A poesía vangardista en Galicia: Historia e autores
Enviado por Comunidad Wikiteka y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 2,44 KB
A poesía vangardista en Galicia
A mediados da década de 1920, a poesía galega entrou definitivamente na modernidade ao asumir o influxo dos movementos de vangarda, adaptándoos á nosa realidade cultural e social.
Poetas como Álvaro Cunqueiro, Luis Amado Carballo, Manuel Luis Acuña, Manuel Antonio e Fermín Bouza-Brey mostran novos xeitos de facer poesía. Esta poesía supuxo a desaparición de barreiras temáticas e semánticas. Cultivouse o verso libre, desapareceron os signos de puntuación, alterouse a sintaxe e ampliouse a base das figuras literarias.
As liñas poéticas que seguiron os diferentes autores van desde a asunción plena do vangardismo ata a reformulación da tradición lírica medieval ou da poesía popular. Existen tres tendencias:
- Vangardismo creacionista (Manuel Antonio).
- O imaxinismo ou hilozoísmo de Luis Amado Carballo.
- O neotrobadorismo de Fermín Bouza-Brey e Álvaro Cunqueiro.
As revistas foron grandes difusoras en Galicia das correntes vangardistas. Destacan Alfar e Ronsel na década de 1920, e Yunque, Papel de Color, Cristal e Resol na década de 1930.
O creacionismo: Manuel Antonio
Manuel Antonio Pérez Sánchez naceu en Rianxo en 1900. Foi unha persoa comprometida e inconformista, vinculada co nacionalismo das Irmandades e do grupo Nós. Sempre amosou un espírito independente. Fixo estudos náuticos en Vigo e morreu de tuberculose en 1930.
Só publicou un poemario, De catro a catro (1928), aínda que postumamente se publicaron outros poemas seus. Tamén foi autor, xunto con Álvaro Cebreiro, do manifesto ¡Máis alá! (1922), onde expresa o seu inconformismo vital e estético.
De catro a catro é unha das obras máis orixinais da poesía galega contemporánea: 19 poemas que mostran unha travesía marítima que representa unha viaxe interior. A súa técnica poética ten influencia vangardista, sobre todo do creacionismo de Vicente Huidobro, que concibía o poema como unha sucesión de imaxes. Tamén presenta trazos vangardistas como o verso libre, a técnica do caligrama, o uso do léxico tecnicista e de estranxeirismos, xogos humorísticos coas imaxes, ironía e a fuxida do sentimentalismo de carácter romántico.