A Poesía das Irmandades da Fala: Noriega e Cabanillas

Enviado por Comunidad Wikiteka y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,11 KB

A Poesía das Irmandades da Fala

O período entre 1900 e 1936 caracterizouse por unha tendencia á modernización nos ámbitos económico e social. Apareceron sindicatos agrarios en protesta polas pésimas condicións nese sector. Este movemento recibiu o nome de Agrarismo e Basilio Álvarez (á fronte de Acción Gallega) foi un dos seus principais dirixentes. Desta forma, a agricultura galega integrouse na economía española e, ademais, produciuse un auxe da industria conserveira e da construción naval.

A primeira das Irmandades da Fala créase na Coruña en 1916. As Irmandades da Fala son asociacións creadas co obxectivo de estender o uso da lingua galega na vida pública. Tiveron presenza no eido político, cultural e literario. Defenderon o galeguismo e o nacionalismo, e crearon revistas como A Nosa Terra e editoriais como Céltiga e Lar, claves na difusión do galego.

A. Noriega Varela e a Estética Franciscanista

No ámbito poético destacan A. Noriega Varela e R. Cabanillas. Noriega Varela publicou unha única obra, Do ermo (1920), que na segunda edición pasa a chamarse Montañesas. Nesta obra reflicte o desexo de manter a literatura galega fiel á tradición rexionalista do século XIX, empregando para iso o costumismo e o lirismo da natureza como eixo central dos seus poemas. Ademais, caracteriza a súa poesía o canto aos elementos máis sinxelos e humildes da natureza (estética franciscanista), así como a influencia do saudosismo portugués nos seus sonetos.

Ramón Cabanillas: O Poeta da Raza

Nestes anos salientamos tamén a obra de Ramón Cabanillas, que manifesta plenamente os intereses do nacionalismo, motivo que o leva a ser declarado "poeta da raza". A súa poesía caracterizouse pola variedade temática e estilística:

  • Nas súas tres primeiras obras poéticas, No desterro, Vento mareiro e Da terra asoballada, abunda a poesía de denuncia social e significación cívica.
  • En A rosa de cen follas predomina o lirismo sentimental e intimista.
  • Na poesía narrativa destacan Na noite estrelecida (onde galeguiza a historia do rei Artur) e Samos.
  • Cabanillas tamén escribiu teatro (O Mariscal) e prosa (Antífona da cantiga).

Cabe destacar, en relación co anterior, a poesía costumista, os motivos novecentistas e as composicións patrióticas. Este autor conformou unha obra na que sintetizou correntes de finais do XIX e comezos do XX (romanticismo, modernismo, simbolismo...) e o legado dos autores do Rexurdimento (Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal).

Legado e Identidade Galega

A poesía das Irmandades da Fala xogou un papel clave na creación dunha identidade propia do pobo galego no primeiro terzo do século XX con autores como Noriega Varela, Ramón Cabanillas, López Abente e Victoriano Taibo.