Principios Fundamentais de Coherencia e Estrutura na Redacción en Galego

Otras lenguas extranjeras2,86 KB

A Coherencia Textual

A coherencia refírese á relación entre todos os elementos do texto para que a mensaxe que se transmite poida ser percibida polo receptor de maneira clara e sen ambigüidades.

Requisitos da Información Coherente

Para que isto suceda, a información debe ser:

  • Clara: exposta de maneira sinxela e comprensible.
  • Ben organizada: as ideas deben estar ben ordenadas seguindo un esquema ou planificación previa.

Características Esenciais da Coherencia

  • Completa e suficiente, de modo que non queden lagoas no contido.
  • Pertinente, que sexa necesaria, sen caer no exceso de información e evitando os datos innecesarios ou superfluos.
  • Unitaria tematicamente, é dicir, mantendo un mesmo tema ao longo do texto: unha idea principal arredor da cal xorden ideas secundarias.
  • Progresiva, organizando e dosificando a información que se transmite, de maneira que conforme avanza o texto vaian aparecendo gradualmente novos datos en relación cos xa coñecidos.

Aspectos Formais da Coherencia

  • Nos textos escritos, os parágrafos organizan os contidos: cada un forma unha unidade de sentido e ten un tema.
  • Sen contradicións: non pode haber oposición entre as ideas expostas nos distintos parágrafos do texto.
  • Sen repeticións das ideas xa incluídas.
  • Correcta lingüisticamente: respectuosa coas normas ortográficas, morfosintácticas e léxicas do idioma.

A Estrutura do Texto

A estrutura máis frecuente ten tres partes.

Partes Canónicas da Estrutura

  1. Introdución.
  2. Corpo do escrito: desenvolvemento, exposición detallada dos aspectos incluídos nese tema.
  3. Conclusión.

Nalgúns casos, a estrutura vén determinada polo tipo de texto. Así, unha carta consta de tres partes: encabezamento, corpo e remate; unha instancia consta dos apartados EXPÓN e SOLICITA; unha obra de teatro divídese en actos e escenas, etc.

Identificación da Estrutura

Para identificar a estrutura dun texto fixámonos nestes aspectos:

  • Número de parágrafos. Cada parágrafo contén unha idea (ou unha idea principal e varias secundarias). Cando cambiamos de idea, cambiamos de parágrafo.
  • Signos tipográficos: guións, viñetas... que ordenan de maneira lóxica o discurso.
  • Os conectores textuais (verémolos na unidade seguinte).

Descargar

PDF Word HTML