Temas e Autores da Poesía Galega Actual (1980-2020)

Enviado por Comunidad Wikiteka y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 12,84 KB

A Poesía Galega de Finais do Século XX e Inicios do XXI

Temas, Autores e Tendencias Relevantes (Décadas dos 80 e 90)

Características Comúns das Últimas Tendencias

  • Reflexión sobre a propia linguaxe poética, con especial atención cara aos seus procesos formais. Especialmente na década dos 80.
  • A apertura temática que incide, primeiro, nunha certa actitude cosmopolita —con inclinacións cara ao culturalismo e a apertura ás influencias da literatura universal— e un certo regreso a temáticas sociais, xa na década dos 90 e comezos do século XXI.
  • A aparición dun verdadeiro movemento de fluxo e refluxo canto á presenza do "eu" poético, os modelos intimistas e, doutra parte, a querenza polo experimentalismo e o cotián.
  • A plena incorporación ao contorno poético de elementos procedentes das artes musicais e das plásticas (arquitectura, pintura, cinema...).
  • A presenza, especialmente significativa e crecente, de mulleres escritoras que, en boa parte dos casos, tentan achegar conscientemente un punto de vista xenérico, unha voz de muller.

División do Período Analizado

  • Unha 1ª fase de revisión do canon poético socialrealista e inicio do cambio de rumbo.
  • Unha 2ª fase de novas tendencias:

Os "Novísimos da poesía galega", un grupo de poetas mozos continuadores da tradición socialrealista entre os que figuraban **Darío X. Cabana**, **Xesús Rábade Paredes**, **F. Sexto Novás** e **Lois Diéguez**.

Ao abeiro das novas liberdades abandonouse a poesía comprometida herdada da poesía franquista e buscáronse novas pautas estéticas. A este cambio de orientación contribúe de maneira decisiva a publicación de *Con pólvora e magnolias* de **Xosé Luís Méndez Ferrín**, aínda que non renuncia aos conflitos políticos, presenta algunhas características da nova poesía como a experimentación das posibilidades formais, un signo xa explorado nas primeiras obras deste poeta e nalgunhas composicións de **Uxío Novoneyra**.

Non podemos esquecer *Herba de aquí e acolá* de **Álvaro Cunqueiro**, que para algúns críticos é a verdadeira iniciadora do cambio de rumbo da poesía dos 70.

A **Arcadio López Casanova** hai que recoñecerlle a importancia outorgada á palabra como xerme do poema e a súa preocupación pola forma, vinculada ao canto lírico ou cívico, en libros como *Sonetos da esperanza presentida* ou *Retratos para tempos de pouca luz*. Na súa obra *Mesteres* acode a unha extraordinaria utilización de procedementos estilísticos para transmitirnos a súa mensaxe elaborada.

Nos poetas que inician a súa andaina literaria a finais dos 70 pode observarse unha actitude de mudanza. No primeiro libro de **Alfonso Pexegueiro**, *Seraogna*, vemos esta ruptura formal coa estética socialrealista.

A Promoción dos 80: Estética Formalista ou Culturalista

O formalismo aparece como a liña estética predominante nos 80. Ateigada de referencias cultas e xogos intertextuais, que lles prestan en ocasións certo carácter hermético, recoñeceuse a esta poesía unha linguaxe capaz de integrar as estéticas doutras literaturas. Aos motivos universais hai que engadirlles unha temática intimista e reflexiva e unha certa predilección polo decadentismo. Nos autores adscritos a esta tendencia apreciouse na década de 1990 unha evolución cara a outras fórmulas máis comunicativas e menos artificiosas.

Entre os moitos poetas desta etapa destacamos:

Autores Destacados da Promoción dos 80

  • Xosé María Álvarez Cáccamo: Mostra ao longo da súa dilatada obra poética un discurso dominado pola circularidade de dous grupos de poemas: os intimistas, os de referencias familiares, á paisaxe e á reflexión sobre a palabra poética, xa presentes no seu primeiro poemario *Praia das fumas* ao que lle seguen *Arquitecturas de cinza* e *Os documentos da sombra*. Con *Luminoso lugar de abatemento* decídese por unha poesía máis intimista, máis próxima ás propias vivencias. E esta liña prolóngase en libros posteriores da década dos 90 ou nos seus libros a partir do século XXI.
  • Ramiro Fonte: Inicia con *As cidades da nada* unha poesía presidida polo coidado formal e as referencias culturalistas asentadas sobre a nostalxia e a melancolía proxectadas na paisaxe. O poeta sitúa tamén ditas referencias como episodios da propia experiencia persoal, como elementos vividos intimamente e que acaban por formar parte do propio "eu" poético que establece un diálogo intenso con ese singular cosmos que o rodea. Tal proceder ocupa versos de poemarios como *Pensar na tempestade*, *Pasa un segredo* ou *Adeus Norte*. Nos poemarios da década dos 90 cambia de rumbo, explorando novas fórmulas expresivas, máis evidente nos derradeiros libros como *O cazador de libros*, ou o póstumo *Reversos*.
  • Miguel Anxo Fernán-Vello: A súa obra poética aparece recollida en *Trópico de lúas*, trátase dunha poesía que presenta certa unidade temática —erotismo, vinculación á terra, morte e soidade— e preocupación formal. En *As certezas do clima* péchase este discurso para entrar nunha nova "experiencia cosmovisionaria". As últimas achegas constitúenas poesías de índole reflexiva que pretenden "ser unha voz de alarma ao lector"; nesa procura do transcendente vai a última obra: *Dicionario do estremecemento*.
  • Román Raña: Na súa poesía abundan os temas universais (amor, paso do tempo e morte), tratados con gran rigor formal, musicalidade e tendencia aos metros clásicos en *Nas arelas doutro mar* ou *Extramuros da noite*. Coa aparición de *As metamorfoses do túnel* e *Zen invernas* inclínase por unha lírica máis reflexiva, que regresa ao "eu" poético, e na cal, á beira do esteticismo e das referencias culturalistas, xorden as vivencias persoais, a dor polas presenzas da morte ou a crónica do desamor.

A Poesía da Experiencia

Caracterízase pola presenza dunha linguaxe máis fluida. O propósito é comunicar as experiencias íntimas e cotiás ou abrirse a cuestións sociais cunha expresión directa. Algúns dos escritores da liña anterior conflúen nesta tendencia.

  • Manuel Rivas: A identificación coa terra e a paisaxe —xeográfica (rural e urbana) e humana— vai cobrar unha dimensión social na súa poesía. *Balada nas praias do Oeste* e *Mohicania* reafírmanse nesta poética, que cobrará unha expresión máis sinxela e desenfadada en títulos posteriores (*Ningún cisne*, *Costa da Morte blues*). A súa obra poética está agrupada no volume *Do descoñecido ao descoñecido*.
  • Cesáreo Sánchez Iglesias: Aposta por unha forma sinxela, que rexeita a narratividade e o verso longo e gaña en capacidade evocativa. É característica da súa escrita a profusión de símbolos, na maior parte plurisignificativos (así o símbolo da auga na triloxía *O cántico da fonte*; *Mar do fin da terra*; e *Do esquecemento o río*). *Escrita luz* é unha antoloxía persoal que lle ofrece ao lector unha explicación do seu proceso creativo e poético.

A Recuperación da Voz Feminina

Paralela á presenza do discurso feminista e á incorporación dun maior número de mulleres poetas, xorde unha linguaxe de expresión feminina que tenta loitar contra o denominado "androcentrismo" da que está afectada a poesía galega.

  • Pilar Pallarés: Manifesta unha poética intimista, sobre todo en *Sétima Soidade*, ancorada na reflexión sobre a soidade, a falta de comunicación humana e desesperanza. No *Libro das devoracións*, atopámonos cunha autora máis madura, preocupada por facer unha poesía transcendental, que terá continuidade en *Poemas*; en edición dixital figuran varias obras do 2002 como *Non coñezo, non sinto, non comprendo*; *Persisto...*
  • Xela Arias: Este universo íntimo en que a muller asume un papel activo para deixar constancia da súa feminidade, aparece na obra desta muller, cunha estética máis vangardista, *Denuncia do equilibrio* e unha maior carga erótica e provocativa *Tigres coma cabalo*, na que tamén ten cabida o desamor e a soidade. O último poemario, *Intempériome*, é un exercicio poético no que ela quere espir a súa alma, dunha forma descarnada, sacándoa á intemperie.
  • Ana Romaní: O seu universo feminino está dominado pola evocación amorosa e o paso do tempo, *Palabra de mar* e *Das últimas mareas*. Destaca tamén unha marcada tendencia ao poema breve ou aforístico, *Arden*. Nos seguintes versos apreciamos esa visión reivindicativa da muller "que se rebela contra a historia".

A Década dos 90 e os Inicios do Século XXI

Dentro da nova promoción destacada pola pertenza a empresas culturais comúns (revistas, coleccións, recitais, ...) e a converxencia en modelos temáticos e compositivos diferentes das promocións anteriores, establecemos seguindo un criterio puramente pedagóxico:

Poesía de Transición

Grupo formado por autores que amplían a poética dos 80 optando pola reflexión transcendente e a depuración temática; poética posta ao servizo da introspección, onde destacamos varias voces:

  • Miro Villar: conceptual e figurativa, canalizada a través de metros clásicos e múltiples rexistros. *Ausencias pretéritas*, *Equinoccio de primavera* son dous exemplos.
  • Gonzalo Navaza: a súa voz pode ser emotiva e irónica en *Fábrica íntima* ou *Libra* ou tamén experimental no seu traballo cos palíndromos de *A torre da derrotA*.

Rafa Villar: Na linguaxe intensamente simbólica que se inicia na indagación do proceso poético en *Liques da memoria* e continúa en *Casa ou sombra* na indagación minimalista. A última das súas obras dá mostras da súa inclinación política, *Migracións*.

Poesía Provocadora e Contestataria

Unha segunda vía liberadora e provocativa, é a que utiliza a poesía como un elemento de contestación, ben desde a sinxeleza ou ben desde a opulencia expresiva.

No primeiro subgrupo citamos a **María Xosé Queizán**; os seus libros de poesía seguen o proxecto ideolóxico da recuperación dun discurso feminino liberador, agora con novos imaxinarios amorosos como vemos en *Metáfora da metáfora*; *Despertar das amantes* ou *Elas*. A recompilación da súa obra poética figura en *Non o abras como unha flor*.

Máis provocativa na súa loita contra os convencionalismos resulta a poesía de **Lupe Gómez**, *Pornografía*, por exemplo, revela esa poética de liña clara e frases curtas; vital e transgresora.

No segundo subgrupo (aquí a intencionalidade subversiva apóiase nunha liña de sensualidade e de erotismo). **Yolanda Castaño** preséntase como crónica dunha relación erótica asemade inocente e perversa: *Vivimos no ciclo das Erofanías* e de máis recente edición *Profundidade de campo*.

O discurso exuberante de **Olga Novo** retoma o tema do erotismo desde o seu primeiro poemario e na última obra acode á presenza do telúrico como forma de autodefinición erótica.

Poesía do Íntimo e do Cotián

Este grupo segue a vía de recuperar a memoria, ficcionalizar os referentes cotiáns ou reflexionar sobre a propia entidade.

A presenza das formas populares da fala, unida a un marcado ton épico e solidario, marcan a traxectoria poética de **Anxo Angueira** iniciada con *Val de Ramirás* e continuada en *O valo de Manselle*. *Fóra do sagrado* constitúe un extenso e apaixonado retrato de Vigo, vista como cidade cosmopolita e mariñeira.

En **Fran Alonso** a utilización dos recursos da fala xúntase á vontade de mesturar diferentes estruturas xenéricas (*Persianas, pedramol, e outros nervios*; *Tortillas para os obreiros*) para expresar mundos urbanos en *Cidades*; mentres que **Emma Couceiro** con *Humidosas* e *As entrañas horas* bota man de claves simbólicas para internarse na reflexión sobre o seu mundo interior.

Estas incursións aprécianse tamén en **Estevo Creus**, aínda que marcadas pola influencia de correntes como o surrealismo: *Areados*, *Poemas da cidade oculta*, *Decrúa*.

Outras Liñas Poéticas

A maior distancia das vías anteriores polo seu grao de experimentación, entraría a poesía de **Manuel Outeiriño**. Á polifonía de *Depósito de espantos* e *Letras vencidas*, tamén regulada polo humor, engádese a expresividade da linguaxe.

A vontade de estilo de **María de Cebreiro** arrinca con *O estadio do espello* e continúa con *Non queres que o poema te coñeza*, cheo de referencias culturalistas, e con *Non son de aquí*.

A esta gran diversidade de autores e títulos pódense apuntar outros poetas como **Lucía Novas**, **Emma Pedreira**, **Carlos Negro**.