Bilingüismo e Diglosia en Galicia: Conceptos e Dinámicas Lingüísticas

Enviado por Comunidad Wikiteka y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 2,95 KB

O Bilingüismo

O termo bilingüismo refírese á capacidade que ten unha persoa de se expresar máis ou menos con igual destreza en dúas linguas, isto é, o bilingüismo individual. En sentido colectivo, o bilingüismo social, refírese a comunidades que empregan dúas linguas, sendo bilingües a maior parte dos seus individuos.

Adóitase falar de bilingües pasivos cando aqueles que entenden ambas as linguas, mais só saben falar unha, e falamos de bilingües activos daqueles que falan e entenden as dúas.

O bilingüismo é un motivo de enriquecemento cultural para o individuo, pero é difícil que estas linguas se atopen en situación de igualdade total.

O individuo raramente utilizará dúas linguas para un mesmo propósito; empregará a lingua A ou lingua hexemónica nun ámbito culto e reservará a lingua B ou lingua minorizada para usos informais. Normalmente, a lingua A impónse á lingua B, e esta vai perdendo os seus elementos característicos e diferenciadores.

O contacto entre dúas linguas conduce a unha diversificación de usos entre o galego e o castelán; este feito denomínase diglosia.

O bilingüismo harmónico ou convivencia de dúas linguas nunha situación de igualdade nunha comunidade, non serve máis que para manter unha duplicidade innecesaria na nosa comunidade.

A Diglosia

Prodúcese cando existe un reparto desigual de usos entre variantes dunha mesma lingua ou entre linguas diferentes, e cada unha cumpre unhas funcións distintas.

A diglosia pode ser de dous tipos:

  • Endodiglosia, cando a diglosia se produce entre variantes dunha mesma lingua.
  • Exodiglosia, se se trata de dúas linguas diferentes. Existe unha relación de desigualdade entre unha lingua hexemónica e unha lingua minorizada.

A diglosia dáse en comunidades onde existen dúas linguas nunha situación de desequilibrio que pode chegar a conflito lingüístico. En Galicia emprégase unha ou outra lingua segundo:

  • Os ámbitos sociais: emprégase o galego para as funcións de menos prestixio social e o castelán nas que maior prestixio teñen.
  • Os espazos xeográficos: úsase máis o galego no rural e nos arrabaldes das cidades e máis o castelán nos núcleos das mesmas.
  • Os interlocutores: dependendo da confianza que exista entre os interlocutores.

Esta situación de desequilibrio produce un conflito lingüístico.

Existen tres grupos de falantes en Galicia: monolingües en castelán, bilingües diglósicos e monolingües en galego. O terceiro grupo foi diminuíndo ao longo da historia, de maneira que os bilingües diglósicos e os monolingües en castelán sufriron un aumento considerable. A solución a isto sería intervir mediante unha política lingüística axeitada que aplicase un proceso de normalización lingüística do galego.