Conceptos Fundamentais da Historia Contemporánea de España e Galicia
Glosario de Conceptos Históricos de España e Galicia
Compilación e definición dos principais termos, movementos e procesos políticos e sociais dos séculos XIX e comezos do XX.
Pronunciamento
Levantamento de parte do exército, contando co apoio dun determinado sector da sociedade, que “se pronuncia” a favor do cambio do sistema político vixente. Foron frecuentes os que defendían o liberalismo fronte ao absolutismo de Fernando VII e os que defendían o liberalismo progresista fronte ao conservador no reinado de Isabel II.
Unión Liberal
Partido político fundado en 1858 polo xeneral O'Donnell que agrupaba a esquerda moderada, a dereita progresista e numerosos militares. Partidarios da monarquía constitucional de Isabel II, gobernaron de 1858 a 1863 e de 1865 a 1866, destacando as campañas de prestixio militar que desenvolveron no exterior.
Cantonalismo
Modelo de organización territorial que defende a creación dun Estado composto por unidades políticas territoriais soberanas —os cantóns— que, mediante acordos libres (“de abaixo a arriba”), se unen formando a federación española. En 1873, durante a Primeira República, os seus partidarios protagonizaron insurreccións cantonalistas, destacando a de Cartaxena, que foron sufocadas polo exército.
Manifesto de Sandhurst
Documento elaborado por Cánovas del Castillo e asinado, en decembro de 1874, por Afonso de Borbón, fillo e herdeiro de Isabel II, na academia militar inglesa de Sandhurst, onde estudaba. Neste manifesto indicaba a necesidade de restaurar a monarquía borbónica en España, presentándose como un rei respectuoso co sistema liberal constitucional e defensor da orde social e a relixión católica.
Sufraxio censatario e universal
O sufraxio é o dereito político que permite elixir, mediante o voto, aos cargos públicos electos. O censatario limita este dereito aos cidadáns incluídos no censo en función dun determinado nivel económico e social, mentres que o universal soamente establece a condición para votar da maioría de idade. En España, o censatario foi defendido polos liberais e o universal polos demócratas. A Constitución republicana de 1931 estableceu o dereito de voto das mulleres.
Ludismo
Movemento de protesta dos traballadores, nos inicios da Revolución Industrial, caracterizado pola destrución de máquinas e fábricas ás que culpaban de deixalos sen traballo. Recibe este nome por Ned Ludd, un obreiro británico a quen se lle atribúe a primeira destrución de teares mecánicos en 1779. En España, unha das primeiras accións ludistas foi a queima da fábrica Bonaplata en Barcelona en 1835.
Desamortización
Proceso legal que, previa expropiación, puxo en venda, en poxa pública, os bens pertencentes á Igrexa (“mans mortas”) e aos concellos (baldíos, “comúns” e “propios”). Foi realizada durante os gobernos progresistas de Mendizábal (1836, desamortización de bens do clero regular), Espartero (1841, desamortización de bens do clero secular) e Madoz (1855, desamortización xeral). Entre os obxectivos estaban: reformar a estrutura da propiedade da terra, obter recursos para a Facenda e ampliar o apoio á causa liberal.
Agrarismo
Movemento reivindicativo que organizou ao campesiñado galego en asociacións e sindicatos agrarios para lograr a redención dos foros, loitar contra o caciquismo e propulsar a renovación técnica. Destacaron as organizacións Solidaridad Gallega (1907-1912) e Acción Gallega (1910-1915), xunto co máximo líder desta, Basilio Álvarez.
Caciquismo
Práctica política que en España controlaba as eleccións grazas á figura do cacique, persoa que dominaba o poder local e controlaba os votos do seu territorio valéndose do seu poder económico, status social ou influencias. O caciquismo fixo posible a fraude electoral masiva existente no sistema da Restauración borbónica.
Sistema de quenda
Mecanismo de alternancia no poder vixente durante a Restauración borbónica. Baseábase no mutuo acordo entre os dous partidos monárquicos, o Conservador e o Liberal, aceptando a sucesiva quenda no Goberno. Designado polo rei, o presidente do partido ao que lle tocaba gobernar convocaba eleccións que sempre gañaba, co beneplácito do partido que lle tocaba estar na oposición, empregando a fraude electoral e o caciquismo.
Encasillado ou encadramento
Proceso polo que o ministro da Gobernación elaboraba a lista de candidatos que debían ser escollidos en cada distrito electoral, colocando nas cuadrículas correspondentes os nomes dos candidatos ministeriais e da oposición. A lista era pactada polos dous partidos liberais monárquicos e esta práctica garantía a quenda pacífica dos gobernos da Restauración borbónica.
Pucheirazo
Un dos métodos de manipulación electoral empregado durante a Restauración borbónica para permitir o triunfo dun determinado candidato. Consistía na substitución no pucheiro (urna electoral) dos votos xa emitidos por outros favorables ao candidato que se desexaba que saíse elixido, ou na modificación da acta do reconto de votos.
Rexeneracionismo
Corrente intelectual, política e literaria de finais do século XIX e principios do século XX que partía da análise dos problemas que padecía España para tratar de rexenerala e modernizala. Xurdiu a partir do desastre de 1898 e o seu principal representante foi Joaquín Costa, que propugnaba acabar co caciquismo, reducir a pobreza e fomentar a educación.