Vicente Risco: Vida, Pensamento e Obra Literaria do Mestre Galeguista

Otras lenguas extranjeras6,54 KB

1. Notas sobre a súa vida, pensamento e estética

Ourensán de familia acomodada, pasa a súa nenez en compaña de Ramón Otero Pedrayo. Estudou en Santiago de Compostela e Madrid, e volveu a Ourense para traballar na Administración de Facenda e, posteriormente, como profesor de Historia na Escola de Maxisterio.

Na súa traxectoria intelectual podemos diferenciar tres etapas:

  • 1. Época non galeguista: A da revista La Centuria, anterior ao ingreso nas Irmandades da Fala e á fundación da revista Nós. Xa aparecen algúns dos seus principios filosóficos: o irracionalismo gnoseolóxico e unha visión cíclica da historia. No campo da estética recibe a influencia dos movementos simbolistas europeos de entre dous séculos e centra o seu interese no exotismo da filosofía e relixións orientais. Defende unha escrita evasionista e individualista, allea a calquera propósito ou contido social.
  • 2. Desde o ingreso nas Irmandades ata a Guerra Civil (anos vinte e trinta): É a etapa máis frutífera e activa, a nacionalista. Ingresa nas Irmandades, que acaba dirixindo, senta as bases teóricas do nacionalismo, funda a revista Nós e é cofundador do Partido Galeguista ata escindir na Dereita Galeguista. Postulaba un galeguismo de tipo culturalista e tradicionalista, opoñendo o espiritualismo céltico e atlántico ao racionalismo da civilización mediterránea. Entendía a cultura galega como froito do sentimento da terra, emoción do contacto coa natureza que permanece constante desde o momento celta, sendo a saudade o distintivo psicolóxico dos galegos. A lingua sería a esencia da nosa cultura, pois modela o pensamento e o ser dos galegos: de perdérmola, perdémonos como galegos. Nesta época elabora case toda a súa produción en galego, unha obra que garda unha estreita relación co seu labor etnográfico e coa súa confección dun nacionalismo tradicionalista. As máis son obras culturalistas tinxidas pola etnografía, isto é, enraizadas na tradición oral galega.
  • 3. Etapa posgaleguista: Empeza a asomar na viaxe a Europa de 1930 e maniféstase nas súas desavinzas co Partido Galeguista por se aliar este coas esquerdas da Fronte Popular. Na posguerra abandona o seu ideario galeguista, torna á súa primeira etapa de individualista e introvertido e, aínda que fai algúns estudos acerca da tradición galega, volve escribir en castelán.

2. Obra narrativa

A súa narrativa ten un carácter intelectual: está moi avencellada á súa obra ensaística e ao seu pensamento filosófico. Inicia, canda os compañeiros da súa xeración, unha ruptura coa narrativa de corte costumista dominante ata eles.

2.1. Exotismo de corte modernista

  • Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros (1919): Relato exótico e esotérico en ton humorístico e estética modernista que exemplifica a súa primeira etapa. É novidoso pola ausencia de elementos galegos e porque rompe coa tradición enxebre e folclórica dos nosos contos. O protagonista, o doutor Alveiros, vive unha estraña aventura pola que entra en contacto co mundo dos mortos e logra liberar a momia do faraón Tutankhamón.

2.2. Etapa galeguista e etnográfica

Conxunto de relatos baseados en lendas e mitos tradicionais publicados a mediados dos anos vinte:

  • A velliña vella (1924): Defensa da tradición como elemento esencial da identidade galega.
  • O lobo da xente (1925): Trata o mito do lobishome nun exemplo de transposición á literatura culta da lenda popular.
  • A trabe de ouro e a trabe de alcatrán (1925): Literaturiza de novo un relato de base folclórica. Hai un propósito doutrinario en clave galeguista: a recuperación da identidade galega forxada coa conxunción das orixes celtas e do cristianismo, rexeitando a civilización allea de base mediterránea.
  • A coutada (1926): Historia estruturada en forma dun diálogo filosófico na que defende a aldea tradicional, gardadora das esencias e tradicións galegas, fronte ao mundo urbano dominado polas aparencias e o diñeiro, foco da desgaleguización e despersonalización do individuo.

2.3. Sátira e escepticismo

A finais dos anos vinte experimenta unha viraxe cara a unha radical sátira da sociedade, cunha produción moi polémica e de forte contido social:

  • Os europeos en Abrantes (1927): Capítulos dunha novela inacabada nos que se burla dos hábitos da pequena burguesía urbana aseñoritada, os «filisteos», ignorantes e alienados polo culto ao progreso e ás modas; recrea persoas e lugares ourensáns.
  • O porco de pé (1928): A primeira novela moderna das nosas letras, novidosa e innovadora tanto pola brillantez da sátira coma pola enorme riqueza e variedade de recursos lingüísticos. É un escarnio, cheo de humor, da sociedade urbana ourensá, da súa ignorancia e do seu materialismo.

3. Obra ensaística

Á parte da súa gran produción etnográfica e antropolóxica, recollida en numerosos artigos en Nós e A Nosa Terra, cómpre salientar:

  • Teoría do nacionalismo galego (1920): A peza fundamental do ideario nacionalista da época e guía doutrinaria da primeira etapa das Irmandades da Fala. A esencia do ser de Galicia constitúese na lingua, na terra e na raza.
  • Mitteleuropa (1934): Especie de diario escrito durante a súa estadía en Alemaña en 1930. Xunto coa crítica humorística da vida moderna, amosa as súas ideas antimarxistas e defende os seus postulados de tradicionalismo relixioso.
  • Leria (1962): Libro misceláneo que recolle artigos e outros textos de distintas épocas. Destaca o longo escrito anterior á guerra, «Nós, os inadaptados», no cal explica a conversión ao galeguismo tanto del mesmo coma dos compañeiros do Grupo Nós.

4. Teatro

Escribiu unha única peza dramática:

  • O bufón d'El-Rei (1928): Drama en catro pasos ambientado no medievo no que abondan as mencións á Materia de Bretaña. Desenvolve unha tese semellante á de O porco de pé: unha reflexión acerca da relación entre a deformidade física e a deformidade moral a través do personaxe do bufón, un ser deforme que medita sobre a súa condición maléfica.

Descargar

PDF Word HTML