A Poesía Galega das Irmandades da Fala: Autores, Obras e Contexto Histórico
Enviado por Comunidad Wikiteka y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 6,78 KB
1. Introdución
1.1. A Lírica Galega entre Dous Séculos
Despois dos brillantes anos do Rexurdimento (1863-1888), prodúcese unha decadencia literaria, ancorándose na estética e temática do século XIX (ruralismo, costumismo, intimismo, sentido cívico...). Mais, ao tempo que se dan transformacións políticas, económicas e sociais en Galiza grazas, entre outras, ás Irmandades da Fala e á Xeración Nós, a nosa literatura retoma vigor e evoluciona desde unha lírica decimonónica cara a un modernismo (a pesar de que na nosa literatura non se chegou a dar un movemento modernista propiamente dito).
1.2. Contexto Histórico
1.2.1. Clases Sociais
- Fidalguía en decadencia desde a redención dos foros.
- Burguesía urbana vinculada á industria.
- Campesiñado, xurdindo o pequeno propietario agrícola grazas á reivindicación da redención dos foros a través de sociedades e sindicatos agrarios.
- Proletariado vinculado ao sector industrial; organizado en sindicatos.
1.2.2. Transformacións Económicas
Destacamos o aumento da produtividade agraria coa mecanización das terras de cultivo e a acelerada industrialización (conserveira, metalúrxica, madeireira...).
1.2.3. Agrarismo
O agrarismo é un movemento social de carácter reivindicativo que procura a mellora do campesiñado (coa loita anticaciquil, contra o sistema foral, coa industrialización do campo...) que xorde a finais do século XIX e continúa nas dúas primeiras décadas do século XX. Nos anos 20 existían máis de mil sociedades agrarias en Galiza. O líder deste movemento foi Basilio Álvarez. Destacan Noriega Varela e Cabanillas como grandes difusores do movemento.
1.2.4. Emigración
A pesar dos avances, produciuse unha desruralización acompañada dunha emigración transoceánica.
1.2.5. Nacionalismo e Irmandades da Fala
O nacionalismo consolidouse grazas ás Irmandades da Fala (1916), á Xeración Nós (1920) e ao Partido Galeguista (1931), valedor do Estatuto de Autonomía, aprobado en referendo en 1936.
1.2.5.1. Fundación das Irmandades
O 18 de maio de 1916 reúnense na Coruña as figuras máis notables do rexionalismo, convocadas por Antón Vilar Ponte. Dez días despois, fúndase a Irmandade de Santiago. O movemento esténdese a outras cidades e vilas a través dunha campaña de mitins e conferencias. O xornal A Nosa Terra convértese no seu voceiro.
1.2.5.2. Consolidación das Irmandades
Entre 1916 e 1918 cénsanse ata 28 Irmandades en Galiza, ademais das de Madrid, Bos Aires e A Habana (Xuntanza Nacionalista Galega).
1.2.5.3. Integrantes das Irmandades
Predominaban os intelectuais e os membros de profesións liberais (xornalistas, médicos, avogados, notarios...), quedando obreiros e campesiños reducidos a unha presenza simbólica.
2. Antón Noriega Varela (1869-1947)
Foi un poeta implicado no movemento agrarista. Escribiu unha única obra, Do ermo (publicada en 1904 e, en 1910, baixo o nome de Montañesas). Na súa poesía distínguense dúas liñas básicas: poesía costumista e poesía lírica.
2.1. Poesía Costumista
Trátase dunha poesía con estética decimonónica e temática realista e costumista na que se exalta Galiza e o galego (costumes, festas, tradicións...).
2.2. Poesía Lírica
Os motivos desta poesía seguen a ser o campo e a vida na montaña, e a súa lingua tamén segue a ser a fala popular, mais agora o autor achégase á natureza, adoptando un ton íntimo e emotivo. Nos seus sonetos, destaca a influencia do modernismo castelán e portugués, onde, co paso dos anos, se incorporan formas cultas e se coida a musicalidade.
3. Ramón Cabanillas (1876-1959)
Comprometido coa lingua e co nacionalismo, Ramón Cabanillas apostou pola renovación das liñas literarias con novos estilos, temas e xéneros. En 1910 emigrou a Cuba onde coñeceu a Basilio Álvarez, quen prologou o seu primeiro libro, No desterro (1913), onde o líder agrarista afirma que Cabanillas encherá o baleiro deixado por Curros. Colaborou coas Irmandades da Fala. Ingresou na Real Academia Galega e na Española en representación da cultura galega.
3.1. Obra
3.1.1. Lírica
Cabanillas expresa os seus sentimentos cara a catro grandes temas:
- A cívica: En concordancia co agrarismo da época (destacando a loita anticaciquil) e o galeguismo das Irmandades. Nesta liña, destacan os poemas do seu libro No desterro (1913).
- O intimismo: Onde aflora a súa sensibilidade amorosa e o sentimento dorido da vida. Nesta liña, herdada de Heine, Bécquer e Rosalía, englóbanse moitos poemas da súa obra Vento mareiro (1915) e A rosa de cen follas, co predominio da poesía amorosa.
- O costumismo: Herdado do século anterior, reproducía os tipos e costumes, reivindicando as raíces da nosa cultura. Cabanillas engade novidades formais achegadas do modernismo. Nesta liña, destacan poemas de Da terra asoballada (1917).
- O modernismo: Vese nalgúns poemas en canto ao estilo, na súa busca da evasión con ambientacións exóticas ou medievais, na sensorialidade e musicalidade dos versos.
3.1.2. Narrativa
Destacan Samos (1958), un relato descritivo da vida e historia do mosteiro, e Na noite estrelecida (1926).
3.1.2.1. Na noite estrelecida
- Estrutura: Composta por A espada Escalibor, que é atopada na illa de Sálvora; O cabaleiro do Sant Grial, onde Galaaz atopa o Santo Graal no Cebreiro; e O soño do rei Artur.
- Estilo e métrica: Influencias modernistas cunha densa adxectivación propia do mundo dos sentidos e con pareados de versos alexandrinos combinados con romances.
- Carga ideolóxica nacionalista: Escribiuse durante o esplendor do galeguismo erudito e europeizante. É unha obra pertencente á Materia de Bretaña, tema da literatura europea, achegada a Galiza. Nela exáltase a lírica galega e pretende a dignificación do noso pasado.
3.2. Influencias
Cabanillas, sen renunciar ao legado das figuras do Rexurdimento, renova a lírica explorando novos horizontes con altos graos de calidade literaria. A súa obra conta con influencias do romanticismo europeo e do modernismo iberoamericano.