Impacto dos prexuízos no uso da lingua galega
Enviado por Comunidad Wikiteka y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 2,64 KB
Estereotipos e prexuízos lingüísticos e a súa repercusión nos usos
Como institucións sociais, as linguas non son alleas aos estereotipos, aos prexuízos ou ás valoracións negativas. Todas estas ideas preconcibidas inflúen, pola súa vez, na percepción e nos usos lingüísticos dos cidadáns, que poden mesmo provocar nalgúns galegos un complexo de inferioridade con respecto á súa lingua inicial (autoodio).
Entre os prexuízos que existen sobre a lingua galega hai algúns que veñen xa de vello (o galego é lingua de pobres, ou lingua de pailáns), pero hainos tamén modernos, resultado do proceso de estandarización (o galego dos libros non o entendo). Vexamos algúns dos máis estendidos:
- O galego é lingua de pobres: hai pobres que falan castelán e empresarios que utilizan o galego.
- O galego é lingua de aldeáns: este prexuízo está a perder forza debido ao abandono das aldeas. É a versión lingüística dun estereotipo presente no que o da aldea é bruto e ruín, e o da cidade refinado e vantaxoso.
- O galego non serve fóra de Galicia: existiron idiomas "para fóra" como o esperanto, pero ninguén os sentía como propios como para que prosperasen. Ademais, o galego nunca brillou tanto coma na Idade Media, na que era lingua de todos.
- O galego é un idioma imposto: cómpre aclarar dúas cousas. Por unha parte, consérvase pola maioría de falantes e, por outra, foi aprobado no Parlamento de Galicia por unanimidade.
- O galego estándar é un idioma inventado: todos os idiomas cambian do que falamos na casa ao que utilizamos na escola, o estándar, pero iso non significa que sexa un idioma inventado.
En síntese, o repertorio de prexuízos que existen en galego non é moi distinto dos prexuízos que existen sobre outros idiomas noutros lugares do mundo. Afortunadamente, estereotipos negativos sobre a lingua como os arriba comentados están en retroceso, sobre todo entre os galegos máis novos. Mellor informados ca moitos dos seus maiores, non cren que o galego sexa un idioma que só falan os pailáns, nin consideran tampouco que o proceso de normalización galega sexa resultado da imposición violenta dunha minoría política fanatizada. Saben tamén que non se van poñer ricos só por nunca volver falar unha palabra en galego e, desde logo, non pretenden que os libros só empreguen as palabras galegas que eles coñecen, de maneira que ás veces teñen que buscar algunha no dicionario.