A Revolución Rusa de 1917: Historia e Claves
Clasificado en Historia
Escrito el en
gallego con un tamaño de 7,12 KB
A situación política de Rusia antes de 1917
Antes de 1917, Rusia era un país absolutista, gobernado polo tsar. O Estado estaba asegurado por un poderoso exército e unha fiel burocracia, mentres que a Igrexa ortodoxa constituía un dos grandes piares ideolóxicos do réxime.
Situación económica e social
A economía e as estruturas sociais do Imperio ruso eran as máis atrasadas do continente europeo. A agricultura constituía a principal actividade económica e as terras estaban en mans da aristocracia privilexiada, que era moi poderosa e rica.
Os campesiños (a maioría da poboación) estaban sometidos a un réxime case feudal, desaparecido na maior parte de Europa, que os condenaba a unhas condicións de vida miserables. A servidume persoal mantívose ata 1861 e, aínda que se anulou, o poder da nobreza terratenente mantívose intacto.
Esta situación na agricultura, os problemas no resto de sectores económicos, como o atraso na industria, un inverno frío que empeorou a crise existente no imperio, un sistema político autocrático e o nacemento de partidos políticos opostos ao tsarismo son factores que explican o proceso revolucionario ruso de principios do século XX.
Fundación do Partido Obreiro
O POSDR é un exemplo de oposición política que xorde en Rusia entre finais do século XIX e comezos do XX. O obxectivo destes partidos é claro: que se produzan cambios políticos e económicos no Imperio. Os antecedentes desta oposición atópanse no anarquismo de Bakunin.
Algunhas destas forzas acabaron loitando polo fin do tsarismo, convencidas de que este sistema, o de Nicolao II, xa non podía ser reformado. Estes partidos operaban clandestinamente, pois non hai que esquecer que Rusia era unha autocracia. Por exemplo, a finais do século XIX, o intelectual Lenin foi detido e deportado a Siberia pola súa actividade en contra do tsar.
En canto á fundación do partido que nos ocupa, fúndase o POSDR, que tiña como líder a Lenin. Logo dividiuse en dúas partes: a menxevique e a bolxevique, esta última partidaria do camiño revolucionario e convencida da incapacidade de reforma do tsarismo.
A Revolución de Febreiro de 1917
Foi unha gran manifestación pacífica protagonizada por mulleres en Petrogrado baixo o lema “Paz e pan”. Seguiulle unha folga xeral e motíns nos cuarteis; algúns dos soldados que debían reprimir esas manifestacións negáronse a cumprir as ordes do tsar e uníronse a elas. O tsar abdicou e proclamouse unha república (goberno provisional) que se comprometeu a convocar eleccións constituíntes para converter Rusia nunha democracia parlamentaria.
Pero no novo goberno nacido nesta revolución, dirixido por burgueses, realizáronse tímidos cambios que non convenceron á poboación rusa.
A Revolución de Outubro de 1917
A insistencia do Goberno Provisional de continuar na Primeira Guerra Mundial foi unha das causas que axudou a que se desatase a segunda fase da Revolución Rusa de 1917. Pola contra, Lenin escoitou as demandas do pobo. Foi o líder dos bolxeviques e o principal inspirador desta nova revolución.
O programa dos bolxeviques transmitíase coas consignas: “Paz, pan e terra” e “Todo o poder para os Soviets”, o que provocou que obtivesen partidarios de forma rápida no outono de 1917. Isto permitiulles aos bolxeviques ir obtendo o apoio dos Soviets.
Tamén se creou a Garda Vermella, un grupo de cidadáns armados que prepararon unha rebelión para a data do 25 de outubro de 1917. A continuación, os sublevados ocuparon Petrogrado (actual San Petersburgo), tomaron o Palacio de Inverno e eliminaron o Goberno Provisional. Unha vez feito isto, a revolución empezou a expandirse por Moscova e os núcleos industriais do país. Ao final, o II Congreso dos Soviets de Rusia proclamou un goberno obreiro presidido por Lenin e no que figuraban Trotski e Stalin.
Os Soviets
Os soviets son consellos de campesiños, obreiros e soldados que os traballadores crearon para organizarse nas folgas e manifestacións; naceron na revolución de 1905. Foron fundamentais na vitoria da revolución de outubro de 1917, episodio no que a maior parte dos soviets apoiaron os bolxeviques.
Os Bolxeviques
Naceron a finais do século XIX, eran a parte maioritaria na que se dividiu o POSDR e eran partidarios do camiño revolucionario, convencidos da incapacidade de reforma do tsar.
A influencia da Primeira Guerra Mundial
En 1914, cando Rusia entrou na Primeira Guerra Mundial, evidenciouse que non estaba preparada para unha guerra tan longa, dura e cara. O exército non estaba capacitado, os sistemas de transporte non eran eficaces e a industria de armamento era insuficiente.
Tamén os medios económicos do país se dedicaron á guerra, a fame apareceu e o malestar estendeuse entre os obreiros, campesiños e soldados. Todo iso desacreditou ao tsar Nicolao II e ao seu goberno. En plena guerra, os que se opoñían ao tsarismo sabían que era a oportunidade de acabar co réxime e facerse co poder.
A revolta de 1905
En 1905 estalou unha revolta que esixía cambios no sistema político de Rusia. Tivo lugar unha manifestación pacífica e o tsar respondeu cunha contundente represión (Domingo Sanguento). Pero as manifestacións e folgas continuaron e os traballadores crearon os soviets para organizarse. Ante a situación, o tsar comprometeuse a convocar eleccións por sufraxio universal ao parlamento (Duma), pero as promesas que fixo non se cumpriron.
As Teses de Abril
Documento que recolle as ideas de Lenin e o camiño a seguir tras a revolución de febreiro de 1917. O que hoxe chamaríamos programa político incluía:
- Derrogar o goberno provisional.
- Pasar a unha segunda revolución para que os traballadores acadasen o poder.
- Instaurar un goberno de soviets, obreiros e campesiños.
- Abandonar a Primeira Guerra Mundial por ser un conflito capitalista e imperialista.
- Asinar a paz con Alemaña.
- Repartir as terras entre os campesiños.
- Ceder a dirección das fábricas aos obreiros.
- Nacionalizar a banca e recoñecer as nacionalidades do imperio.
- Instaurar un goberno comunista.
A formación da URSS
A URSS (Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas) foi un estado federal de repúblicas soviéticas fundado en 1922, de grandes dimensións. Chegou a cubrir un sexto das terras emerxidas do planeta. Na súa configuración, cada república conservaba o seu idioma e tiña autoridade en ámbitos como a xustiza e a educación, pero non sobre relacións exteriores ou economía. Catro exemplos de repúblicas soviéticas serían:
- Rusia
- Estonia
- Letonia
- Lituania