a burguesía urbana galega, dando paso a unha re-ruralización na época moderna. A guerra civil posterior aos irmandiños desmonta o papel da nobreza laica e coloca á Igrexa no seu papel hexemónico no Antigo Réxime.
Barros, en 1988, negaba o carácter de revolución e non consideraba importante o factor nacional. En 2006 define o movemento, en principio, como unha revolta, pero, tendo en conta que afecta ao conxunto de Galicia, pola radicalidade da fase de derrubo de castelos e por ter unha nova mentalidade, "xustifica en rigor a conveniencia de definir a revolta irmandiña como unha revolución".
Por último, para Portela e Pallares trátase da última revolta feudal, pero admiten que desemboca en cambios serios tras a derrota e a guerra civil do século XV: a reconstrución do poder monárquico e o prestixio real a partir dos Reis Católicos, un papel cada vez máis limitado da nobreza galega no ámbito político e, en definitiva, "a mudanza de idade está lonxe aínda da mudanza de sistema".