Conflito Lingüístico e Diglosia en Galicia

Enviado por Comunidad Wikiteka y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,65 KB

Conflito e Diglosia

A existencia de máis dunha comunidade idiomática no seo dos Estados a miúdo presenta situacións de desequilibrio e desigualdade. Esta desigualdade, causada por unhas relacións asimétricas no político, cultural e económico, cristaliza nun conflito lingüístico; o uso do idioma propio ou do idioma oficial constitúe por si mesmo un signo de estratificación social, pois vai unido a cotas de renda, acceso á cultura ou manexo de poder diferentes en cada caso.

A tensión lingüística é, por natureza, un proceso dinámico no que se producen constantes desprazamentos e transicións. O devalar sociolingüístico en Galicia constitúe un exemplo inmellorable das mudanzas funcionais e valorativas ás que se vén sometidas as linguas. Ata a chegada da democracia a finais da década de 1970, Galicia vivía unha situación de bilingüísmo diglósico. No noso país coexistían dúas linguas repartidas de xeito desigual na sociedade: o castelán, falado polas clases dominantes e empregado para os usos formais públicos (lingua escrita, ensino, política, alta cultura) e o galego, falado polas clases populares e empregado nas situacións familiares.

O conflito lingüístico no que unha lingua ocupa a esfera de poder e a outra se converte na lingua dos subordinados a ese poder, trae como consecuencia necesariamente unha situación de diglosia. Non se fundamenta na diferenza lingüística, senón na diferenza de funcións. É dicir, unha das linguas goza de estima social e serve para todas as comunicacións posibles; a outra queda pechada no eido familiar e precisa da primeira para as comunicacións socialmente máis valoradas.

A Diglosia en Galicia

En Galicia a diglosia vén condicionada por factores históricos que se remontan a finais da Idade Media coa chegada dunha clase dirixente foránea (nobreza castelá), portadora dun idioma alleo ao conxunto da poboación galega, que se instala definitivamente no reinado dos Reis Católicos. A partir deste momento asociouse o castelán coa lingua da cidade, da cultura, da riqueza e do progreso e o galego como lingua de aldea, incultura e pobreza.

Ademais, ao non gozar dos privilexios do castelán, o galego dialectalizouse, vulgarizouse e, sobre todo, castelanizouse durante cinco longos séculos.

En Galicia a diglosia está caracterizada polo emprego de códigos diferentes segundo os ámbitos sociais de uso, os contextos ou as situacións e os interlocutores.

Desviacións da Norma

Todas aquelas formas que non coinciden coa norma chámanse desviacións e poden clasificarse en tres grupos:

  1. Dialectalismos: son as formas propias de cada variedade xeográfica, usuais na fala, pero que non deberían empregarse na escrita. De entre elas destacan as terminacións -ao /-á, en palabras como irmán, curmá...; os pronomes tu/ il; os plurais en -s;-is como camiós, pantalonis...
  2. Vulgarismos: afectan case sempre á fonética e son propios do galego oral. Consisten na alteración do vocalismo ou do consonantismo das palabras por cambio dun fonema por outro (polígono, murmurar, semellar...); adición ou supresión de fonemas (admirar, esperanza...); cambio de posición entre os fonemas ( probe...).
  3. Hiperenxebrismos ou hipergaleguismos: son formas creadas cun afán diferencialista con respecto ao castelán. Aparecen nas palabras nas que o galego coincide co castelán; ambente por ambiente; gasoliña por gasolina; brilar por brillar...