Análise da Poesía Galega: Pimentel, Alvariño e Ferreiro
Enviado por Comunidad Wikiteka y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 9,17 KB
1. Primeira Comunión de Luís Pimentel
Características: Este poema caracterízase por ter unha temática intimista onde aparece un dos tópicos do mundo literario de Pimentel: os nenos. A infancia representa neste texto a ledicia, a inocencia e a pureza que contrasta coa sombra do templo. Dende o punto de vista formal, observamos un predominio do verso libre de arte menor. A utilización de recursos de repetición serve para dar ritmo e musicalidade á súa poesía. Así, observamos paralelismo: "todo o altar" (versos 5 e 15) e aliteración do fonema /t/: "todo altar tellados festa". No poema aparece o símbolo da cor branca representada en mañá, lirios, azucenas e escuma, que se asocia coa pureza e inocencia da infancia; pola contra, o símbolo da sombra do templo dá idea de escuridade.
2. Xogo ruín de Luís Pimentel
Características: Este poema caracterízase por ter unha temática social onde aparece un dos tópicos do mundo literario de Pimentel: os nenos. Neste texto hai unha forte crítica á maldade que xa se amosa na infancia ("pincháballe os ollos aos paxaros") e que culmina na etapa adulta ("creceu e foi daqueles"), facendo referencia aos fascistas que exercerán a represión. Dende o punto de vista formal, observamos un predominio do verso libre de arte menor. Características da súa obra son as influencias modernistas que aparecen nas referencias sensoriais: asociadas ao son temos o ruído, ao tacto pinchar, á vista luz. O emprego do diminutivo -iño en gotiña ou mañanciñas ten un valor afectivo que dá expresividade ao texto.
3. Enterro do neno pobre de Luís Pimentel
Características: Este poema caracterízase por ter unha temática intimista onde aparece un dos tópicos do mundo literario de Pimentel, os nenos, asociado ao tema da morte dun neno pobre. Dende o punto de vista formal, observamos un predominio do verso libre de arte menor. Características da súa obra son as influencias vangardistas que se observan no texto na particular disposición dos versos. No poema aparece o símbolo da cor branca (zoquiñas, vela) que se asocia á pureza e inocencia da infancia; pola contra, o outro símbolo que aparece, o negro, dá idea de dor, loito e sufrimento pola morte. Unidas a estas referencias sensoriais da vista propias do modernismo, aparecen tamén elementos que fan referencia ao tacto: "non pesaba nada"; este verso aparece no texto a xeito de refrán. O emprego do diminutivo -iño en amiguiños e zoquiñas ten un valor afectivo: o poeta sitúase afectivamente a carón da vítima.
4. Nos curros de Aldoar de Aquilino Iglesia Alvariño
Características: Este poema encádrase dentro das principais correntes da poesía de posguerra: a liña paisaxística con raíces no hilozoísmo, o ruralismo continuador de Noriega Varela e o neotrobadorismo. Nos seus poemas fai unha descrición da súa Vilagarcía de Arousa natal, humanizada e chea de sentimentos como a soidade e o paso do tempo, a saudade ou a morte. No texto observamos esas influencias do hilozoísmo na humanización da paisaxe: sono ledo, voz noviña, vento pagán de ollos verdes, durmiu o vento... e na presenza de elementos sensoriais referidos ao gusto (sabían a queirogas), ao tacto (alumiñar centeos), ao son (voz noviña) e á vista (ollos verdes, pailebotes claros). A corrente culturalista que se observa en autores como Cunqueiro aparece nas referencias clásicas a Virxilio, Deiopea, Oréade...
5. Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro
Características: Nesta composición poética podemos observar unha dobre significación: unha individual e outra colectiva. Na significación individual, remite a unha experiencia persoal ocorrida en 1937 cando foi preso por varios días nunha cela do mosteiro de Celanova por verter críticas contra o franquismo. Impuxéronlle a pena de morte que, finalmente, non se executará. O tema do texto é, polo tanto, a denuncia da falta de liberdade asociada cos sentimentos de angustia e soidade. Na significación colectiva, a longa noite de pedra representa metaforicamente a privación de liberdade do pobo galego baixo a ditadura. Dende o punto de vista formal, observamos a máxima de Celso Emilio: a mensaxe é máis importante que o contido. De aí que empregue recursos de repetición como paralelismos ("de pedra", versos 16 e 19) e anáforas ("de pedra os muros", "de pedra o chan") para fixar a mensaxe no lector e que quede clara, trazos característicos da poesía socialrealista. O símbolo da pedra representa a frialdade e a dureza física da cela ("de pedra é o teito") e a insensibilidade dos homes que o xulgan ("os corazóns dos homes feitos están tamén de pedra").
6. Deitado fronte ao mar de Celso Emilio Ferreiro
Características: Este poema encádrase dentro dunha das correntes literarias da posguerra: o socialrealismo. Esta liña de denuncia cívica que iniciaran Curros e Cabanillas estenderase dende Celso Emilio aos poetas das Festas Minervais. O tema do texto é a defensa da lingua galega, da lingua do pobo, en palabras do propio autor, da "lingua proletaria". Dende o punto de vista formal, observamos a máxima de Celso Emilio: a mensaxe é máis importante que o contido. De aí que empregue recursos de repetición como paralelismos (versos 2-4 e 19-23) para fixar a mensaxe no lector e que quede clara, trazos característicos da poesía socialrealista. Este recurso, xunto coa aliteración dos fonemas /p/, /b/ e /k/ nos versos 1, 2, 3 e 4, dálle musicalidade e ritmo ao texto. Utiliza neste poema un ton coloquial que se reflicte no emprego de expresións como "porque me gusta", "porque me peta e dáme a gaña" e tamén nos termos despectivos "mequetrefes", "patufos" ou "estúpidos".
8. María Soliño
Características: Este poema encádrase dentro dunha das correntes literarias da posguerra: o socialrealismo. Esta liña de denuncia cívica que iniciaran Curros e Cabanillas estenderase dende Celso Emilio aos poetas das Festas Minervais. O tema do texto é a crítica da inxustiza, neste caso personificada na figura histórica de María Soliño, muller acusada de bruxería pola Inquisición. Dende o punto de vista formal, observamos a máxima de Celso Emilio: a mensaxe é máis importante que o contido. De aí que empregue recursos de repetición como o refrán "Ai, que soliña quedaches, María Soliño" coa finalidade de fixar a mensaxe no lector e que quede clara, trazos característicos da poesía socialrealista. O poeta sitúase a carón da vítima, por iso utiliza o diminutivo soliña con valor afectivo. O clima de medo e terror aparece a través das metáforas "terror de auga fría" e "soños de medo", que axudan a conformar a traxedia e a morte da protagonista.
9. Non
Características: Este poema encádrase dentro dunha das correntes literarias da posguerra: o socialrealismo. Esta liña de denuncia cívica que iniciaran Curros e Cabanillas estenderase dende Celso Emilio aos poetas das Festas Minervais. O tema do texto é a crítica social, mais neste poema faino cun tratamento sarcástico do tema. Esta temática satírica será parte de obras como Cantigas de escarnio e maldicir. Dende o punto de vista formal, observamos a máxima de Celso Emilio: a mensaxe é máis importante que o contido. De aí que empregue recursos de repetición (CALAR, CALAR, CALAR) e paralelismos ("si dixese que si") para fixar a mensaxe no lector, trazo característico da poesía socialrealista. O tratamento sarcástico obsérvase na ironía constante; no texto as cousas son así porque si, mais o ton de crítica social está nas últimas palabras e no título: Non. Utiliza neste poema un ton coloquial con dialectalismos como aquil, expresións populares como veleí e vulgarismos como ademiración.
10. Limiar
Características: Dende o punto de vista formal, observamos que todo o poema constrúese baixo unha metáfora: Galicia é unha árbore e ten as súas pólas divididas, unhas na casa (é dicir, en Galicia) e outras fóra (na emigración). Dun xeito directo expón cal é a solución: pechar as portas, é dicir, metaforicamente tamén facer que o noso pobo permaneza na terra, pois sen terra morre. Neste texto utilízase tamén o paralelismo semántico das palabras fundamentais: pobo e póla.
11. Poema nuclear
Características: Dende o punto de vista formal, observamos o emprego de onomatopeas como bong! e aliteracións repetindo o fonema /b/ para dar musicalidade ao poema: "que ben que a bomba vén co seu rebumbio". Observamos, ademais, a intertextualidade ao facer referencia a uns versos do coñecido poeta Quevedo: "polvo serán mais polvo enamorado".