Clasificación e Características dos Instrumentos de Corda na Música

Otras lenguas extranjeras2,92 KB

O Timbre e a Clasificación dos Instrumentos

O timbre é o conxunto de instrumentos existentes, un abano moi amplo xa que cada instrumento ofrece un son distinto con grandes posibilidades musicais. A clasificación tradicional divídeos en tres familias: corda, vento e percusión. Porén, dentro de cada unha delas podemos facer subdivisións en función de múltiples factores.

1. Familia de corda

Son todos aqueles instrumentos nos que o son se produce pola vibración dunha ou máis cordas tensadas entre dous puntos. Dependendo da forma en que se fagan vibrar, distinguimos tres subgrupos:

1.1. Corda fregada

Producen sons ao fregar as cordas cun arco, que está formado por un soporte de madeira e unhas cerdas de nailon (antes eran de crina de cabalo) que se tratan cunha cera ou graxa (resina) para permitir que escorreguen sobre as cordas do instrumento. Dentro deste subgrupo atopamos principalmente catro instrumentos:

  • Violín: É o máis pequeno da familia. Produce un son moi agudo pola rapidez coa que vibran as súas cordas, non demasiado longas.
  • Viola: É un pouco máis grande, as súas cordas tamén son un pouco máis longas e, por tanto, o seu rexistro é algo máis grave que o do violín.
  • Violoncelo: Tócase sentado, apoiándoo no chan e colocándoo entre as pernas. O seu tamaño é maior que o dos dous anteriores e, de novo, o seu son é máis grave.
  • Contrabaixo: É o máis grande da familia; tanto que debe tocarse de pé ou sentado nun taburete alto. A lonxitude das súas cordas fai que produza uns sons moi graves.

Os instrumentos de corda fregada tamén se poden tocar sen arco, punteando as cordas cos dedos. Esta técnica coñécese co nome de pizzicato.

1.2. Corda punteada

Aquí, o son obtense ao pulsar as cordas cos dedos ou cunha púa, que é un pequeno anaco de plástico de forma triangular. Dentro deste grupo falaremos de dous instrumentos:

  • Arpa: Ten 47 cordas ordenadas de maior a menor, situando as máis pequenas máis preto do instrumentista. Para que o arpista poida localizar as cordas con facilidade, todas as cordas de Do son vermellas e as de Fa, azuis.
  • Guitarra: Ten 6 cordas, sendo a máis grave a que está máis preto do instrumentista. Estas seis cordas están afinadas por cuartas, excepto a cuarta e a quinta cordas, separadas entre si por unha terceira. No mastro da guitarra sitúanse os trastes (pequenas barras transversais) que marcan unha progresión de semitóns.

Descargar

PDF Word HTML