Poesía Galega de Posguerra: Xeracións e Tendencias Literarias
Tendencias Poéticas Herdadas da Preguerra Galega
- Paisaxismo: Unha corrente renovadora na que o home e a natureza aparecen fundidos.
- Clasicismo: Nestes poemas aparecen referencias doutras culturas, como a grecolatina.
- Intimismo e Escola da Tebra: Poemas nos que o poeta mira ao seu interior e se pregunta polo sentido da vida. Domina a angustia e o pesimismo, e está presente en todos os poetas da Xeración das Festas Minervais.
- Socialismo: Xorde a finais dos anos 50 como unha poesía de denuncia social baixo os presupostos socialistas.
A Xeración do 36 na Poesía Galega
Destacan figuras como Aquilino Iglesias Alvariño e Celso Emilio Ferreiro. As súas obras estiveron determinadas pola censura da época.
Características desta Xeración:
- Predominaron os contidos paisaxistas e tamén intimistas.
- Non hai influencias da literatura estranxeira debido ao illamento de España co exterior.
- A partir dos anos 60, cando a ditadura comeza a debilitarse, cultivan a poesía socialrealista, iniciándose coa publicación de Longa noite de pedra.
Celso Emilio Ferreiro: Unha Voz Comprometida
Na súa poesía podemos distinguir tres rexistros principais: cívico, intimista e satírico. A poesía social é a que lle proporcionou maior recoñecemento.
Para Celso, o poeta debía ser un home do seu tempo e comprometerse cos problemas do pobo, falar das inxustizas, da falta de liberdade e da guerra. A poesía de Celso caracterízase pola sinxeleza expresiva.
A Promoción de Enlace: Voces na Posguerra
Non constitúen un grupo homoxéneo, senón que se trataba de escritores que elaboraban a súa obra individualmente nos anos máis negros da posguerra, e marcados polo illamento cultural que sufría España naquela época.
Formados na cultura castelá, nos seus inicios foron escritores bilingües. En xeral, caracterízanse pola temática existencial e angustiada, pero neles está tamén presente a poesía social.
Como representantes deste bloque, destacan Antón Tovar e Luz Pozo.
A Xeración das Festas Minervais: Evolución Poética
Esta xeración presenta varias liñas poéticas sucesivas:
- Primeira etapa (Escola da Tebra): Ao comezo cultivaron poesía existencial e intimista, na que o poeta se presenta en conflito co mundo; trata temas como a morte e a soidade. Os poemas desta época coñécense como a Escola da Tebra.
- Segunda etapa: Nunha segunda etapa foron derivando cara á poesía de denuncia social, na que tratan temas como a guerra.
- Terceira etapa: A partir dos anos 70 buscaron a renovación poética, sobre todo no tocante aos temas formais.