Comercio Internacional: Indicadores, Bloques y Desigualdades
I. O Comercio Internacional
Os Indicadores do Comercio Exterior
O valor do comercio entre os diversos países recóllese:
- Na balanza comercial, que é a diferenza entre os produtos que un país vende ao exterior e os que lles compra a outros países. Se o valor das exportacións é superior ao das importacións, a balanza é positiva. En caso contrario, a balanza é negativa.
- Na balanza de pagamentos, que rexistra todos os intercambios económicos dun país, tanto de produtos (mercadorías) coma de servizos (turismo ou transporte, entre outros) ou de capitais financeiros (movemento de capitais). Se o valor dos ingresos supera o dos gastos, a balanza de pagamentos é excedentaria, e é deficitaria, en caso contrario.
Grandes Bloques Comerciais
O comercio exterior entre países alcanza na actualidade un gran volume e extensión.
- A Unión Europea, Estados Unidos e Xapón son as principais áreas comerciais. Intercambian entre si manufacturas, tecnoloxía e capitais, e compran materias primas e produtos enerxéticos aos países subdesenvolvidos.
- Os países emerxentes (China, India, Brasil e os Novos Países Industriais) teñen tamén unha gran participación no comercio internacional, grazas á masiva exportación de manufacturas de baixo prezo aos países desenvolvidos. Nesta mesma situación atópanse algúns países de Oriente Próximo exportadores de petróleo.
- Por último, a participación máis baixa no comercio mundial corresponde aos países da África subsahariana, que exportan materias primas e combustibles e importan manufacturas.
II. O Comercio Desigual e a Débeda Externa
O volume comercial dos países menos desenvolvidos é moi escaso debido ás características da produción e dos fluxos comerciais. Moitos países, cunha economía de subsistencia, non teñen sequera bens para acceder ao comercio internacional. Outros cultivan produtos ben cotizados, como café, cacao, azucre e algodón, destinados á comercialización mundial: as súas economías nacionais chegan a depender nun 80 ou 90% da súa exportación. No entanto, os prezos fíxanos, nas bolsas de Nova York, Londres, París..., as multinacionais que obteñen elevados beneficios do seu papel de intermediarios. Por esta razón xurdiu un tipo de comercio alternativo denominado comercio xusto ou solidario.
En ocasións, os países menos desenvolvidos quedan á marxe do tráfico de mercadorías. Existen tres grandes fluxos comerciais a nivel mundial que unen América do Norte, a Unión Europea e Xapón-Corea. Así e todo, extensas áreas de América Latina, África e Asia quedan illadas das rutas comerciais e resúltalles moi difícil acceder a elas porque as súas redes de comunicación son moi deficientes e con escaso potencial.
Deste xeito, as balanzas comerciais destes países son deficitarias, porque exportan poucos bens a baixos prezos, mentres que importan produtos manufacturados a prezos elevados, procedentes do mundo desenvolvido. O déficit agrava o problema de débeda externa, que ameaza as súas economías e pon en evidencia as fondas contradicións da globalización.
O Fondo Monetario Internacional (FMI) ou o Banco Mundial concédelles préstamos que non poden devolver, e como consecuencia disto, a acumulación de xuros chega a triplicar ou cuadriplicar o crédito inicial; cada vez lles resulta máis difícil saír da situación de pobreza e por iso se baralla a necesidade de condonar a débeda externa dos países máis pobres.