Literatura Galega no Exilio: Autores e Obras Fundamentais (1936 en diante)

Otras lenguas extranjeras4,26 KB

A Literatura Galega durante o Exilio

Contexto Histórico e Cultural

Por mor da represión iniciada en 1936, o centro da actividade literaria galega trasládase principalmente a México e Bos Aires. Coas súas publicacións, os intelectuais galegos no exilio buscaban asegurar a continuidade dunha cultura ameazada, contando co apoio dos emigrantes galegos simpatizantes da República.

Cultivaron os máis diversos xéneros e moitas obras importantes da literatura galega leváronse a cabo no exilio ou grazas ao seu mecenado. Entre as máis destacadas atópanse:

  • Os vellos non deben de namorarse e Sempre en Galiza de Castelao
  • A esmorga de Eduardo Blanco Amor
  • Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas

Ademais, realizáronse publicacións periódicas fundamentais como Galicia Emigrante e Vieiros.

A Poesía no Exilio

A poesía deste período aborda temas como:

  • A denuncia social.
  • A situación dos emigrantes e dos exiliados galegos.
  • A reivindicación da dignidade e do pasado histórico de Galicia.

Emilio Pita publicou no exilio Jacobusland, ilustrado por Castelao, e tamén Cantigas de nenos e O ronsel verdegal.

Luis Seoane, figura polifacética, fundou o Laboratorio de Formas de Galicia. Publicou Fardel de exiliado, que ofrece unha visión moi persoal da emigración galega. Outras obras súas son Na Brétema Sant-Iago e As cicatrices. A súa poesía reflicte unha fonda preocupación social e política, un amplo coñecemento histórico e cultural, e a influencia do mundo artístico.

Lorenzo Varela publicou Catro poemas para catro gravados, que contén a exaltación de figuras históricas galegas como:

  • María Pita (e a súa fazaña no cerco inglés á Coruña)
  • Roi Xordo
  • O Bispo Adaúlfo
  • María Balteira

A súa obra Lonxe está marcada pola anguria do desterro e por unha visión onírica da lonxanía de Galicia.

A Prosa no Exilio

A prosa do exilio céntrase frecuentemente na Guerra Civil, abordada desde un punto de vista memorialista e cun ton de denuncia testemuñal dos feitos vividos polos propios escritores.

Ramón Valenzuela Otero colaborou en Galicia Emigrante con publicacións que máis tarde formarían parte do seu libro O naranxo. A súa novela Non agardei por ninguén está narrada por un fidalgo galeguista republicano durante os anos da Guerra Civil. Esta obra, xunto con Era tempo de apandar, constitúe un valioso documento narrativo desta época e ambas teñen un forte compoñente autobiográfico.

Silvio Santiago escribiu no exilio Vilardevós, caracterizada pola sinxeleza, a técnica coidada e unha intención crítica e social que exalta o popular. En O silencio redimido, relata a súa experiencia persoal durante a condena, fuxida e desterro.

O Teatro no Exilio

No ámbito teatral, conviviron dúas tendencias principais:

  • Unha liña culta, con técnicas e temas innovadores, representada por figuras como Castelao e Luis Seoane.
  • Unha liña popular, de carácter enxebrista e costumista, liderada por Manuel Daniel Varela Buxán.

Luis Seoane presentou en A Soldadeira e O irlandés astrólogo unha temática histórica (centrada na revolución irmandiña), mentres que en Esquema de farsa abordou temas contemporáneos.

Varela Buxán fundou en Arxentina a compañía Aires da Terra, coa que estreou a súa primeira obra, Se o sei non volvo á casa. Tras o seu regreso a Galicia, publicou O ferreiro de Santán / Taberna sen dono. O seu teatro caracterízase por ser directo, popular, cunha mestura de comedia e sentimentalismo, e ambientado predominantemente no mundo rural.

Descargar

PDF Word HTML