Percorrido Histórico da Lingua Galega: Orixes, Desenvolvemento e Estandarización
Enviado por Comunidad Wikiteka y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 17,27 KB
A Baixa Idade Media: O Galego Antigo
Os primeiros escritos en galego-portugués datan de finais do século XII. A partir dese momento, Galicia vive un brillante período literario que coincide cunha época moi próspera na que Compostela se vai converter nun foco dinamizador da vida social e cultural na Europa meridional.
Dende finais do século XIV comeza un período de tres séculos de decadencia.
Etapas no Galego Antigo:
- Época Trobadoresca (1200-1350): Etapa do galego escrito. Esplendor da literatura medieval galego-portuguesa. Escola Lírica Galego-Portuguesa.
- Época Postrobadoresca (1350-1500): Decadencia da nosa lírica medieval. Escola Lírica Galego-Castelá.
O período medieval do galego esténdese dende o século IX ata o século XV. A lingua falada neste período recibe o nome de galego antigo ou galego-portugués e era un dos idiomas romances máis prestixiosos da Península Ibérica, no que eran educados os antigos reis de Galicia e Portugal e moitos dos monarcas de Castela e León. Tamén era a lingua empregada por moitos poetas foráneos para compoñer as súas cantigas. Toda a sociedade galega nesta época era monolingüe e o galego era unha lingua normalizada.
Evolución do Galego Antigo
O Galego Antigo ou Galego-Portugués
Nace e fálase no territorio que abranguía a antiga Gallaecia romana (Galicia, Norte de Portugal ata o río Douro e unha parte de Zamora, León e Asturias). O galego e o portugués comparten a primeira etapa da súa formación como idiomas ata o século XIV. Os seus camiños comezarán a separarse cando Portugal se independiza con Afonso Henriques, converténdose nun reino autónomo a comezos do século XII (1128). Galicia queda entón anexionada ao reino de León e Castela.
Galego e Portugués: Linguas Separadas
Dende o inicio do reino de Portugal, o portugués consolídase como lingua oficial da corte. A súa lingua será levada a África, Asia e América por navegantes e conquistadores lusos.
Pola contra, o galego a partir do século XV experimenta un proceso de marxinación quedando reducido á condición de dialecto "rústico e iletrado".
- Portugués: lingua con recoñecemento oficial e estandarizada.
- Galego: lingua desprestixiada e vulgarizada.
Periodización do Galego Antigo
Ata 1350
O galego comeza a disputarlle ao latín a condición de lingua da cultura e da administración. Os textos literarios máis antigos datan do século XIII. Entre 1200 e 1350 transcorre a época de esplendor do galego medieval representada polos trobadores da Escola Lírica Galego-Portuguesa. A finais desta etapa xorden obras en prosa e historiográficas. O galego emprégase tamén na administración civil, na xustiza, na economía, na ciencia e no ámbito eclesiástico. Todos os documentos públicos e privados son redactados en galego.
Non obstante, comeza a albiscarse o inicio dos conflitos lingüísticos. Fernando III envía nobres castelán-falantes, que descoñecen o galego, a gobernar en Galicia e Afonso X, malia coñecer ben o noso idioma e compoñer nel, non vai apoiar o galego nos usos oficiais nin administrativos.
Desde 1350
Empeoramento da situación cultural e lingüística do reino. O efecto castelanizador da clase dominante galega e o ascenso de León e Castela como potencias peninsulares fan que Galicia se acabe convertendo nun satélite do reino castelán. O castelán converterase na lingua de uso habitual na administración e nos documentos oficiais.
Na segunda metade do século XIV, no enfrontamento polo trono de Castela entre Henrique de Trastámara e Don Pedro I, a nobreza laica galega decántase polo derrotado. Do mesmo xeito, a finais do século XV, na loita sucesoria entre Isabel a Católica e Xoana a Beltranexa, a nobreza galega volve apoiar á perdedora. Como consecuencia destas loitas dinásticas, comezan as invasións da aristocracia castelá e o avance do conflito diglósico.
A Idade Moderna: Galego Medio (Séculos XVI, XVII e XVIII)
A uniformidade política, administrativa e relixiosa dos Reis Católicos provocou que o castelán se convertese na única lingua oficial e de cultura. O galego deixou de empregarse para usos formais e os postos relevantes da sociedade son ocupados por xente de fóra que descoñece a nosa lingua. Nestes séculos a nosa lingua e a nosa cultura cae nun estado de prostración, mentres que o castelán e o portugués viven un dos seus momentos máis brillantes. Porén, o galego segue a ser a lingua que falan a maior parte da poboación en Galicia. Nos séculos XVII e XVIII, coa difusión do Renacemento, xorden as primeiras gramáticas do castelán e do portugués. Estas linguas, con consideración oficial e cultivo literario, adquirirán cada vez máis prestixio. Entrementres, o galego só se conserva no plano oral e no nivel popular. A Igrexa foi tamén un importante factor de desgaleguización xa que os altos cargos ocupábanos xente procedente de Castela. Na segunda metade do século XVIII prodúcese un pequeno cambio na consideración da lingua, grazas ao labor dos Ilustrados. Algúns ilustrados como o Padre Sarmiento, o Padre Sobreira, o Padre Feixoo e o cura de Fruíme teñen como obxectivo mellorar as condicións de vida da poboación e o seu nivel educativo e cultural. Propoñen a necesidade do emprego do galego no Ensino como instrumento educativo, na difusión da Doutrina Católica, na Administración (obrigatoriedade do coñecemento da lingua por parte dos funcionarios destinados en Galicia). Tamén comezan os estudos etimolóxicos e lexicográficos sobre a lingua propia do país. Despois de moitos anos, o galego convértese en obxecto de preocupación lingüística e ideolóxica.
Neste período, a nosa lingua sofre un acusado proceso de vulgarización e castelanización, e xorden os principais fenómenos dialectais que caracterizarán o galego moderno.
Segunda Etapa (1833-1863): Prerrexurdimento
Na década de 1830 o Estado liberal realiza unha nova estruturación administrativa e territorial e crea un sistema escolar independente da Igrexa; isto supón un avance educativo pero tamén un retroceso para a nosa lingua pola procura dunha uniformidade lingüística en castelán.
Por outra banda, trazouse unha nova división administrativa de Galicia en catro provincias, sen ter en conta factores históricos nin sociais e adscribíronse territorios culturalmente galegos ás provincias de Zamora, León e Asturias. Como reacción a isto, xorden nalgúns sectores da pequena burguesía liberal un movemento coñecido como Provincialismo, que reivindicaba a unidade de Galicia como provincia única. Este foi o primeiro paso cara a unha toma de conciencia política de carácter galeguista, xa que os provincialistas reclamaron o dereito a ser escolarizados en galego e o recoñecemento da especificidade lingüística.
No ano 1861 convócanse na Coruña os Primeiros Xogos Florais, un concurso poético, cuxos poemas galardoados foron publicados co título de El Álbum de la Caridad, ao que se incorporou un Mosaico de nuestros vates gallegos contemporáneos, converténdose así na primeira antoloxía da poesía galega moderna.
Terceira Etapa (1863-1900): Rexurdimento Pleno
O Rexurdimento Pleno xorde da liña culturalista do Rexionalismo, centrada na reivindicación dos dereitos lingüísticos de Galicia.
En 1863 publícase Cantares gallegos de Rosalía, o primeiro libro monolingüe en galego, que marca o inicio do Rexurdimento Pleno das nosas letras. E en 1880 Follas novas, de Rosalía e Aires da miña terra, de Curros Enríquez. Aparecen as primeiras gramáticas do galego e os primeiros diccionarios bilingües de galego-castelán. Xorde a prensa en galego. O Tío Marcos da Portela é a primeira publicación periódica escrita integramente en galego. Nace a primeira editorial galega, Biblioteca Gallega (1885), dirixida por Martínez Salazar.
Comezan a realizarse estudos literarios.
A partir de 1889, o galeguismo vive unha segunda etapa coñecida como Rexionalismo, movemento herdeiro do provincialismo que ten como principais representantes a Alfredo Brañas e a Manuel Murguía.
O Proceso de Estandarización ou Normativización da Lingua Galega
Ricardo Carballo Calero distingue tres fases:
- Dialectalismo: Emprego da variedade dialectal da zona de procedencia de cada escritor.
- Interdialectalismo: Selección de diferentes variedades dialectais.
- Supradialectalismo: Modelo de lingua estándar.
Benigno Fernández e Henrique Monteagudo propoñen as seguintes fases sucesivas:
- Galego popularizante (ata finais do século XIX): A fonte principal é o galego oral (castelanismos, vulgarismos, dialectalismos...).
- Galego enxebrizante (ata 1936): Predominio da tendencia diferencialista con relación ao castelán e exaltación do carácter «enxebre» do idioma. Xorde a necesidade de crear un modelo de lingua escrita.
- Galego protoestándar (ata finais dos anos 70): Simplificación ortográfica (eliminación de apóstrofos, guións, acentos circunflexos e graves) e predominio da tendencia purista (evitando o influxo do castelán).
- Galego estándar (ata hoxe): Procura dun galego supradialectal, fiel á lingua oral, coherente co pasado e o presente da lingua e harmónico coas linguas do seu contorno (o castelán e o portugués).
Os Séculos Escuros
Contexto Histórico e Cultural
Nos séculos XVI e XVII, os cargos máis importantes da Administración están ocupados en Galicia por xente de fóra, que descoñece a nosa lingua e os nosos costumes.
A base da economía durante o Antigo Réxime é a agricultura, na que se alternan fases de crecemento e de retroceso económico ata comezos do século XIX.
Nesta sociedade estamental, a nobreza e o clero son os estratos superiores, e o campesiñado a masa traballadora. Os sectores privilexiados ceden as súas propiedades aos campesiños en réxime de foro (cesión a longo prazo; maioritario en Galicia) ou de arrendamento (cesión a curto prazo). A nobreza galega achégase a Castela, sufrindo unha progresiva desgaleguización. Medra a fidalguía, mentres que o clero inicia a reforma dos mosteiros, que perden autonomía e pasan a depender de Castela. Detense a evolución de sectores urbanos e a burguesía non pode progresar. O aumento das rendas e das cargas fiscais leva ás clases populares á miseria e provoca continuas revoltas entre campesiños e señores.
Desde o século XVI ata o XIX case non se escribe en galego. As clases urbanas deixan de falar a nosa lingua e comeza a castelanización dos topónimos e antropónimos. Mentres Castela e Portugal dispoñen das súas primeiras gramáticas e dunhas literaturas importantes, a nosa produción literaria culta é case inexistente.
Poesía Relixiosa
Entre os séculos XVI e XIX, compuxéronse en Galicia moitos vilancicos de Nadal e Reis en galego tamén para seren cantados en Portugal, Valladolid ou Toledo. Caracterízanse pola galeguización de personaxes e motivos, o uso do paralelismo e a combinación de elementos populares e cultos. A maioría son anónimos, pero tamén as hai de autor coñecido.
Teatro
A primeira peza teatral que conservamos en galego é o Entremés famoso sobre a pesca no río Miño de Gabriel Feixoo de Araúxo. Con ton humorístico e final feliz, trata o conflito entre galegos e portugueses pola pesca con redes no río Miño.
A Ilustración
A Ilustración foi un movemento cultural que se produciu en toda Europa ao longo do século XVIII. Caracterízase pola exaltación da razón, o cultivo das ciencias, o estudo das humanidades e a preocupación polas linguas modernas e pola educación.
Os ilustrados galegos van ter como principal obxectivo superar o atraso económico, social e cultural de Galicia. Para iso propoñen un programa reformista que mellore o sistema produtivo e fundan, entre outras, as "Sociedades Económicas de Amigos do País". No plano cultural defenden a lingua galega e intentan mellorar o nivel educativo mediante o seu uso na escola.
Principais Representantes
Frei Benito Xerónimo Feixoo (o Padre Feixoo). Aínda que non nos deixou textos escritos en galego, defendeu a dignidade da lingua galega negando a súa condición de dialecto do castelán.
O Padre Sarmiento. Discípulo de Feixoo, foi un gran defensor da lingua e da cultura galega. Propoñía que os escolares aprendesen na lingua materna e criticaba a castelanización da Igrexa. Realizou estudos lexicográficos, de historia natural, da flora galega e dos seus nomes. Escribiu o Coloquio de 24 gallegos rústicos.
Xosé Andrés Cornide Saavedra. Ocupou diversos cargos de prestixio e dedicou importantes estudos á historia, á xeografía, á educación e á pesca. Entre as súas obras en galego destaca o soneto dedicado «A Filida».
Diego Antonio Cernadas e Castro (o cura de Fruíme). Foi o máis fértil dos poetas do século XVIII. Os seus versos en galego son satíricos ou de circunstancias.
O Padre Sobreira. Grande estudoso do noso idioma, é autor de Idea de un diccionario de la lengua gallega (só contén as letras A e B).
A Literatura Popular
A literatura popular galega, moi rica e abundante, foi obxecto de moitas compilacións dende o século XVII ata a actualidade.
As primeiras mostras da nosa literatura popular foron recollidas polo Padre Sarmiento e polo Padre Sobreira no século XVIII, aínda que con seguridade existiu unha tradición anterior.
No Rexurdimento realizáronse importantes compilacións como a de Marcial Valladares ou Saco y Arce.
Nas primeiras décadas do século XX, a RAG, o Grupo Nós e o Seminario de Estudos Galegos realizan un importante labor de recuperación, compilación e estudo da literatura popular. Destacan os traballos de Vicente Risco, Filgueira Valverde, etc.
Trala Guerra Civil, na década de 1960 volven aparecer coleccións de contos e lendas populares, como as dos irmáns Carré. A partir de 1978 reedítanse algúns dos traballos anteriores e aparecen outros novos.
Na actualidade destacan o Cancioneiro Popular Galego de Dorothée Schubarth e Antón Santamarina e A poesía popular en Galicia de Domingo Blanco Pérez, que constitúen as máis completas recompilacións de cantares feitas en Galicia.
Camiño Noia ten publicado un completo estudo sobre a narrativa popular.
Manifestacións da Nosa Literatura Popular
Cantigas (en verso)
- Infantís: arrolos ou cantigas de berce, cantares de xogo...
- De labor: cantar de arada, de arrieiro, de canteiros, de sega, de malla, de fiadeira...
- De festa: panxoliñas, cantares de aninovo, cantares de Reis. Cantares de Entroido. Maios. Cantigas de San Xoán...
- De romaría ou de santuario: cantadas nas romarías ou no camiño cara a elas. Moitas son de carácter relixioso e de tradición moi antiga.
- De divertimento:
- Alborada: canto para celebrar a chegada da alba.
- Alalá: chamadas así polo seu retrouso: ai-la-la/ai-la...
- Desafío: disputa improvisada en verso de ton irónico ou burlesco.
- Regueifa: variante do desafío, orixinalmente interpretado nos banquetes de voda.
- Muiñeira: estrofa que acompaña a esta mesma danza e melodía.
- Cantar de cego.
Relatos Curtos (en prosa)
- Contos: narracións breves en prosa nos que se relata unha historia de ficción. Tipos: marabillosos (de maxia, de bruxas, relixiosos...), de animais, de costumes, novelescos, de fórmula, didácticos, chistes e anécdotas.
- Lendas: relatos en prosa, ou ás veces en verso, nos que predomina o fantástico e o sobrenatural. Segundo o tema, clasifícanse en: lendas etiolóxicas (explican a orixe de accidentes xeográficos, fenómenos naturais...), lendas haxiográficas (sobre as vidas de santos) e lendas históricas.
Teatro Popular (manifestación dramática)
Como formas dun teatro popular, que debeu coñecer un cultivo diverso e variado, só subsisten algunhas farsas –que se representan no entroido nalgunhas das nosas comarcas –e loitas entre mouros e cristiáns.