A Literatura Galega no Exilio: Resistencia Cultural e Legado Pós-Guerra

Otras lenguas extranjeras2,81 KB

A Literatura Galega no Exilio e Posguerra (1936-1950s)

A Guerra Civil e a ditadura franquista desencadearon unha represión brutal que levou á morte e ao exilio a importantes figuras das nosas letras e supuxo un desmantelamento do sistema literario galego. Practicamente ata os anos 50, a cultura galega mantívose unicamente fóra de Galiza. Arxentina, México, Venezuela e Cuba acolleron aos nosos exiliados como Castelao, Lorenzo Varela e Luís Seoane, xunto con outros que xa estaban alí establecidos, como Blanco Amor, que continuaron a produción cultural galega.

Características da Literatura do Exilio

As características desta literatura foron o compromiso galeguista, a auxe da liña cívico-social, o cosmopolitismo e a mestizaxe.

Poesía no Exilio

Foi o xénero máis cultivado. A vertente social foi a máis frecuente. Os temas máis recorrentes foron a denuncia social, a reflexión sobre o drama dos emigrantes e dos exiliados galegos, e a reivindicación da dignidade e do pasado histórico de Galicia. Os principais representantes foron Luís Seoane, Lorenzo Varela e Emilio Pita.

Luís Seoane

Creador polifacético (pintura, gravado, edición...). Deixounos títulos como Fardel de eisilado, Na brétema e A maior abondamento, cuxas liñas temáticas máis importantes foron a recreación histórica de Galicia e a temática social.

Lorenzo Varela

Escribiu dous libros: Catro poemas para catro gravados (reivindicación do pasado histórico de Galicia) e Lonxe (poemario marcado pola saudade da terra e a Guerra Civil).

Emilio Pita

Escribiu Jacobusland, Cantigas de nenos, Os relembros e O ronsel verdegal. A denuncia da situación dos emigrantes, o testemuño da traxedia da Guerra Civil e a lembranza emocionada da paisaxe galega foron os temas máis recorrentes na súa obra.

Narrativa no Exilio

Destacaron as obras realistas cunha clara preferencia polos temas da Guerra Civil e as súas consecuencias, abordados desde unha perspectiva memorialista e nun ton de denuncia duns feitos vividos polos propios escritores. O mundo dos fuxidos, da guerrilla e da represión foron argumentos frecuentes. Os autores máis destacados foron:

Ramón Valenzuela

Foi o primeiro en testemuñar a Guerra Civil. Non agardei por ninguén está centrada na loita guerrilleira nos montes galegos. Esta temática tivo continuidade en Era tempo de apandar.

Silvio Santiago

Escribiu no exilio Vilardevós, novela sobre a súa infancia na aldea natal. Posteriormente publicou O silencio redimido, novela de corte autobiográfico, na que recrea as súas experiencias durante a guerra, a súa detención e a posterior fuxida ao exilio.

Descargar

PDF Word HTML