As Xeracións Literarias do Período Nós en Galicia
Enviado por Iván Castro Rascado y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 2,99 KB
As Grandes Xeracións de Escritores do Período Nós
1. Xeración de Antre Dous Séculos
Así denominada a partir do libro homónimo de Xerardo Álvarez Limeses, composta por autores como Ramón Cabanillas, Antonio Noriega Varela..., que son herdeiros dos grandes autores do XIX aos que imitan en grande medida pero son influídos polo ambiente finisecular: modernismo hispánico, simbolismo francés, esteticismo, orientalismo, misticismo...
2. Xeración Nós
Composta por Castelao, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, .... Trátase dun núcleo de autores ben caracterizado, tanto dende o punto de vista xeracional como dende o das afinidades culturais e estéticas, que constitúe o centro a partir do que irradian a maior parte das actividades literarias da época. Con todo, dentro desta xeración destaca o Cenáculo Ourensán, tanto polas súas contribucións teóricas como creativas.
3. Xeración de 1925
Composta por Luís Amado Carballo, Manuel Antonio, Rafael Dieste, Eduardo Blanco Amor... Son os encargados de introducir na nosa tradición literaria o elemento alleo e a modernidade, a través de diferentes movementos de vangarda.
4. Xeración de 1936
Composta por Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro ... Son autores que, sendo aínda moi novos na altura de 1936, publican daquela as súas primeiras obras e servirán como ponte de enlace na posterior recuperación da tradición literaria galega a finais dos anos corenta.
Características do Período Nós (P.V. Cultural-Literario)
- Creación e potenciación dunha rede de infraestruturas culturais que serven de sostén para o desenvolvemento normal da cultura galega. O Seminario de Estudos Galegos foi o motor dunha renovación total do coñecemento científico sobre o propio país, o Conservatorio Nacional de Arte Galega foi o impulsor do teatro galego, considerando unha arte estratéxica para o espallamento da conciencia galeguista; a creación e mantemento de editoriais como Nós, Lar...; a edición de revistas como A Nosa Terra, Nós...
- Creación e potenciación de novos xéneros literarios que outorgan maior normalidade á presenza pública da lingua como a novela, o ensaio...
- Recuperación e modernización da tradición literaria.
- Procura do cosmopolitismo eliminando intermediarios e o diálogo coas correntes estéticas europeas da época.
- Superación do rexionalismo e consolidación do nacionalismo a través dun corpus teórico amplamente difundido na época e que contou con autores como os irmáns Villar Ponte, Risco, Otero Pedrayo...
- Construción de elementos identitarios que servisen como resposta aos espallados polo nacionalismo español: Camiño de Santiago fronte a Reconquista, enxebre fronte a castizo, cancioneiros medievais fronte ao Cantar del Mío Cid; a saudade como compoñente espiritual específico do pobo galego, compartido polos portugueses...