A Nova Narrativa Galega: Renovación, Autores e Obras Clave

Enviado por Comunidad Wikiteka y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 5,69 KB

A Nova Narrativa Galega: Renovación e Autores Clave

A etiqueta de “Nova Narrativa Galega” púxoselle a unha serie de obras que, desde mediados dos anos 50 ata principios dos 70 (aproximadamente), comparten o desexo consciente de renovar totalmente a narrativa feita en galego. Esta renovación implicaría aspectos de estrutura narrativa: voz narrativa, tratamento do espazo e tempo, personaxes, así como tamén da temática e do discurso narrativo.

Influencias e Contexto da Nova Narrativa

A Nova Narrativa incorpora a influencia nas artes dos grandes descubrimentos na ciencia, na filosofía e na psicoloxía do século XX (a teoría da relatividade de Einstein, o existencialismo de Heidegger, o funcionamento do inconsciente de Freud) xunto coa experiencia traumática das grandes guerras, da industrialización globalizada e o impacto da cultura de masas. A renovación narrativa que levaran a cabo décadas antes escritores como Kafka, Joyce, Faulkner ou o movemento francés do Nouveau Roman serán fonte de inspiración dos escritores máis novos que inician a súa carreira nesta época.

Temas e Personaxes na Nova Narrativa Galega

Conscientes de que a literatura inspirada nunha visión nostálxica do mundo rural pertence definitivamente ao pasado, os autores da Nova Narrativa centran os seus mundos narrativos no mundo urbano. O espazo social predominante sitúase nas fronteiras da marxinalidade. Os personaxes, lonxe de ser heroes dignos de admiración, son personaxes cunha identidade traumática e dispersa que non son capaces de interpretar dun xeito coherente o mundo que os rodea. Deambulan polo espazo narrativo sen un obxectivo claro: a súa existencia é absurda e o mundo que os rodea caótico e hostil. Eles mesmos apenas se diferencian dos obxectos que os rodean. O real e o irreal confúndense e a liña temporal clásica esnaquízase en anacos desconexos. A lectura esixe a colaboración do lector, aínda que axiña un se decata de que non sempre se pode aspirar a crear orde no caos: despois de todo, enfrontámonos a unha narrativa que tenta precisamente transmitir a angustia e desorientación que a sociedade moderna, mediante sofisticados mecanismos de poder, crea no ser humano.

Características Clave da Nova Narrativa Galega

Sintetizamos a continuación algunhas características e novidades desta narrativa:

  • Rexeitamento dunha trama argumental lóxica e do heroe clásico: no mundo moderno o individuo dilúese e xa non ten importancia.
  • Múltiples voces narrativas: ruptura do suxeito único e integrado, seguro de si mesmo. O individuo non é xa unha unidade coherente.
  • Mestura do real e o irreal: moitas veces a través dos soños ou de estados psicolóxicos alterados (ou patolóxicos) que facilitan a confusión.
  • Utilización do monólogo interior e da corrente de conciencia: exploración dos camiños do inconsciente.
  • Perda da progresión temporal: e, como consecuencia, perda da lóxica argumental.
  • Concepción obxectalista do ser humano: os personaxes vense sometidos a procesos de animalización que poñen en dúbida a súa humanidade e dimensión transcendente.
  • Gusto polos ambientes violentos: ruptura do tabú no tratamento do sexo, da morte e da enfermidade.
  • Preferencia polos ambientes urbanos.
  • Rexeitamento polo compromiso ideolóxico explícito.
  • Regreso á infancia.

Autores e Obras Fundamentais da Nova Narrativa

  • Xosé Luís Méndez Ferrín: Crea espazos narrativos onde se mestura a fantasía e a realidade e que poden funcionar como alegorías da realidade galega. Utiliza antropónimos e topónimos exóticos. É autor dunha importante obra, entre a que destacamos os títulos adscritos á NNG:
    • Percival e outras historias (1958)
    • O crepúsculo e as formigas (1961)
    • Arrabaldo do norte (1964)
    • Retorno a Tagen Ata (1971)
  • Camilo Gonsar:
    • Lonxe de nós e dentro (1961)
    • Como calquera outro día (1962)
    • Cara a Times Square (1980)
  • Mª Xosé Queizán: A súa primeira novela, A orella no buraco (1965), encádrase perfectamente dentro do que se denominou obxectalismo: técnica narrativa que procura a neutralidade mediante unha narración como de cámara cinematográfica inmóbil que recolle todo aquilo que observa. O protagonista é un mendigo que deambula por unha gran cidade sen obxectivo ningún.
  • Carlos Casares: Dentro desta corrente publicou un libro de relatos, Vento ferido (1967), e dúas novelas:
    • Cambio en tres (1969) (o protagonista é un emigrante que volve para o enterro dun amigo)
    • Xoguetes para un tempo prohibido (1975) (pódese considerar unha novela de formación na que os protagonistas van experimentando vivencias que os levarán á perda das ilusións xuvenís e acabarán nun final tráxico). Casares experimenta con éxito a técnica narrativa do monólogo interior.
  • Xohana Torres: A súa única novela publicada, Adeus María (1971), presenta a novidade dunha protagonista feminina que realiza unha profunda exploración do seu interior psíquico e unha aguda crítica da realidade social a partir do trauma da separación dos seus pais, que teñen que buscar traballo na emigración e deixan a familia en precario.