Explorando a Variedade Lingüística, a Poesía e a Comedia

Otras lenguas extranjeras6,68 KB

Variación Interna das Linguas

O **modelo estándar** é só unha das múltiples variedades que existen dentro dunha lingua. Non hai unha única maneira de falar e de escribir un idioma. As linguas son realidades complexas e cambiantes, están en constante evolución.

Factores de Variación

  • Tempo: diacrónicas ou históricas
  • Espazo: diatópicas ou dialectos
  • Nivel social e cultural: diastráticas ou niveis
  • Situación comunicativa: diafásicas ou rexistros

As Variedades Diafásicas ou Rexistros

Pódese expresar de diferente maneira segundo a situación. As variedades da lingua motivadas polo contexto comunicativo chámanse **rexistros**. Nas situacións máis serias, úsase o **rexistro formal**, e nas máis distendidas, o **rexistro coloquial**. Entre estes dous extremos, existen múltiples posibilidades. Un falante competente ten a capacidade de adaptar en cada momento a súa lingua á situación en que se atopa.

Rexistros Adecuados aos seguintes factores:

  • Tipo de destinatarios: a quen nos diriximos e a relación que temos con eles.
  • Tema de conversa: non falamos igual de economía ca de deportes ou dunha película que vimos no cine.
  • Intención: varía dependendo de se queremos convencer a alguén de algo, se queremos divertir esa persoa, informala dun asunto, etc.
  • Canle: é diferente cando nos comunicamos por teléfono, por escrito, nunha conversa oral cara a cara, etc.
  • Marco de conversa: non falamos igual na aula do instituto, nunha festa nocturna, nun funeral...

Rexistro Formal

Usos: situacións formais (conferencias, exames, entrevista de traballo...)

Características: oracións longas subordinadas, vocabulario coidado e preciso, corrección lingüística (respecto polas normas gramaticais e polas regras ortográficas), abundancia de adxectivos, recursos literarios, pronuncia coidada, etc.

Rexistro Informal

Usos: situacións de confianza e familiaridade (conversas con amigos, mensaxes persoais...)

Características: oracións breves e sinxelas, vocabulario cotián, frases feitas e retrousos, trazos dialectais propios das distintas zonas, repeticións, palabras comodín, expresividade, etc.


A Poesía Social

A preocupación pola situación da sociedade e os seus problemas (crises económicas, guerras, ditaduras, desigualdades...) leva a algúns escritores a tomar partido polos máis débiles e a denunciar as inxustizas a través da súa obra.

A **poesía social** é aquela que ten a función de **compromiso** coa sociedade e **denuncia** aspectos negativos presentes nela.

Características

O poema é concibido como unha forma de **protesta** e de **testemuño** da realidade, ferramenta para concienciar á xente e transformar unha sociedade inxusta.

Temas: relacionados con problemas que afectan ao ser humano, a unha colectividade ou pobo: a pobreza, a fame, a explotación laboral, a emigración, a falta de liberdade e o autoritarismo das ditaduras, as desigualdades entre as persoas...

Contido: valórase tanto ou máis ca a forma; o que se di é tan importante coma o xeito en que se di. A **linguaxe** empregada adoita ser **sinxela** e **coloquial**, próxima ao lector para que a mensaxe chegue a un público o máis amplo posible.

A Poesía Social na Literatura Galega

No **Rexurdimento** (segunda metade do século XIX), autores como Rosalía de Castro e Manuel Curros Enríquez escriben poemas nos que manifestan a súa defensa de Galicia e da lingua galega, e critican a miseria e a explotación que viven os labregos.

No **século XX**, a poesía social acada un gran desenvolvemento por moitos autores que denuncian a marxinación de Galicia, os abusos das clases poderosas, as terribles consecuencias da Guerra Civil e a represión da ditadura franquista, o exilio. Grandes figuras como Celso Emilio Ferreiro.

Hoxe en día hai textos que reflexionan sobre temas da sociedade actual como a identidade nacional, o feminismo, o ecoloxismo, a lingua, a manipulación dos medios de comunicación...

A Poesía Intimista

É aquela que fala de vivencias, emocións, inquedanzas, reflexións vitais... Na **poesía intimista** o poeta expresa sentimentos e pensamentos persoais e íntimos (soidade, alegría, incertezas, amor, angustias, medos).

Características

  • Predomina o uso da **primeira persoa gramatical**.
  • Temas: pensamentos, sentimentos e experiencias da persoa: lembranzas da infancia, medo á morte, gozo do amor, nostalxia do tempo pasado... Prima a subxectividade.
  • Grande importancia dos **recursos literarios** para intensificar os sentimentos. É frecuente o uso de recursos semánticos como metáforas, imaxes, comparacións, antíteses... Poden ter diversidade de interpretacións ou lecturas.


A Comedia

Teatro pensado para ser representado por uns actores diante do público. Inclúe as palabras que din os personaxes e as indicacións.

Tres grandes subxéneros teatrais: a comedia, a traxedia e o drama.

Comedia

O obxectivo é entreter o público e facelo reflexionar sobre determinados aspectos da vida. Cando esta reflexión se realiza a través do humor, atopámonos coa **comedia**.

Os personaxes son **próximos**. Representan defectos, vicios, comportamentos ou actitudes facilmente identificables. Os personaxes son postos en situacións absurdas para divertir o espectador.

O conflito é **cotián**, serve para poñer en evidencia o aspecto que se quere criticar.

O final é **feliz**, o conflito adoita solucionarse de maneira positiva para os personaxes.

A linguaxe é **sinxela**, con predominio dun ton coloquial e humorístico.

As situacións presentadas deben **facer rir**.

Tipos de Comedias

  • Comedia de caracteres: descrición esaxerada dun ou de varios trazos psicolóxicos ou morais dos personaxes para criticar algunha farsa.
  • Comedia de costumes: ridiculiza determinados comportamentos ou formas de vida da sociedade.
  • Comedia de intriga: complica a acción a través de confusións e de malentendidos que crean situacións cómicas. Inclúe o vodevil.

Descargar

PDF Word HTML