O Galego Popularizante: Historia, Características e Evolución da Lingua

Enviado por Comunidad Wikiteka y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 2,77 KB

O Galego Popularizante: Características e Evolución

Este galego atopámolo tanto nos escritores precursores coma nos propiamente pertencentes ao Rexurdimento (como Fernández Neira, Rosalía, Curros...). Caracterízase pola presenza de castelanismos, dialectalismos e vulgarismos propios da fala, pois estes escritores toman como referencia a lingua oral popular e recorren ao castelán para resolver as carencias léxicas propias dunha lingua reducida aos ámbitos coloquial e familiar durante séculos.

Vontade Interdialectal e Desafíos Iniciais

Os escritores desta época amosan unha vontade interdialectal, xa que non se limitan a reflectir a fala da súa zona natal, senón que intentan empregar trazos lingüísticos e vocabulario das diferentes zonas de Galicia. Para valorar o esforzo destes autores, hai que ter en conta que comezaron a escribir en galego sen dispor de ningún referente ou modelo, xa que nin sequera se coñecía a tradición literaria medieval.

A Achega de Pondal: Cara a un Galego Culto

A situación virou un pouco na lingua empregada por Pondal, que supón un avance respecto da situación anterior. Pondal, na súa pretensión de acadar unha variedade escrita máis depurada e culta, ten moito en conta o portugués literario e bota man de cultismos tirados directamente do latín ou do grego. De aí o seu gusto pola conservación dos grupos consonánticos cultos e o recurso a cultismos insólitos.

Desafíos Ortográficos e Solucións Iniciais

No que se refire á ortografía, recorreron fundamentalmente ao modelo da lingua castelá, que era o que mellor coñecían. O problema residía na representación dos fonemas que non existen en castelán:

  • A diferenza entre as vogais abertas e medio pechadas decidiuse desde o principio non representala na escrita.
  • Canto ao fonema nasal velar, representouse de distintas maneiras, antes de se consolidar a representación actual «nh».
  • Do mesmo xeito, para a fricativa palatal, empregaban varias posibilidades á hora de representala.

Ata o século XIX, a escrita usaba apóstrofos e guións para representar as contraccións e os encontros vocálicos propios da lingua falada (ex: «po-l'amañá»).

A Necesidade dunha Academia Galega

Para acadar un consenso arredor desta diversidade de escollas na escrita, era precisa unha institución, ben individual ou colectiva, que uniformase as diferentes tendencias lingüísticas e propuxese unha variedade culta e unificada. Moitos escritores, conscientes desta necesidade, reclaman a constitución dunha Academia, pero teñen que esperar ata comezos do século XX para que esta se faga realidade.