Vangardas e Xeración do 25: Poesía de Vangarda en Galicia
Enviado por Comunidad Wikiteka y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 5,07 KB
AS VANGARDAS
As vangardas son movementos artísticos que pretendían unha total renovación da arte, xurdidos nas dúas primeiras décadas do século XX. As súas características son: ruptura coa tradición literaria, busca de novos camiños expresivos, actitude antisentimental, total liberdade creativa, orixinalidade, eliminación dos signos de puntuación, nova función das metáforas e das imaxes e renovación da linguaxe. Entre as correntes ou ismos destacan:
Futurismo
Corrente creada por Marinetti no 1909, tras a publicación do “Manifesto do Futurismo”. As súas características son: ruptura coa tradición literaria do pasado, eliminación da métrica, defensa da modernidade, ruptura das normas sintácticas e ortográficas, emprego dos tecnicismos e disposición especial dos versos na páxina.
Cubismo
Naceu como movemento pictórico en 1907 (Picasso, Juan Gris…). Caracterízase polo emprego de formas xeométricas e destacan os colaxes. En literatura, salienta a obra “Caligramas” de Guillaume Apollinaire.
Dadaísmo
Naceu en Zúric a partir dun grupo de artistas durante a Primeira Guerra Mundial, liderado por Tristan Tzara. É un movemento antiarte e renovador. Destaca a súa rebelión contra as convencións establecidas.
Surrealismo
É un movemento literario e artístico nacido en Francia con André Breton, que en 1924 creou o primeiro manifesto do surrealismo. Incorpora as ideas da psicanálise de Freud. Caracterízase pola renovación da linguaxe e polo emprego de novas técnicas de composición.
XERACIÓN DO 25
Entre os anos 20 e 30 xorde en Galicia un grupo de escritores nados arredor de 1900 que tiñan como obxectivo a renovación da literatura galega e introducir nela as vangardas literarias europeas. Son coñecidos como os escritores da Xeración do 25, Xeración do 22 ou Xeración das Vangardas. Entre as mostras máis significativas das vangardas galegas destacan:
O manifesto “Máis Alá” publicado por Manuel Antonio e o pintor Álvaro Cebreiro.
As revistas literarias “Ronsel”, “Alfar” e “Cristal”, nas que se publicaron os seus versos e se daban a coñecer os escritores máis importantes das vangardas europeas.
Os poetas máis significativos foron Manuel Antonio, Amado Carballo e Álvaro Cunqueiro.
POESÍA DE VANGARDA
Dentro da poesía de vangarda podemos destacar tres movementos:
Hilozoísmo ou Imaxinismo
Neste movemento, o tema principal é a natureza, que aparece humanizada e animada mediante constantes personificacións. Esta estética combina a tradición paisaxística galega coa riqueza das imaxes e metáforas. A poesía imaxinista presenta unha gran sensualidade e ten como meta a creación de imaxes que combinen elementos auditivos e visuais. A súa principal figura foi Luis Amado Carballo, que naceu en Pontevedra no 1901 e morreu no 1927. Escribiu dous libros de poemas: “Proel” (1927) e “O Galo” (1928). Tamén escribiu unha novela titulada “Os pobres de Deus”.
Neotrobadorismo
Nace debido á difusión dos cancioneiros da lírica medieval galego-portuguesa. Os poetas neotrobadoristas introducen nos seus poemas gran cantidade de recursos formais, estilísticos e temáticos da literatura medieval. O interese pola literatura medieval responde á recuperación da tradición literaria galega emprendida polo galeguismo. Os principais autores son: Fermín Bouza Brey (“Nao Senlleira” (1933)) e Álvaro Cunqueiro (“Cantiga nova que se chama Riveira” (1933) “Dona de corpo delgado” (1950)).
Vangarda Plena
Destacan os seguintes poetas:
Álvaro Cunqueiro, que escribiu “Mar ao norde” (1932), de estética cubista e “Poemas do si e non” (1933), de estética surrealista.
Manuel Luís Acuña, que escribiu “Fírgoas” no 1933, no que se manifesta a asimilación das técnicas vangardísticas.
Manuel Antonio, que naceu en Rianxo no 1900 e morreu no 1930. Foi o poeta máis innovador da Xeración do 25. A maioría da súa obra inclúese dentro do creacionismo, con pegadas futuristas e cubistas. Caracterízase pola ruptura coa tradición literaria galega, á que considera continuadora das obras dos poetas do Rexurdimento. O seu libro máis importante é: “De catro a catro. Follas sen data dun diario de abordo” (1928), que conta con 19 poemas e estrutúrase como a crónica dunha viaxe (partida-aventura-regreso). No 1972 edítase a súa “Obra completa”. Manuel Antonio expón as súas ideas literarias en dous manifestos:
“Máis Alá” (1922), no que expresa a necesidade de romper coa tradición literaria galega e buscar novos camiños inspirándose nas vangardas. O ideal que el defende é a liberdade creativa.
“Prólogo dun libro de poemas que ninguén escribiu” (1924), publicado no xornal “Galicia” e no que Manuel Antonio insiste nalgúns dos aspectos tratados no manifesto.