A Pastorela e Outros Xéneros da Lírica Trobadoresca Galego-Portuguesa
A Pastorela. Outros Xéneros
Ademais dos tres grandes xéneros (amigo, amor e escarnio) e, desde logo, do cancioneiro relixioso representado polas Cantigas de Santa Maria, o lirismo trobadoresco galego-portugués conta aínda cun conxunto de composicións que non resultan doadamente encadrables, xa que aparecen dotadas de autonomía e identidade propias.
Os estudosos adoitan falar da presenza de xéneros menores ou híbridos, incluíndo baixo esta etiqueta fórmulas como o partimen, o pranto, o descordo, a cantiga de seguir...
De entre todas estas variedades destaca especialmente a pastorela.
O modelo «clásico» da pastorela
Desenvolvido polos trobadores occitánicos, o modelo clásico da pastorela presenta a seguinte estrutura:
- Un cabaleiro atopa unha fermosa pastora mentres cabalga ou camiña polo campo.
- Seducido e namorado repentinamente dela, solicítalle os seus amores.
- Prodúcese un diálogo entre a pastora e o galán.
- A pastora acepta, ou non, as propostas deste.
Outros xéneros
Dentro do grupo dos chamados xéneros menores / xéneros híbridos agrúpase un conxunto de composicións entre as cales se inclúen:
- Lais: fan referencia á Materia de Bretaña, isto é, ao mundo do rei Artur e os seus cabaleiros.
- Pranto: expresa a dor pola perda ou desgraza dunha causa, sexa esta unha persoa, a destrución dunha cidade...
- Cantiga de seguir: composicións nas cales se parte doutro texto orixinal ao que se parodia.