A Civilización Islámica: Orixe, Expansión e Legado Cultural

Otras lenguas extranjeras6,39 KB

Orixe e Bases Doutrinais do Islam

O Islam é unha civilización baseada na relixión de Mahoma. O fundador desta relixión foi Mahoma, o profeta de Alá, o seu único Deus. Mahoma era un comerciante de caravanas da Meca. Durante as súas viaxes coñeceu dúas relixións que o influíron: a hebrea e a cristiá.

A predicación da súa doutrina enfrontouno cos membros da súa propia familia, que era politeísta e encargada de protexer os ídolos de todas as tribos árabes que se gardaban xunto coa Kaaba, ou Pedra Santa. Este enfrontamento levouno a ter que fuxir da Meca para refuxiarse na cidade de Medina. Esta fuxida é para o musulmán un feito importante que marca o comezo da era islámica. Logo dunha serie de loitas, conseguiu volver vitorioso á Meca e dedicou os últimos anos da súa vida a predicar a súa relixión.

Os discípulos de Mahoma compilaron as súas palabras nun libro: o Corán. Os pilares do Islam, que permiten ao crente acadar a perfección, son:

  • A oración que debe practicarse cinco veces ao día, prostrándose cara á Meca.
  • A esmola e a hospitalidade para con todos os musulmáns e os estranxeiros.
  • O xaxún prescrito desde o alba ata o solpor, durante o mes de Ramadán, noveno mes do ano lunar árabe.
  • A peregrinación cara á Meca (hajj) unha vez na vida.
  • A guerra santa que obriga a loitar contra os infieis para defender o Islam de calquera ataque.

A Expansión do Islam

Despois da morte de Mahoma, e nun lapso moi breve de tempo (uns vinte anos), tras dous ou tres grandes combates, os árabes conquistaron as provincias máis poboadas e ricas do Imperio Bizantino (Siria, Exipto, Palestina) e destruíron o Imperio Persa.

Cara ao Oeste, nunha carreira fantástica, alcanzaron, polo norte de África, o estreito de Xibraltar e, logo de acabar co reino visigodo de Hispania, seguiron con ímpeto máis aló dos Pireneos, onde os Francos lograron detelos. Tamén dominaron o Mediterráneo, que pecharon ao tráfico bizantino, e cara ao Leste onde, a comezos do século VIII, chegaban ao río Indo. Era un imperio moi grande para a súa época. O Islam ía servir como ponte entre a cultura do Extremo Oriente e o Occidente europeo.

A Cultura Islámica

O labor máis importante que realizaron os musulmáns foi crear unha síntese cultural de todas as culturas dos pobos conquistados. Desta maneira, aceptaron as formas de goberno bizantinas, estudaron aos filósofos gregos e adaptáronos á súa mentalidade; copiaron as formas artísticas bizantinas —como a utilización da cúpula nos seus edificios—, persas, indias ou visigodas; introduciron a numeración e os relatos curtos dos indios, a pólvora, o compás ou o papel dos chineses. Con todo iso, souberon crear unha cultura que nos séculos IX-XII foi unha das máis avanzadas do mundo.

Eran musulmáns os mellores médicos, os mellores matemáticos (como Mohamed ben Musa Al-Juwarizmi), os mellores filósofos (como Avicena e Averroes), os mellores xeógrafos (como Ibn Jaldun), os mellores alquimistas e astrónomos. Esta cultura introduciuse en Europa. Así, os europeos coñeceron a pólvora, o papel, a numeración arábiga, o compás, o muíño de vento ou o cultivo do algodón e arroz, que actualmente están na base da nosa civilización.

A arte musulmá estivo sempre en función da relixión ou das clases economicamente ricas. No primeiro aspecto, temos que destacar a mesquita, edificio de amplos espazos pensado para reunir aos crentes no momento da oración; no segundo, o palacio, onde realizaron xogos de patios con pórticos, xardíns e fontes refrescantes como centro de dependencias que eran mantidas en penumbra. Nun e noutro tipo de edificio, a decoración abundante, en xiz ou cerámica, está limitada a formas vexetais, xeométricas e incluso de escritura (cúfica), xa que o Corán rexeita as representacións humanas.

A Estrutura Socioeconómica do Islam

O comercio musulmán enlazou a India coa Península Ibérica ou África con Constantinopla. Unha moeda forte, o dinar de ouro, cotizada por todo o mundo, mantivo a forza deste comercio. Sobre a liña de cidades —Alexandría, O Cairo, Damasco, Bagdad, Basora— converxían as especias, a seda, a porcelana ou o papel da India e da China; os escravos, o marfil ou o ouro do Sudán africano; a madeira, os tecidos ou o ferro de Europa.

O Islam monopolizou durante máis de oito séculos as máis importantes rutas comerciais do mundo: a ruta caravaneira da seda, das estepas da Asia Central; a marítima do Índico (Mar Vermello, Golfo Pérsico); a fluvial do río Nilo e a mediterránea. Os zocos das cidades musulmás, coas súas rúas estreitas, foron un verdadeiro formigueiro de comerciantes e artesáns. Era un lugar da cidade musulmá onde se concentran os postos comerciais.

A civilización islámica tamén desenvolveu e perfeccionou sistemas de cultivo e de regadío en amplas zonas de pouca choiva. Introduciu novos cultivos como o algodón, o arroz, a cana de azucre e árbores froiteiras coma a laranxeira. Para iso, estendeu os sistemas de rega en múltiples facetas: pozos e canles subterráneas, noras, muíños. O desenvolvemento da civilización islámica foi debido a un perfecto equilibrio entre o campo e a cidade, entre a agricultura, a artesanía e o comercio.

A Organización Política do Califato Islámico

Os musulmáns crearon un tipo de goberno monárquico. O cargo principal era o de califa, xefe non só militar e político, senón tamén relixioso, xa que era o vicario e representante de Alá.

Cando as grandes conquistas obrigaron a dar unha organización máis sólida ao imperio acabado de conquistar, unha familia de califas, os Omeias, montaron unha burocracia dirixida por un primeiro ministro (visir) e dividiron o imperio en provincias gobernadas polos emires ou os walíes. En cada cidade, os cadíes administraban xustiza segundo os preceptos do Corán. Estableceron a súa capital en Damasco, anteriormente unha importante cidade bizantina. A influencia dos bizantinos islamizados foi moi importante no mundo musulmán. O árabe foi a lingua oficial.

Descargar

PDF Word HTML