A vangarda na poesía galega: movementos e autores clave
A poesía de vangarda
Os escritores nados arredor do 1900 levaron a cabo a renovación das letras galegas. Os vangardistas incorporaron á nosa literatura os principios estéticos e as novidades características dos principais movementos vangardistas europeos. As vangardas responden a unha reformulación teórica das artes. As diferentes solucións reciben o nome de ismos.
Características comúns da vangarda
- A reivindicación da materia artística como algo autónomo, sen conexión co mundo real.
- Percepción simplemente intelectual da realidade e actitude antisentimental, tentando eludir calquera palpitación emocional na obra de arte.
- Innovación da linguaxe figurada: sintaxe e imaxes fanse irracionais ou absurdas.
Os poetas galegos, dándose a coñecer contra o 1925, publicaron unha serie de revistas que se constituíron como a súa principal canle de expresión. Esta xeración de autores incorporou as novidades das vangardas; o espírito nacionalista e a descuberta dos cancioneiros medievais influíron nas vangardas galegas. Deste xeito, podemos falar de varias correntes poéticas, aínda que non todas se poderían incluír dentro da vangarda plena.
A vangarda plena: Creacionismo
A primeira corrente é a vangarda plena, representada polo creacionismo de Manuel Antonio, autor de De catro a catro. En 1922, asinara co artista plástico Álvaro Cebreiro o único manifesto vangardista galego, ¡Máis Alá!, onde propoñía unha ruptura total coa literatura galega e unha defensa do monolingüismo na literatura: «A máis agresiva intransixencia na fala». En 1924, no xornal Galicia, publicou Prólogo dun libro de poemas que ninguén escribiu.
De catro a catro constitúe unha sorte de caderno de bitácora. Está composto por 19 poemas e reflicte a viaxe marítima que realizou. Principia con «Intencións» e o seu eu poético abandona a beiramar e lánzase ilusionado a unha nova experiencia. Continúan 17 poemas nos que manifesta unha vivencia intensa do mar e unha experiencia íntima en contacto co cosmos que o rodea. No medio da navegación, unha escala en terra. Rematando coa volta á terra, o poema «Adeus».
Álvaro Cunqueiro foi o poeta galego que conectou máis cos outros movementos de vangarda; co cubismo no seu poemario Mar ao norde e co surrealismo no libro Poemas do si e non.
A vangarda matizada
As outras dúas correntes seguidas pola xeración novecentista son a vangarda matizada.
Hilozoísmo
A primeira é o Hilozoísmo, escola que ten como principal representante a Luis Amado Carballo, autor de dous poemarios: Proel e O galo. Está claramente influenciado polas vangardas europeas.
Neotrobadorismo
A segunda é o Neotrobadorismo, que xorde polo influxo da lectura dos cancioneiros medievais. Os representantes sobresaíntes desta corrente son Fermín Bouza Brey, que dá ao prelo Nao senlleira, e Álvaro Cunqueiro, autor de Cantiga nova que se chama ribeira.
Outras voces poéticas
Outras voces poéticas importantes desta xeración son Manuel Luís Acuña, autor de Fírgoas, e Roberto Blanco Torres coa obra Orballo da media noite. Finalmente, Luis Pimentel, presente nas iniciativas da vangarda galega e autor de Triscos e Sombra do aire na herba.