A Narrativa Galega do Século XX: Unha Exploración Temática e Estilística

Otras lenguas extranjeras5,19 KB

O Conto de Dieste

No "Limiar" expóñense en forma de aforismos unha teoría do conto, que se pode reducir a dous principios: o da unidade de efecto e o da esencialidade do remate. Ambas cousas están estreitamente ligadas. O conto é unha forma literaria pechada. O pechamento do conto ten, pois, importancia capital. Dieste, como Castelao, sobresae nesta técnica. Convén ter en conta que o Limiar escribiuno para preceder aos oito contos da primeira edición. Neles lógrase desde logo a unidade emotiva, e cada un constitúe un todo acabado. Os remates son certamente concluíntes, aínda que, cunha soa excepción, as palabras finais teñen un carácter anticlimático, pois se refiren a algo posterior ou distinto do punto culminante do relato. Só falta o anticlímax en "A luz en silencio", que remata abruptamente e de xeito dobremente sorprendente, xa que se agarda o insólito, e isto non sucede, co que resulta anormal no plano do relato e que sería normal no plano da realidade.

Rasgos Comúns: O Conto de Dieste e Castelao

O carácter intelectual reflexivo, lúcido dos relatos do noso autor, xuntamente coa preferencia por temas que teñen algo de extraordinario ou misterioso, marca fortemente o volume da fina composición. Nisto e noutros moitos aspectos Dieste lembra a Castelao. Humor, lirismo, ambiente temático, acabamento da obra, importancia da conclusión: todo isto é común a ambos os rianxeiros. Dieste é menos sentimental que Castelao, sitúase a maior distancia do seu asunto, marca máis os elementos construtivos dos seus relatos...

Claves da Narrativa de Cunqueiro: Merlín e Familia

No seu primeiro libro, Merlín e Familia (1955), rastrexamos algunhas das claves definitorias da súa narrativa:

  • A gran capacidade para a imaxinación e a fantasía, reflectida nos casos que resolve Merlín.
  • O gusto pola recreación do mito: a materia de Bretaña instálaa preto de Terra Chá; Merlín, o sabio lendario, humanízase con defectos e virtudes.
  • Fino sentido do humor asociado co marabilloso.
  • Estrutura episódica da novela; cada capítulo garda certa independencia do anterior, aparecendo novos personaxes con casos distintos que Merlín debe resolver unitariamente.
  • Sintaxe reborada correspondéndose coa súa facilidade para a invención.

A Esmorga: Un Marco na Novelística Galega

A publicación de A Esmorga (1959) leva á nosa novelística o proceso de renovación no que estaba empeñada a literatura mundial. Nesta breve novela cóntasenos 24 horas da vida de tres personaxes. Neste tempo, o que se iniciou como troula remata en violencia e morte. A obra componse dunha "documentación" na que un narrador en primeira persoa explica como obtivo a información a seguir. Esta "información" está composta polo interrogatorio de Cibrán Canedo, acusado de asasinar os dous compañeiros de esmorga; ocupa 5 capítulos. A obra péchase cun epílogo onde o narrador en primeira persoa, externo, reflexiona sobre o narrado.

Características dos Relatos de Ánxel Fole

Os relatos de Fole parten da tradición oral-popular do sur de Lugo e, en menor medida, doutras fontes máis soterradas. Neles reflicte a vida material e espiritual do agro. Dentro do primeiro aspecto, Fole retrata o entorno natural no que se moven os personaxes. As dúas descricións paisaxísticas máis sinaladas atópanse en "Terras do Courel" (A Lus do Candil) e en "Solaina" (Terra Brava). Non por isto debemos considerar a Fole un paisaxista, posto que a natureza forma parte dun todo no que tamén se inclúe o home. O labrego aparece coa súa idiossincrasia perfectamente captada e o autor non esquece a situación e a problemática do campo.

O aspecto espiritual parte tamén da tradición. Fole crea as historias de visións e aparecidos, os sucesos de ultratumba que conforman o noso gusto polo esoterismo e o misterio.

En canto á técnica, Fole é partidario de conservar ao máximo a aparencia oral no relato escrito, con todas as consecuencias. Isto afecta tamén a lingua, xa que procura transcribir o galego de cada zona con todos os seus vulgarismos, dialectalismos, castelanismos, etc. Este desexo de fidelidade lévao mesmo á utilización diglósica do castelán para determinados personaxes.

Descargar

PDF Word HTML