Eduardo Pondal: Biografía e Vida do Poeta do Rexurdimento

Enviado por Comunidad Wikiteka y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,02 KB

A Vida de Eduardo Pondal (1835-1917)

Orixes e Formación Clásica

Pondal naceu en Ponteceso, na comarca de Bergantiños, no ano 1835. A boa situación económica da familia permitiulle unha esmerada formación académica e poder dedicarse ao cultivo da literatura sen necesidade de ter que procurar a subsistencia mediante un traballo remunerado.

Realizou os primeiros estudos na casa reitoral de Nemiña, na que o cura rexente preparaba os rapaces para poderen acceder ao estudo ou para mellor levar o goberno das súas casas e facendas. Desta época procede a súa formación clásica, que máis tarde completaría coa lectura dos grandes autores da literatura universal, o que o converteu, en opinión dos seus coetáneos, no poeta máis culto do Rexurdimento.

Os Anos de Compostela e o Rexurdimento

No ano 1848 trasladouse a Santiago para estudar o Bacharelato e a carreira de Medicina. Isto ocorreu dous anos antes de producirse o pronunciamento dos provincialistas que acabou na súa derrota na batalla de Cacheiras e cos tráxicos fusilamentos da vila coruñesa do Carral.

En Santiago coñeceu e trabou amizade con figuras clave do galeguismo, como:

  • Rosalía de Castro
  • Manuel Murguía
  • Aurelio Aguirre
  • Luis Rodríguez Seoane

Estes mozos escritores e intelectuais de ideoloxía galeguista e progresista reuníanse no Liceo de la Juventud.

O Banquete de Conxo (1854)

En marzo de 1854 participou no histórico “Banquete de Conxo”, un xantar de confraternidade entre obreiros e estudantes de ideas progresistas. Na sobremesa, Pondal leu un poema en castelán de contido revolucionario, que a punto estivo de lle custar o desterro.

Dedicación á Poesía e a Cova Céltica

En 1862 empezou a exercer como médico militar en Ferrol e despois na fábrica de armas de Trubia, pero axiña abandonou o exercicio da medicina para se dedicar por enteiro a cultivar a poesía.

Na Coruña formou parte dos parladoiros que se facían na Cova Céltica, unha reunión de intelectuais, escritores e historiadores galegos que defendían as raíces celtas de Galicia como elemento diferenciador fronte ao substrato grecolatino dos outros pobos da Península.

A Influencia Ossiánica

O coñecemento dos Poemas de Ossián, que publicara o poeta escocés James Macpherson facéndoos pasar por auténticas creacións dun bardo do século III, influíron na orientación da súa poesía. Esta centrouse na creación dun mundo mítico sobre o que asentar o seu ideario galeguista e un pasado glorioso de Galicia.

Últimos Anos e Legado

Pondal colaborou en diferentes publicacións, foi membro de numerosas sociedades culturais e cívicas, e membro numerario da Real Academia Galega desde a súa fundación en 1906.

Os últimos anos da súa vida padeceu lixeiros achaques nerviosos con síntomas de manía persecutoria. Morreu na Coruña en marzo de 1917.