O Círculo de Viena e a Filosofía da Ciencia no Século XX
Enviado por Comunidad Wikiteka y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 3,17 KB
O Círculo de Viena: Orixe e Fundamentos
O Círculo de Viena comezou no século XX coas reunións de algúns científicos interesados na fundamentación das ciencias. Entre os seus integrantes atopábanse, entre outros, Carnap, Kraft, Schlick e Neurath. O punto de partida sería o comentario do Tractatus de Wittgenstein, que algúns consideran a "biblia" do movemento.
A Centralidade da Linguaxe
Unha característica fundamental do grupo é a preocupación que prestan pola linguaxe. A actividade científica, considerada como logoteórica, ten como función realizar nunha linguaxe referencial a totalidade do discurso verdadeiro. A principal función da linguaxe sería a representativa, a única que pode dar lugar a enunciados científicos.
O Criterio de Verificabilidade e Tipos de Enunciados
Para que unha proposición sexa significativa ten que ser verificable, é dicir, susceptible de ser declarada verdadeira ou falsa. Hai dúas maneiras de comprobar a verdade dun enunciado, a demostración e a experiencia:
- A demostración: É propia das ciencias formais e dá lugar a enunciados analíticos, que son aqueles nos que o predicado está comprendido no suxeito. Son verdadeiros pero non aportan nada novo, porque a información xa está no suxeito (Ex: Un triángulo ten tres ángulos).
- A experiencia: Dá lugar a enunciados sintéticos. Estes proporcionan información sobre o mundo; apórtannos datos, pero non son verdadeiros de xeito indubidable (Ex: A distancia máis curta entre dous puntos é a liña recta).
Referencialidade e Obxectos
Todo enunciado provisto de contido e sentido é referencial, é dicir, fala de algo. Existe un obxecto identificable. Estes obxectos poden ser de dous tipos:
- Entes extralingüísticos: Dan lugar a enunciados realistas e obxectivos.
- Entes lingüísticos: Dan lugar a enunciados metalingüísticos.
Circunscribir ou delimitar a linguaxe e a súa función representativa supón esquecer outras funcións da linguaxe como as emotivas e as expresivas.
A Unificación das Ciencias
Para o Círculo de Viena, a ciencia é o conxunto das proposicións verdadeiras. Eles pretenden facer unha linguaxe unitaria das ciencias mediante a unificación das diferentes linguaxes científicas. Aquí aparecen dúas tendencias principais:
Fenomenalismo
Sostén que a linguaxe unitaria debe ser fenoménica, é dicir, referirse a sensacións ou experiencias sensoriais, e non a obxectos físicos que trascenden a experiencia. A psicoloxía da experiencia sensorial sería a ciencia básica.
Fisicalismo
Afirma que a realidade está composta por uns obxectos que son independentes do pensamento. A ciencia refírese a estes obxectos. A física sería a ciencia básica.