Eduardo Blanco Amor: Vida e Obra Narrativa de A esmorga e Xente ao lonxe

Otras lenguas extranjeras3,89 KB

Eduardo Blanco Amor: Traxectoria vital

Eduardo Blanco Amor nace no seo dunha familia humilde en Ourense, cidade que será referencia fundamental ao longo de toda a súa obra literaria. Alí realiza os seus estudos de maxisterio e bacharelato.

En 1919 emigra a Arxentina, onde comeza a súa actividade como xornalista e inicia o seu labor literario, tanto na prensa arxentina como en xornais e revistas galegos. Participa activamente no proxecto galeguista e funda a Irmandade Nazonalista Galega en Bos Aires.

Durante a Guerra Civil, Blanco Amor defende desde América a causa republicana e, finalizada esta, colabora cos exiliados galegos en actividades de oposición ao réxime franquista. No continente americano desenvolve unha intensa actividade cultural como periodista, comentarista de radio, conferenciante e profesor en universidades de Chile e Uruguai. Ademais, funda o Teatro Popular Galego de Bos Aires.

A partir dos anos 50 inicia a publicación das súas obras máis significativas. A principios dos anos 60 regresa a Galicia, instálase en Ourense e pasa longas temporadas en Vigo. Continúa o seu labor literario, que combina coa publicación de artigos xornalísticos. Ao seu regreso non atopará boa acollida nin apoio institucional, tendo que soportar unha precaria situación económica. Pouco a pouco, porén, irá obtendo recoñecementos —é nomeado membro da Real Academia Galega, aínda que non chega a ingresar formalmente— e importantes éxitos literarios.

Finou na cidade de Vigo en 1979.

A obra narrativa

A esmorga

É a primeira novela de Eduardo Blanco Amor. Nela desenvolve unha historia tráxica que transcorre por diversos escenarios do ambiente urbano de Auria (transunto literario de Ourense). A estrutura da obra divídese en tres partes:

  • Primeira parte (Documentación): Un narrador-autor explica como obtivo a información necesaria para escribir a historia que a continuación se presenta.
  • Segunda parte (Relato dos feitos): Conta a historia en si a través de cinco capítulos que recollen a declaración de Cibrán, o Castizo, ante o xuíz. Mediante este interrogatorio reconstrúense as 24 horas de esmorga dos tres personaxes protagonistas: o Bocas, o Milhomes e o Castizo. Tras o remate tráxico da mesma, Cibrán —único supervivente e, por iso, tamén único acusado— narra os sucesos acaecidos, o itinerario seguido e as circunstancias da morte dos seus compañeiros.
  • Terceira parte (Epílogo): Reaparece o narrador-autor para dar conta da morte do personaxe principal, deixándonos na dúbida acerca das verdadeiras causas da mesma.

Xente ao lonxe

Trátase dunha novela longa e complexa que permite diversas liñas de lectura complementarias:

  • A biografía infantil e xuvenil de Suso: Protagonista e narrador principal; a través dos seus ollos coñecemos a súa historia persoal, así como a súa evolución e madureza desde a infancia ata a mocidade.
  • A historia da familia de Suso: A crónica da familia Vilar, estreitamente vinculada a organizacións de carácter obreiro e sindical.
  • A crónica sociopolítica: Retrato panorámico da sociedade ourensá de comezos do século XX, centrándose sobre todo nas clases traballadoras, ao tempo que recolle os principais acontecementos históricos da España da época.

Descargar

PDF Word HTML