Variación Lingüística e Rexistros na Lingua Galega

Enviado por Comunidad Wikiteka y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,24 KB

Variación interna da lingua galega: Os rexistros lingüísticos

A capacidade lingüística que ten o ser humano maniféstase nunha gran variedade de linguas. Non obstante, esta diversidade lingüística existe tamén nun marco interior dentro da mesma lingua, xa que nela se rexistran diferentes xeitos de uso da linguaxe e da fala. Son as denominadas variedades lingüísticas, as cales responden a diversos factores: temporal, xeográfico, social e situacional.

Factores da variación lingüística

As variedades lingüísticas responden a diversos factores:

  • Variación temporal

    É consecuencia do paso do tempo e permítenos diferenciar a lingua antiga ou medieval da lingua actual.

  • Variación xeográfica

    Dá lugar a variedades dialectais segundo os trazos lingüísticos de cada zona.

  • Variación social

    Depende do estrato social dos falantes ou doutras características sociais como a idade ou o sexo; a variedade lingüística compartida por un mesmo grupo denomínase sociolecto.

  • Variación situacional

    Permite diferenciar diversos rexistros en función das características contextuais de cada acto comunicativo, polo que a variación se dá en cada individuo e circunstancia.

A variedade estándar ou normativa

Por último, cómpre coñecer o significado da variedade estándar ou normativa. Esta variedade foi establecida no século XIX polos precursores do Rexurdimento, os cales elixiron o galego con maior prestixio, é dicir, o que se consideraría correcto dentro do ámbito formal.

Niveis de uso e variación diastrática

Na lingua galega tamén podemos separar a poboación baseándonos no nivel de uso do galego e, polo tanto, se se presenta un falante que utiliza cultismos, estamos a falar dun nivel alto, mentres que se aparecen vulgarismos, estariamos falando dun nivel baixo. Estes niveis están establecidos pola variación social, a encargada de identificar os niveis de fala dentro dunha poboación. Ao contrario ca nas linguas normalizadas, o galego presenta unha gran variación entre os niveis da lingua; por iso, podemos dicir que estas fronteiras son máis difusas. A variación diastrática é aquela que se dá dentro dun grupo de persoas, nas que podemos destacar as xergas, que conforman a vontade dun grupo social para diferenciarse dos demais. Estas xergas están compostas por palabras propias dun grupo social que non pertencen á lingua común; polo que, se estas se xeneralizan, entón xa non se denominarían xergas, posto que pasan a pertencer á lingua común.

Variacións situacionais e rexistros

As variacións situacionais están determinadas pola situación que rodea a acción da fala. Esta situación coñécese como contexto lingüístico, no que interveñen a canle, os interlocutores, o tipo de mensaxe, o tema e a situación comunicativa. Dependendo do que rodee cada acción de fala, pódense dar diferentes rexistros lingüísticos: un rexistro máis formal ou un máis coloquial.

Rexistro coloquial e estándar

A persoa que fale con repeticións, anacolutos, faltas de concordancia, etc., poderiamos dicir que usa un rexistro coloquial. Por outra banda, a variedade estándar é aquela utilizada polas persoas que falan a lingua estándar, é dicir, a utilizada por todas aquelas persoas que recibiron unha formación lingüística media-alta. Todas as persoas poden optar a cambiar o seu rexistro lingüístico; é máis, todos os falantes dunha lingua, teñan o rexistro que teñan, dispoñen dun repertorio lingüístico formado por diversos rexistros.

Linguaxes especiais e terminoloxía

Dentro do rexistro formal existen as linguaxes especiais ou técnicas, que están compostas por tecnolectos: palabras de difícil comprensión para unha persoa non iniciada. Estes non se tratan de encriptacións, senón de léxico preciso para un ámbito específico. Incluímolas dentro da variación situacional, xa que o seu uso está en función do tema. A disciplina lingüística encargada de estudar este léxico chámase terminoloxía.