As Variedades Dialectais do Galego: Fenómenos e Bloques Lingüísticos

Enviado por Comunidad Wikiteka y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 4,97 KB

Variedades Dialectais ou Diatópicas

As variedades dialectais son manifestacións da fala que varían segundo a súa distribución xeográfica. Os estudos recentes de dialectoloxía galega sosteñen que as diferenzas diatópicas da nosa lingua son pequenas. Por iso, non se debe falar de dialectos dentro do galego, senón máis ben de falas caracterizadas por determinados trazos que conforman tres grandes bloques.

No segundo dos traballos, o de F. Fernández Rei, fálase de tres bloques lingüísticos: o bloque occidental, o central e o oriental.

A xeografía lingüística do galego non coincide coas fronteiras administrativas da Comunidade Autónoma de Galicia. Así, no galego oriental, a lingua penetra no occidente de Asturias ata o río Navia, nos Ancares e no Bierzo occidental de León, e tamén na zona zamorana das Portelas de Canda e do Padornelo.

Fenómenos Lingüísticos Característicos

Gheada

A gheada consiste na aspiración do fonema /g/. Aparece en falas do norte da ría de Pontevedra, oeste de Lugo e zonas da Coruña, dándose entón no galego occidental e en boa parte do central.

Non é un vicio do galego, senón un fenómeno enxebre. Non existe no portugués e é perfectamente válido na fala, aínda que non se representa na escrita.

Seseo

O seseo consiste na ausencia do fonema /θ/ (zeta) e a pronuncia no seu lugar dun /s/ (ese). Existen dous tipos de seseo: explosivo e implosivo. O seseo explosivo consiste na inexistencia do fonema /θ/ en posición inicial de sílaba (ex: cosiña, mosa...). O seseo implosivo consiste na inexistencia do fonema /θ/ en posición final de sílaba (ex: des, lus). O /s/ implosivo pode presentar distintas alteracións, como o rotacismo, que consiste en pronunciar o /s/ como /r/ ante consoante sonora.

Perda do -N- Intervocálico Latino

A perda do -N- intervocálico latino (-ANES, -ONES) deu lugar a diferentes opcións:

A evolución das terminacións latinas -ANUM, -ANOS, -ANAM, -ANAS, sendo no galego occidental -án/-áns (ex: o meu irmán, a miña irmán / os meus irmáns) e no galego central e oriental -ao, -á, -aos, -ás (ex: o meu irmao, a miña irmá, os meus irmaos...).

Pronome Suxeito de Segunda Persoa

O pronome suxeito de segunda persoa de singular é ti, característico do galego occidental e boa parte do central, e tu no resto do territorio galego.

Bloques e Áreas Lingüísticas

O mapa dialectal do galego confórmase en tres grandes bloques: occidental, central e oriental. As isoglosas son as liñas imaxinarias usadas para trazar as fronteiras lingüísticas entre unhas zonas e outras.

Bloque Occidental

Ocupa a parte occidental das provincias da Coruña e Pontevedra e unha pequena zona do suroeste da provincia de Ourense (a Limia Baixa, zona de transición entre o galego occidental e o oriental).

Rasgos Característicos:

  • Gheada (ex: ghato).
  • Seseo implosivo (ex: des, lus).
  • Terminación -án (masculino e feminino) (ex: o meu irmán, a miña irmán, os/as irmáns).
  • Plural en -ns (ex: cans, camións).
  • Uso do pronome ti.
  • Uso de formas verbais como colleches, vendeches, foches (fronte a colliches, vendiches, fuches).
  • Uso de cantein, canten ou cantín en lugar de cantei.
  • Metafonía.

Bloque Central

Ocupa case a totalidade das provincias de Ourense e Lugo e a parte oriental da Coruña e Pontevedra.

Rasgos:

  • Distinción -ao/-á (ex: irmao-irmá).
  • Os nomes rematados en -n pérdeno no plural, plural en -s (ex: camiós).
  • Uso do pronome tu.
  • Úsase o ditongo oi.
  • Non hai seseo.
  • Terminacións verbais con -i- etimolóxica (ex: vendiches, colliches...).
  • Terminación -ao(s), -ás (ex: irmao, irmás).

Bloque Oriental

Ocupa o occidente de Asturias, León e Zamora, e o leste de Lugo e Ourense.

Rasgos:

  • Plural en -is dos nomes rematados en -n e dos nomes rematados en -l.
  • Distinción -ao/-á coma no galego central.
  • Conservación do -u- nalgunhas palabras (ex: cuatro, guardar).
  • Alternancia oi/ui (ex: moito, muito).