Evolución e Historia da Lingua Galega: Desde as Súas Orixes ata a Actualidade

Enviado por Comunidad Wikiteka y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 12,08 KB

O léxico galego ten a súa principal orixe no latín, traído polos romanos na súa expansión por toda a Europa mediterránea. Debido a isto tómase ao latín como a base do galego, aínda que hai outras linguas e culturas que deixaron a súa pegada na nosa historia.

Tendo en conta isto, a todas aquelas linguas anteriores aos romanos chamámoslles linguas de substrato, e ás posteriores linguas de superestrato; o latín é a lingua de estrato.

1. As Linguas de Substrato

1.1. Dentro deste grupo encadramos todos aqueles restos léxicos que localizamos cronoloxicamente na Idade de Pedra e que chegaron ata nós a través doutras linguas. Este léxico refírese sobre todo a elementos concretos como nomes de animais, construcións, elementos topográficos… Sabemos, a través dos historiadores, que o pobo que habitaba no noroeste peninsular era o dos oestrimnios, que foron os construtores dos monumentos funerarios megalíticos (dolmens, antas).

Léxico: morango, sobaco, carrasqueira, barro, morea, balsa, veiga, esquerdo, cama.

1.2. A seguinte vaga de poboación que habitou en Galicia foron os celtas. Este pobo, procedente de Centroeuropa, aporta sobre todo léxico común e referente á toponimia e hidronimia galegas. Son os creadores da cultura castrexa, que se estendeu por Galicia, Norte de Portugal e partes orientais de Asturias, León e Zamora.

Léxico: bidueiro, amieiro, rodaballo, chedas, cambas, lama, lousa, laxe, billa, berce, tona, broa, terco, Coruña, Deva, Limia, Sar.

2. A Lingua de Estrato: O Latín

2.1. O latín é unha lingua de orixe indoeuropea que era falada polos latinos, pobo que se estableceu na península itálica e que deu lugar á cidade de Roma.

Os romanos chegaron a Hispania no século III a. C. A conquista definitiva e incorporación ao sistema imperial romano prodúcese baixo o mandato de Augusto, que durante dez anos (29-19 a.C.) mantivo unha campaña militar para conquistar o noroeste peninsular. Desta época é a fazaña do Monte Medulio, derradeiro foco de resistencia galaica fronte aos romanos (neste lugar os defensores galaicos suicidáronse antes de renderse ás tropas romanas).

O galego é unha lingua románica derivada do latín que trouxeron os lexionarios e colonos romanos e que se sobrepuxo ás linguas indíxenas. O galego é unha lingua conservadora, unha lingua que se parece moito ao latín debido a varias circunstancias: á lonxanía que tiña con Roma, o que provocaba que non chegaran cambios lingüísticos; a formación dos colonos tamén era bastante conservadora e, o terceiro factor, á presenza da igrexa desde tempos moi primitivos.

Co paso do tempo o latín foi evolucionando cara a unha lingua nova, que pasou a ter unha serie de características de seu que a diferencian das outras linguas románicas.

2.2. Principais cambios que se deron do latín ao galego.

2.2.1. Vocalismo.

O sistema vocálico do latín constaba de dez elementos, distribuídos en cinco parellas. O trazo distintivo que había non era o grao de abertura, tal e como temos hoxe, senón que era a duración: había vogais longas e breves.

Evolución das vogais latinas ao galego:

Ā Ă Ē Ĕ Ī Ĭ Ō Ŏ Ū Ŭ

a Є e i O o u

FERRUM > ferro, PONTEM > ponte, MULIEREM > muller, PLENUM > cheo, SOLEM > sol, LECTUM > leito.

En latín tamén había ditongos. Os máis frecuentes eran ae, au e oe que en galego evolucionaron a /Є/, a /ou/ e a / Є/. CAECUM > cego, CAESAR > césar, TAURUM > touro, AURUM > ouro, POENAM > pena

2.2.2. Consonantismo.

Dentro deste apartado hai varios aspectos a destacar:

2.2.2.1. Desaparición de sons.

  • /n/ e /l/ intervocálicos desaparecen. BONA > boa, LUNA > lúa, CAELU > ceo.
  • Desaparición xeral do –M final de palabra.
  • /b/, /d/ e /g/ intervocálicos desaparecen. PEDEM > pé; REGEM > rei.

2.2.2.2. Aparición de novos sons.

  • /p/, /t/ e /k/ intervocálicos sonorizan e convértense en /b/, /d/ e /g/. ROTA > roda, APICULA > abella, VICU > Vigo.
  • CL, PL, FL > /t∫/. PLUMBU > chumbo, FLAMMA > chama, CLAMARE > chamar
  • CT > it. LACTE > leite, OCTO > oito, FACTU > feito, NOCTE > noite
  • –SCE- > /∫e/. PISCE > peixe, FASCE > feixe
  • J, GE- > /∫/. JANUARIU > xaneiro, GENERU > xenro
  • LI e C´L > /λ/. MULIERE > muller, OCULU > ollo

2.3.3. Mantemento de sons.

  • F-: FARINA > fariña, FOLIA > folla
  • –MB-: LUMBU > lombo

Suponse que esta evolución fonética é por influxo da lingua dos celtas, aínda que case non sabemos nada dela e porque fenómenos coma estes déronse tamén noutras zonas da Romania nas que non houbo celtas (gorgia toscana).

3. As Linguas de Superestrato

1. Os pobos xermánicos foron penetrando nas etapas finais do Imperio romano, dun xeito pacífico ou violento e que provocaron, no ano 476, a caída do Imperio Romano de Occidente coa conquista de Roma polos vándalos de Alarico. Os primeiros que se asentaron en Galicia foron os suevos, que estableceron un reino independente que durou arredor de dous séculos (411-585). Posteriormente chegaron os visigodos que integraron Galicia no seu reino nos tempos de Leovixildo.

Os coñecementos sobre as linguas destes pobos son moi escasos, e non é posíbel dicir a que pobo pertence cada palabra; aínda así podemos establecer tres niveis de entrada no galego:

a) As que entraron a través do latín, como sopa, roubar, branco.

b) As que entraron coas invasións, como roupa, esmagar, espetar, Fernando, Afonso, Ramiro, Henrique, Luís, Elvira, topónimos rematados en –riz, -mil, -ar, -monde, Suevos, A Gudiña.

c) As que entraron coas peregrinacións medievais, como xardín, toalla, guerra.

2. A entrada por Xibraltar no ano 711 das tropas musulmanas marca o final do reino visigodo e a ocupación da maior parte da península. Os escasos asentamentos que houbo en Galicia duraron moi pouco tempo. Hai topónimos de orixe árabe como Almuíña, A Mezquita, Sada.

En galego hai restos léxicos como arroz, azucre, aceite, algodón, almirez, xerra, alfinete, aldea, alcaide, alcalde, barrio, albanel, , azul, xarope, alpabarda, acibeche, aforrar, fulano, oxalá.

4. As Linguas Modernas

Os seguintes aportes lingüísticos que tivo o galego proveñen de linguas modernas. Entre elas cabe destacar o castelán, portugués, francés, italiano, as linguas amerindias, o inglés e outras máis…

Este léxico entrou de dúas maneiras distintas no galego: a través dos préstamos e calcos lingüísticos.

4.1. Un préstamo consiste nun termo que unha lingua toma doutra por necesidades expresivas; este novo elemento pode ser imitado ou transformado. Temos exemplos como tomate, pataca, tabaco e millo. Nalgúns casos o préstamo só o é de significado, xa que para a expresión fónica adoptouse unha palabra patrimonial; este é o caso de millo/maínzo.

Hai préstamos necesarios e superfluos. Estes son totalmente innecesarios porque temos xa na lingua o léxico axeitado para referírmonos a eses elementos (filloa-crêpe).

4.2. Os calcos son un tipo especial de préstamos nos que se imita o significado dunha palabra pero non o seu corpo fónico, como baloncesto/basket ball.

4.3 Temos do francés turismo, chalé, carné, hotel, -axe, restaurante, babor, estribor, botar a pique; do occitano hostal, trobador; do catalán bou, turrón, peseta; do italiano violín, sonata, ópera, góndola, tute; do inglés bar, fútbol, gol, líder, mitin.

4.4. Un caso especial son os cultismos gregos e latinos. Estes entraron na lingua cando esta xa estaba formada e case non variaron a súa forma orixinal (o seu oposto son as palabras patrimoniais).

Son cultismos latinos cátedra, pleno, plano, artículo, clavícula. Hai tamén os chamados latinismos, expresións latinas que non variaron a súa forma orixinal (currículum, bíceps, priori, vademecum, ipso facto).

O grego tamén aporta léxico ao galego, sobre todo no campo das ciencias e no léxico relixioso (burocracia, automóbil, democracia, odontólogo, hepatite, anemia, bispo, esmola, diócese).

Historia da Lingua Galega

O galego existe como lingua diferenciada do latín dende o século VIII. Ata ese momento faláranse unhas linguas das que non temos restos escritos. A partires da chegada do latín a situación lingüística mudou radicalmente e a lingua dos colonizadores converteuse no único medio de comunicación.

Como vimos anteriormente, a fragmentación do Imperio tivo como consecuencia a división lingüística da Romania (territorios nos que falaba latín). As malas comunicacións, a preparación dos colonos e o influxo das linguas indíxenas comezaron a crear modificacións no latín falado, modificacións de tipo léxico e fónico fundamentalmente. Todo isto, nun período de 400 anos aproximadamente, creou unha serie de linguas novas que teñen como característica común que derivan todas elas do latín: as linguas románicas, romances ou neolatinas.

Etapas do Galego

1. Formación e Nacemento

Como xa se dixo o galego aparece como lingua diferenciada do latín arredor do século VIII. Xorde esta nova lingua como resultado da deformación do latín que trouxeran os colonos e soldados romanos que se asentaran na Gallaecia. A má formación destes colonos, xunto co influxo e má pronunciación dos indíxenas e a fragmentación do imperio coas invasións xermanas, foi producindo transformacións no latín, fonéticas e léxicas sobre todo, que deron lugar a aparición das linguas romances.

2. Esplendor e Decadencia

Ata o século XII a lingua literaria era unicamente o latín. De finais do século XII (1196) é a primeira cantiga coñecida escrita en galego-portugués: Ora faz ost’o senhor de Navarra, de Johan Soares de Paiva.

A partir deste momento o florecemento dunha literatura cortesá e laica xorde con forza en Galicia, influída pola literatura medieval francesa.

A carón deste impulso literario, o galego convértese nunha lingua de cultura e de prestixio, que posuía un valor e unha consideración social aínda non acadada hoxe. Era a lingua de comunicación de todo o pobo, dos vasalos á nobreza, os laicos e os relixiosos.

Esta situación durou, máis ou menos, ata o século XV, coa implantación do goberno centralista dos Reis Católicos. Xa anteriormente houbera unha primeira penetración en Galicia da nobreza castelá que se produciu tras a guerra civil que enfrontara a Pedro I e a Henrique de Trastámara no XIV.

A implantación da política dos RRCC supuxo un cambio moi substancial na situación sociolingüística do galego. A lingua de poder pasou a ser o castelán ao igual que os órganos de goberno e as autoridades principais do Reino. O galego, progresivamente, foi perdendo ámbitos de uso, tanto orais como escritos. Da etapa de esplendor dos séculos anteriores, pasouse a unha nova etapa de tres séculos de duración, os Séculos Escuros.

Neste periodo hai unha serie de acontecementos que marcan o devir do galego nos anos posteriores:

  • O galego pasa de ser unha lingua de prestixio a ser unha lingua de uso popular, sen tradición escrita.
  • Comeza a separación lingüística entre galego e portugués. A unidade lingüística que houbera durante a Idade Media desaparece. Aparecen dúas novas linguas: o galego e o portugués.