Lingua galega: orixe, substrato e superestrato
As linguas, como códigos de comunicación entre os seres humanos, transmítense de xeito natural dun individuo a outro e de xeración en xeración, adaptándose ás necesidades comunicativas da comunidade que as utiliza. É dicir, unha lingua dispón sempre dos recursos necesarios para todas as circunstancias comunicativas dos seus falantes.
Deste xeito, a lingua dunha comunidade asentada en Centroeuropa, como o luxemburgués actual, non necesita un cento de nomes de peixes existentes nas costas atlánticas porque non está en contacto con eles. Pola contra, isto é imprescindible no galego, lingua que ten que expresar a realidade de moitos quilómetros de costa, onde cada peixe pode ter dous ou tres nomes diferentes. Se a realidade se transforma, a lingua terá tamén que adaptarse á nova situación, desbotando palabras innecesarias xa ou creando novos nomes para realidades emerxentes.
Contacto entre linguas
Cando os falantes se moven do territorio que ocupan orixinariamente, poden suceder, de maneira moi simplificada, dúas cousas. Por un lado, os seus falantes, conquistando novos territorios, poden impoñer o uso da súa lingua, sufocando as existentes antes da súa chegada. Ou ben poden asumir a lingua falada no novo destino e deixar de falar a lingua que posuían. En todo caso, a existencia de máis dunha lingua provoca, en practicamente calquera circunstancia, unha situación de conflito lingüístico e achegas entre as linguas en contacto.
As situacións de poder, estabilidade ou desaparición dunha lingua acostuman acompañar o devir histórico da comunidade de falantes que a utiliza, co que as mudanzas na comunidade e, consecuentemente, na importancia dunha lingua, son habituais ao longo da historia.
A orixe do galego
Cando falamos do galego é común dicir que a nosa lingua provén do latín, polo que esta é a lingua base da lingua galega actual. Temos que saber que as linguas novas aprendémolas a partir da nosa lingua materna, co que esta inflúe na forma de pronunciar dos neofalantes e acostuma nutrir o léxico daquelas realidades descoñecidas para a nova lingua. Isto sería unha lingua de substrato.
Hai aínda a posibilidade de que, estando asimilada a nova lingua, outras cheguen con novo vocabulario sen que por isto perigue a existencia da lingua base. Son as linguas de superestrato.
O tempo é outro factor decisivo nas modificacións lingüísticas, xa que favorece o desgaste e a perda ou asimilación de vellas e novas solucións, ata facer que sexa moi difícil, analizando a lingua actual, recoñecer aquela outra lingua da que partiu. Así, o galego formouse a partir do latín, ao que se lle engadiron as linguas que se falaban neste territorio, que conformarían o substrato, e logo engadíronse influencias doutras linguas posteriores, que son o superestrato.
Influencias de superestrato
Son influencias de superestrato, sobre todo de orixe xermánica e árabe:
- Topónimos
- Léxico de administración, guerra e oficios
- Léxico común
- Antropónimos e topónimos rematados en -mil, -ufe, -ans, etc.