Tipos de sucesións ecolóxicas
- Sucesións ecolóxicas primarias: son as que se inician nun terreo virxe (por exemplo, en rochas, dunas ou illas volcánicas); é dicir, é o conxunto de cambios que se producen nun ecosistema cuxo biótopo non fora ocupado previamente por unha biocenose. As especies que colonizan estes biótopos denomínanse pioneiras ou oportunistas (estrategas da r) e, cando chegan ao ecosistema novas poboacións de especies competidoras, abandónano.
- Sucesións ecolóxicas secundarias: teñen o seu comezo en lugares que sufriron algún tipo de perturbación ou alteración anterior que deu lugar a unha regresión, pero que conservan parcial ou totalmente o seu solo; é dicir, un conxunto de transformacións que teñen lugar nun biótopo que xa foi ocupado previamente por unha biocenose. Como exemplos de sucesións secundarias pódense citar moitas das que teñen lugar como consecuencia dos impactos ambientais provocados polas actividades humanas.
Outros conceptos ecolóxicos e ambientais
- Risco xeolóxico: é calquera condición do medio xeolóxico, natural, inducido ou mixto, que poida xerar un dano económico ou social.
- Efecto bordo: son as interaccións que se producen na zona de contacto ou límite entre dous ecosistemas colindantes.
Relacións interespecíficas
- Tanatocrese: consiste na utilización que fai unha especie de cadáveres ou restos doutras especies para fins diferentes aos alimentarios, como a construción de refuxios (por exemplo, o cangrexo ermitán).
- Inquilinismo: relación na cal unha especie vive sobre ou dentro doutra sen causarlle dano nin proporcionarlle beneficio. Por exemplo, as plantas epífitas.
- Simbiose: consiste nunha asociación de organismos que chegou a ser tan estreita e íntima que estes non poden vivir por separado. É o caso dos liques, simbiontes formados por unha alga unicelular e un fungo.
- Mutualismo: é o tipo de relación no que dúas especies se benefician mutuamente, ata o extremo de que a súa interacción chega a ser necesaria para a supervivencia de ambas as dúas especies. As abellas, por exemplo, dependen das flores para a súa alimentación e as flores dependen das abellas para a súa polinización.
- Parasitismo: pódese considerar como unha depredación moi especializada, na que o parasito depende por completo dun ou de varios hospedadores, aos cales prexudica provocándolles enfermidade e/ou a morte.
- Competencia: interacción entre distintas especies que disputan os mesmos recursos limitados, tales como o alimento ou a auga. Por exemplo, a disputa entre o voitre e o chacal ante os restos dunha peza de caza.
- Comensalismo: interacción na que as especies comensais se aproveitan do sobrante da comida do hospedador ou patrón, así como de mudas, descamacións, etc. O patrón, pola súa banda, non sae prexudicado nin beneficiado.
- Depredación: relación na que unha especie predadora se alimenta doutra (a presa) capturándoa e matándoa. Esta relación beneficia a ambas as poboacións a nivel ecolóxico, pois o depredador obtén alimento e na poboación de presas son eliminados os individuos máis débiles, enfermos ou feridos.