Exploración da Narrativa Galega Contemporánea: Autores e Obras Esenciais
Xosé Luís Méndez Ferrín
Narrativa
Inclúe contos e novelas. Podemos diferenciar tres etapas:
- As primeiras obras encádranse dentro da Nova Narrativa Galega (NNG). Protagonizadas por antiheroes que se moven en ambientes sórdidos, nelas apréciase a influencia da literatura europea e americana: Percival e outras historias, O crepúsculo e as formigas ou Arrabaldo do norte.
- Nos setenta escribe obras de temática política nas que presenta a violencia, a represión do Estado e a clandestinidade: Elipsis e outras sombras, Antón e os inocentes, Crónica de Nós, Retorno a Tagen Ata.
- Desde 1980 combina a fantasía e as recreacións míticas da materia de Bretaña co compromiso político: Amor de Artur; Arnoia, Arnoia; Bretaña Esmeraldina; Arraianos; No ventre do silencio.
Carlos Casares
A súa actividade literaria desenvolveuse sobre todo no xénero da narrativa (contos e novelas). Tamén escribiu obras de ensaio e colaborou así mesmo na prensa e en múltiples actos culturais.
Primeiras Obras e Temática Autobiográfica
As primeiras obras inclúense dentro da Nova Narrativa Galega. Son de carácter autobiográfico e sitúanse en distintas etapas da súa vida: Vento ferido, Cambio en tres e Xoguetes para un tempo prohibido.
Narrativa Histórica e Social
As restantes obras ambiéntanse nun pasado histórico: narracións lúdicas situadas entre os séculos X e XX: Os escuros soños de Clío; a chegada do cine a unha cidade galega nos comezos do XX: Ilustrísima; a investigación dunha morte nos comezos da Guerra Civil: Os mortos daquel verán; a posición dos intelectuais galeguistas durante a ditadura franquista: Deus sentado nun sillón azul. A derradeira novela, O sol do verán, é unha historia de amor e morte na que Helena, tras o suicidio de Carlos, rememora os veráns compartidos na nenez.
Literatura Infantil e Teatro
Tamén escribiu obras de literatura infantil: A galiña azul, O can Rin e o lobo Crispín, Este é Toribio, un polbo xigante..., e a peza teatral As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas.
María Xosé Queizán
A súa obra literaria abrangue todos os xéneros: novela, conto, ensaio, teatro e poesía. Destaca a súa implicación no movemento feminista, presente en moitos dos seus libros; creou a revista Festa da palabra silenciada co propósito de sacar da escuridade a escritura feminina. É autora dunha importante obra narrativa, que inclúe títulos como: A orella no buraco, Amantia, O segredo da pedra figueira, Amor de tango, O solpor da cupletista, Ten o seu punto a fresca rosa, ¡Sentinela, alerta!, Meu pai vaite matar.