Unidades Morfoestruturais e Evolución Xeomorfolóxica da Península Ibérica
Tipos de Unidades Morfoestruturais
- Zócolo: Conxunto de materiais antigos (metamórficos ou plutónicos) de época primaria ou anterior, moi ríxidos, que conforman unha plataforma xa elevada (baseamento) que pode estar cuberta por materiais sedimentarios. A súa rixidez provoca a súa fractura ante os pulos oroxénicos. Exemplo: Base sobre a que se asenta a Meseta Central.
- Macizos antigos: Son montañas da Era Primaria arrasadas e hoxe convertidas en zócolo ou montañas formadas na Era Terciaria polo levantamento (rexuvenecemento) dun bloque dun zócolo, como consecuencia dos movementos oroxénicos alpinos. Os seus materiais son paleozoicos. Na Península Ibérica son macizos antigos: as serras interiores da Meseta (Sistema Central e Montes de Toledo), o Macizo Galaico e a parte occidental da Cordilleira Cantábrica.
- Cordilleiras de pregamento: Serie de montañas de gran altitude xurdidas na Era Terciaria a partir do dobramento de materiais sedimentarios de orixe mariña depositados durante a Secundaria. Exemplos: Cordilleiras Béticas, Pirineos, etc.
- Depresións ou cuncas sedimentarias: Fosas que datan da Era Terciaria recheas con sedimentos calcarios ou arxilosos. Exemplo: Depresión do Guadalquivir.
Evolución Xeomorfolóxica
Atopámonos na fronteira entre dúas placas, a Euroasiática e a Africana, polo que sufrimos ao longo da nosa historia as consecuencias desta posición, o que provocou numerosos episodios tectónicos. Os estudosos dividen a historia xeolóxica da Terra, en función destes episodios, en catro grandes eras. Simplificando moito, poderiamos falar de que as eras Primaria e Terciaria son épocas de moita actividade xeolóxica: choques violentos de placas e aparición de grandes sistemas montañosos (oroxéneses); mentres que a Era Secundaria e o Cuaternario son épocas de calma xeolóxica nas que predomina a erosión dos sistemas montañosos xurdidos na Era Primaria e a acumulación de grandes cantidades de sedimentos.
Era Primaria ou Paleozoico (600 - 250 millóns de anos)
Nesta época produciuse a oroxenia herciniana, que provocou a elevación dun gran bloque por enriba do nivel do mar. Este bloque é coñecido como Macizo Hespérico e nel predominaban os materiais silíceos, como veremos logo (litoloxía): granitos, gneis, cuarcitas, lousas, xistos, etc. Tamén se elevaron outros bloques montañosos semellantes nos chamados Macizo Balear-Catalán, Macizo do Ebro e Macizo Bético-Rifeño.
Era Secundaria ou Mesozoico (250 - 65 millóns de anos)
Esta é unha época das chamadas de calma xeolóxica, ou sexa, na que non se produciu ningunha oroxenia importante e na que predomina a erosión dos relevos anteriores e a acumulación de enormes cantidades de sedimentos no zócolo herciniano e nos seus bordos. Este Macizo Hespérico basculou (inclinouse) cara ao Mediterráneo e esta zona foi cuberta polo mar.
Nestes bordos cubertos polas augas acumuláronse enormes cantidades de cunchas e outros fósiles mariños, sedimentos que se pregarán no futuro, na Era Terciaria, constituíndo o núcleo (rochas calizas ou calcarias) dos rebordos alpinos da Meseta: Sistema Ibérico e Cordilleira Cantábrica.
Era Terciaria (65 - 2 millóns de anos)
Neste momento produciuse a chamada oroxenia alpina, no marco dunha enorme actividade xeolóxica en todo o planeta, ao longo da liña de contacto entre a placa africana e a euroasiática (Alpes, Cárpatos, Cáucaso, etc.) e sobre todo polo choque entre esta última e a placa india (nacemento do Himalaia). Na Península Ibérica sucederon os seguintes fenómenos:
- Pregamento e elevacións de todos os sedimentos acumulados nos bordos da Meseta (Cordilleira Cantábrica e Sistema Ibérico) e en zonas un pouco máis externas (Cordilleiras Béticas, Pirineos, etc.).
- Aparición de dúas importantes cuncas ou depresións: a do Ebro e a do Guadalquivir, que se foron colmatando de sedimentos continentais (Ebro) e mariños (Guadalquivir).
- Elevación, deformación (materiais brandos) e fractura (materiais ríxidos) da antiga cadea herciniana, alternándose bloques que se elevan e bloques que se afunden, formando o que en xeoloxía se coñece como estrutura xermánica: Macizo Galaico, Sistema Central, Montes de Toledo, etc.
- Ao mesmo tempo producíronse afloramentos volcánicos no Campo de Calatrava ou en Olot.
- Outro efecto importante foi a basculación cara ao oeste da Meseta, o que provocou o cambio de percorrido dos ríos desta zona, que agora desembocarán no Atlántico: Texo, Douro, Guadiana.
Cuaternario (2 millóns de anos - actualidade)
No Cuaternario a principal novidade a nivel xeolóxico é a aparición do glaciarismo e as súas consecuencias. Nesta época houbo cando menos catro momentos nos que a capa de xeo permanente sobre a Terra aumentou considerablemente (glaciacións Würm, Riss, Mindel e Günz), ceixadas por breves períodos nos que aumentaban as temperaturas (interglaciacións).
Os efectos producidos polo glaciarismo no relevo son de dous tipos:
- Modelado glaciar: O xeo permanente na superficie terrestre provoca a aparición, nas zonas máis altas, de verdadeiros ríos de xeo que se desprazan cara a zonas máis baixas: os glaciares. Estes glaciares teñen unha enorme capacidade erosiva e, cando desaparecen nos períodos cálidos (como o actual), deixan impoñentes pegadas do seu paso, como os vales en artesa ou en U, ademais dos depósitos de pedras e rochas que ían desprazando: as morrenas glaciares.
- Regresións e transgresións mariñas: A acumulación de auga en forma de xeo nos continentes provoca un descenso importantísimo das precipitacións, do caudal dos ríos e, polo tanto, un descenso (ás veces moi pronunciado) do nivel do mar e un aumento da superficie continental. Pola contra, nas interglaciacións o efecto é o contrario: aumenta o nivel do mar e o litoral retrocede.