Historia da Normativización do Galego: Estándar, Normas e Desviacións
Enviado por Comunidad Wikiteka y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 3,97 KB
Historia da Normativización do Galego: Construción do Estándar e Desviacións
O galego aspira a ser un instrumento útil e eficaz para a sociedade do futuro, ademais de ser o núcleo cultural aglutinador de toda a comunidade galega; pero para iso precisa dunha variedade unificadora, común a todos os falantes, unha variedade que sirva de vehículo para a comunicación formal, a producida no ensino, nos medios de comunicación escritos e orais, na Administración, na actividade cultural, nos actos públicos... O proceso a través do cal se "elabora" esta variedade denomínase estandarización lingüística ou normativización.
O galego, debido á súa situación de subordinación nos séculos XVI e XVII, conservouse unicamente como lingua oral e popular. Só cando o galego comezou a recuperarse como lingua de cultura, a partir do século XIX, puido acometer o labor de estandarización, con moita posterioridade respecto ás linguas románicas xa normalizadas.
Normativización e Normalización: Conceptos Clave
O proceso de normativización dunha lingua está estreitamente relacionado co da súa normalización.
Elaboración do Estándar do Galego
A normativización é un proceso lento e laborioso, arredor do cal xorden con frecuencia polémicas. Os primeiros pasos para levalo a cabo son a fixación dunha ortografía, a escolla dunha variedade estándar (isto é, o establecemento dunhas normas comúns) e a elaboración de dicionarios e gramáticas. Disto ocúpanse os lingüistas e os filólogos. No caso do galego, os dicionarios e as gramáticas comezan a aparecer na década de 1860. Cómpre esperar ao século XX para que xurdan as primeiras propostas dunhas normas comúns, aínda que desde o século XIX os escritores xa se amosaban plenamente conscientes desta necesidade.
Antecedentes da Normativización
O antecedente máis claro na elaboración da variedade común ou estándar atópase en Algunhas Normas para a Unificación do Idioma Galego, que publicou o Seminario de Estudos Galegos, coa posterior Engádega ás Normas para a Unificación do Idioma Galego en 1936.
A Normativización na Posguerra e a Creación do ILG
Na década dos anos setenta, logo do silencio da posguerra, a Real Academia Galega saca á luz os primeiros resultados no proceso de estandarización. En 1970 aparecen as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego. En 1971 créase na Universidade de Santiago o Instituto da Lingua Galega (ILG), órgano fundamental, xunto coa Real Academia Galega, para que o labor de normativización se poida levar a cabo. O ILG publica nesa década os primeiros métodos de aprendizaxe do noso idioma: Galego 1, 2 e 3.
Pautas para a Variedade Estándar: Exclusións
As Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego pretenden elaborar "unha lingua común asentada na fala, depurada de castelanismos, supradialectal, enraizada na tradición, coherente e harmónica coas demais linguas de cultura". Esas pautas esixen excluír da variedade estándar:
- O diferencialismo radical (hipergaleguismos): a falsa "galeguización" de formas que coinciden co castelán (*zoa, *semán...).
- Os vulgarismos: resultado dalgún tipo de vacilación, vocálica ou consonántica, en moitos casos por adición ou supresión dun elemento (*soio, *espranza...).
- A evasión cara á lingua medieval (arcaísmos).
- Os lusismos: termos do portugués que substitúen a forma galega (*até, *luta...).
- Os castelanismos: vocábulos casteláns que substitúen aos galegos (*a mel, *andivera...).
- As interferencias: aqueles préstamos innecesarios para cuxo significado temos unha forma galega; a maior parte proceden do castelán ou do inglés (*hall, *chic...).