Correntes Poéticas Galegas: Vangarda e Irmandades da Fala no Século XX

Otras lenguas extranjeras6,54 KB

A Poesía de Vangarda Galega: Xeración do 25 e os Ismos

Os escritores nados arredor de 1900 constitúen a xeración seguinte ás Irmandades da Fala e ao Grupo Nós. Recibiron o nome de novecentistas ou Xeración do 25 e incorporaron á nosa literatura os principios estéticos das vangardas europeas. As diferentes solucións estéticas reciben o nome de ismos.

Características Comúns dos Ismos Vangardistas

Movementos como o cubismo ou o futurismo, entre outros, compartían os seguintes trazos:

  • A reivindicación da materia artística como algo autónomo, sen conexión co mundo real.
  • Percepción simplemente intelectual da realidade e actitude antisentimental.
  • Innovación da linguaxe figurada: a sintaxe e as imaxes fanse irracionais.

Os poetas danse a coñecer en 1925 publicando revistas como Ronsel ou Alfar, que foron a súa canle de expresión. Foron capaces de incorporar as novidades sen renunciar ao sentimento, grazas a que mantiveron a tradición e a pegada dun poeta portugués que marcou os mozos intelectuais da época co saudosismo.

Correntes Poéticas da Vangarda Galega

Deste xeito, falamos de varias correntes poéticas, aínda que non todas se poden incluír dentro da vangarda plena:

Vangarda Plena: O Creacionismo

A primeira corrente é a Vangarda plena, representada polo creacionismo de Antonio Manuel Pérez. Este autor publicou xunto con Álvaro Cebreiro o único manifesto vangardista galego, ¡Máis alá!, onde propoñía a ruptura coa literatura galega que se facía ata aquel momento e a defensa do monolingüísmo.

De catro en catro, o único libro publicado en vida por Antonio Manuel Pérez, é un caderno de bitácoras da súa primeira navegación. Está composto por dezanove poemas que comezan cando o eu poético abandona a beiramar e se lanza ilusionado a unha nova experiencia. Continúa con dezasete poemas onde relata as súas vivencias no mar e remata coa volta á vila natal. No texto creacionista, a xustaposición de imaxes é a auténtica creadora, reducindo o poema a unha superposición de visións.

Tamén debemos destacar a Álvaro Cunqueiro, que conectou máis decididamente cos outros movementos de vangarda, como o cubismo (Mar ao norde) e o surrealismo (Poemas do si e non).

Vangardas Matizadas: Neotrobadorismo e Hilozoísmo

As dúas seguintes vangardas denominámolas vangardas matizadas, pois mesturan a tradición coa vangarda. Son:

  • Neotrobadorismo: Influído polos Cancioneiros medievais, prodúcese unha recreación e reformulación de estilos e temas, engadindo imaxes propias da poesía moderna. Os representantes son Fermín Bouzas Brey (Nao senlleira) e Álvaro Cunqueiro (Cantiga nova que se chama ribeira), quizais o libro máis significativo.
  • Hilozoísmo: Ten como principal representante a Luís Amado Carballo (Proel e O Galo). Neste movemento mestúranse imaxes vangardistas con metros e ritmos populares para nos ofrecer unha visión plástica e humanizada da paisaxe na que o elemento humano case desaparece.

Finalmente, debemos mencionar a Luís Pimentel (Triscos), que estivo presente nas iniciativas da vangarda galega.

A Poesía das Irmandades da Fala

No ano 1916, as Irmandades da Fala continúan coa labor de defensa e difusión do galego. Loitarán por estender a lingua en todos os ámbitos e xéneros.

Principais Expoñentes do Xénero Poético

No xénero poético, destacan Noriega Varela e Ramón Cabanillas, ambos continuadores do lirismo do Rexurdimento.

Noriega Varela: O Lirismo do Hermo

Noriega Varela, cuxo único libro é Do Hermo, presenta dúas liñas poéticas:

  • Costumismo: Caracterízase por ser continuador do realismo costumista do século XIX. Considera a poesía galega de carácter popular, cunha lingua popular, propia dos labregos da montaña.
  • Lirismo da natureza: Caracterízase pola ausencia de anécdota; aparecen sós o autor e a natureza. Amosa con tenrura as cousas humildes da natureza e da paisaxe de montaña. Séntese identificado coa soidade do ermo e así o mostra mediante a misantropía e a humildade franciscana que usa nos seus poemas.

Noriega Varela está claramente influído polos poetas portugueses, xa que mostra unha maior preocupación estética con numerosos cultismos e a coidada musicalidade do verso.

Ramón Cabanillas: O Poeta de Raza

Ramón Cabanillas, ou "poeta de raza" (denominado así pola defensa dos dereitos dos labregos de Galicia), cultiva dous tipos de poesía: lírica e narrativa.

Temáticas da Poesía Lírica de Cabanillas

Na lírica atopamos tres temáticas:

  • A intimista e amorosa (influencia rosaliana, A rosa de cen follas).
  • Unha costumista, de carácter satírico e humorístico.
  • E a social ou reivindicativa, que presentará unha ideoloxía agrarista ou nacionalista, fundamental na súa poesía pero non a máis numerosa.

Os seus poemarios No desterro e Vento Mareiro son de ideoloxía agrarista; neles denuncia os abusos do campesiñado por parte dos caciques e fidalgos. Obsérvase unha influencia da poesía cívica de Curros.

O seu poemario fundamental, Da Terra Asoballada, pertence á súa etapa galeguista; nel adopta as teses das Irmandades da Fala, que estarán presentes en Na noite estrelecida, que encadramos na etapa mitolóxica. Nesta obra vemos un Cabanillas máis innovador, influenciado polo Modernismo, en aspectos como: abundancia de adxectivación, escolla do léxico, uso do fonosimbolismo e fotosimbolismo.

Destaca a súa obra de posguerra Antífona da cantiga, que contén como prólogo a única prosa espontánea do autor; e Samos vai ser a derradeira obra, un poema descritivo de carácter didáctico sobre a historia do mosteiro.

Outros Colaboradores das Irmandades

Da época das Irmandades podemos destacar a Gonzalo López ou Victoriano Taibo, que contribúen coa labor de normalización da lingua.

Descargar

PDF Word HTML