Impacto Económico da Autarquía Franquista en Galicia

Enviado por Comunidad Wikiteka y clasificado en Historia

Escrito el en gallego con un tamaño de 8,74 KB

A Economía Galega na Posguerra: Impacto da Autarquía Franquista

A vitoria de Franco na Guerra Civil tivo unhas repercusións económicas moi negativas. A curto prazo, sumiu na fame e na miseria a moitos españois. A longo prazo, a política das autoridades franquistas consolidou unha economía moi pouco competitiva na que o tráfico de influencias e a corrupción foron os elementos máis salientados.

Os tres anos de enfrontamentos militares desarticularon a economía: a produción agraria e industrial diminuíu, destruíronse moitos medios e vías de comunicación, as reservas de ouro e de divisas minguaron e inutilizáronse edificios e instalacións fabrís. Pero, aínda que o réxime utilizou estes factores para xustificar a mala situación económica, a deterioración do equipo produtivo non foi en ningún caso tan grave como para motivar a negativa evolución dos anos inmediatamente posteriores a 1939 nin tampouco a lentitude para recuperar o nivel de actividade que había antes do conflito.

A Autarquía como Estratexia Económica Franquista

Un dos obxectivos primordiais do franquismo foi conseguir a autosuficiencia económica (autarquía), a partir do illamento exterior e da substitución do libre mercado pola intervención xeneralizada da administración. O resultado foi o bloqueo do crecemento económico, a redución da competitividade e o desaproveitamento da conxuntura económica favorable que Europa coñeceu tras a Segunda Guerra Mundial. Desta maneira, a incorporación de España á fase de crecemento rápido e de cambio tecnolóxico, que dominou Europa entre 1945 e 1973, produciuse cun atraso considerable e non se fixo efectiva ata a década de 1960.

Eixes da Autarquía: Regulación e Fomento Industrial

A autarquía tivo dous grandes eixes de actuación. O primeiro foi a regulación das importacións e exportacións. Tanto unhas como outras pasaron a estar completamente intervidas, de maneira que era necesaria unha autorización administrativa para realizalas. Con esta medida, na que tamén pesou a escaseza de ouro e de divisas que tiña o réxime, pretendíase limitar os intercambios co exterior, determinando que produtos eran fundamentais e cales eran superfluos. Con este mesmo obxectivo regulouse o cambio da peseta e establecéronse diferentes tipos de cambio segundo os produtos, aínda que sempre por riba do seu valor de mercado. Como consecuencia diso, encareceron os produtos que a economía tiña que importar (por exemplo, o petróleo) e produciuse unha grande escaseza de bens imprescindibles.

O segundo grande eixe da autarquía foi o fomento da industria, sobre todo de interese estratéxico coa fin de asegurar a independencia militar e política do novo Estado. As autoridades franquistas impulsaron as industrias de bens de equipo, que recibiron unha considerable e continuada axuda pública, o que xerou un gran gasto público, que tivo importantes efectos inflacionistas. En 1941, o mesmo ano no que se nacionalizou a rede de ferrocarrís coa creación de RENFE, fundouse a institución que había de ser a promotora desta política industrial: o Instituto Nacional de Industria (INI). A través do INI creáronse numerosas empresas públicas, o obxectivo das cales era producir os bens que o sector privado non producía por falta de rendibilidade ou por excesivos gastos de investimento. Como consecuencia disto, en moitas era indispensable para o conxunto da economía. Foi nestes primeiros anos, cando se crearon as principais empresas do grupo (Iberia, ENDESA, AUNOSA...).

Intervencionismo Estatal e Control de Prezos

A lentitude de recuperación económica da posguerra estivo directamente relacionada coa aplicación das ideas dos vencedores, que lle outorgaban ó Estado un papel intervencionista nas relacións económicas. Así, substituíuse o funcionamento do libre mercado pola fixación arbitraria dos prezos, ó mesmo tempo que se lles obrigaba ós particulares a solicitaren unha autorización á administración para iniciar unha actividade económica.

O Estado controlaba directamente o mercado e os produtores estaban obrigados a venderlle toda a produción a un prezo de taxa fixado previamente. Posteriormente, a Administración era a única que lle podía vender os produtos ó consumidor a un prezo tamén regulado. A taxación dos prezos dos alimentos por debaixo do seu valor provocou que moitos produtores preferisen agochar a produción para vendela no mercado negro, do cal obtiñan unhas ganancias máis elevadas. O resultado foi o desabastecemento xeneralizado de alimentos e a proliferación das ringleiras, o que obrigou a manter as cartillas de racionamento ata o ano 1951.

O Mercado Negro e o Estraperlo

Así pois, a regulación de prezos propiciou a aparición dun mercado paralelo e ilegal, o mercado negro, no que os estraperlistas realizaban as transaccións á marxe da lei. Entre os estraperlistas, encontrábanse desde produtores agrícolas, que desviaban os seus produtos das canles oficiais, ata funcionarios e altos cargos do réxime, que facilitaban e lle daban cobertura a ese tráfico, a cambio de substanciosas comisións. En moitos casos, os prezos do mercado negro chegaron a dobrar ou triplicar ós do mercado oficial. No caso do aceite e do trigo, un terzo de toda a produción foi comercializada a través destes procedementos ilegais. Ata a metade dos anos cincuenta, carbón e petróleo estiveron racionados; mentres que as restricións eléctricas eran habituais. A política autárquica, forzada polo illamento internacional ó que se viu sometido o réxime, deu orixe a todo tipo de escaseza.

Fame, Miseria e Consecuencias Sociais

As insuficientes cantidades de alimentos garantidas pola cartilla de racionamento e os elevados prezos dos produtos no mercado negro, fronte ós miserables salarios, provocaron fame para unha gran maioría da poboación, sobre todo nas grandes cidades como Barcelona ou Madrid. Por outra banda, a inexistencia de compra dos traballadores ó non poder esixir un aumento salarial que compensase a suba real dos prezos. Isto tamén lles afectou ás industrias de bens de consumo, como a téxtil, que sufriu unha redución da demanda, o que significou unha diminución do número de postos de traballo. As zonas como Cataluña, onde este tipo de traballo era maioritario e ademais as actividades industriais promovidas polo Instituto Nacional de Industria (INI) non eran importantes, sufriron cunha especial dureza as consecuencias da autarquía.

O Fin da Autarquía e as Primeiras Mobilizacións

Ó se iniciar a década dos anos cincuenta, comezaron a se facer evidentes o estangulamento económico e o esgotamento da vía autárquica, fenómeno que coincidiu cun cambio significativo nas relacións internacionais, empezou a se debuxar a necesidade de proceder a unha certa reorganización política e económica do réxime.

A política económica autárquica que se levou a cabo empobreceu unha gran parte da poboación e aumentou a desigualdade na distribución da renda. A redución do salario real, como consecuencia da suba dos prezos, e a imposibilidade de calquera reivindicación por parte dos traballadores, dada a ausencia de liberdade sindical, orixinaron unhas condicións de vida moi duras para moitos cidadáns. Isto explica a aparición das primeiras mobilizacións obreiras e cidadás. Así, entre os anos 1945-1947, un primeiro estalido de conflitividade percorre Cataluña, Asturias e o País Vasco. En 1951, un importante movemento de protesta estoupou en Barcelona. A súa orixe é o aumento do prezo do billete do tranvía, pero axiña deriva cara a unha protesta polos salarios e a falta de liberdade.

Conclusións: Fracaso da Autosuficiencia e Axuda Arxentina

Estas primeiras mobilizacións amosáronlle ó réxime o descontento coa situación económica, pero, ademais, o obxectivo de alcanzar a autosuficiencia fronte ó exterior fracasara. Desde moi cedo, as malas colleitas, a arbitraria política de prezos e os estrangulamentos dunha non menos arbitraria intervención, obrigaron a aumentar as importacións de alimentos, posible grazas á colaboración da Arxentina de Juan Domingo Perón. Estas axudas fixeron posible paliar a fame de moitos españois. Así e todo, a escaseza de divisas, e o seu uso na compra de alimentos, impediu importar materias primas e os produtos fabricados imprescindibles para o sector industrial. Malia a negativa do réxime a desprezar a peseta, o seu cambio oficial caeu durante a segunda metade dos anos corenta de 11,2 pesetas por dólar ata as 40 pesetas por dólar como resultado da falta de competitividade dos produtos españois. Isto obrigou a obter divisas moi de présa para pagar as importacións nun momento no que a conxuntura internacional se volvía máis favorable ó réxime.